OS MONICREQUES DE KUKAS na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 17 de febreiro, ás 17 h, OS MONICREQUES DE KUKAS estarán na Casa-Museo Manuel María para representar De trebellos, perellos e fedellos. Xan Perillán vai á biblioteca. Espectáculo, este, dirixido para as crianzas de tres a oito anos, e en que o protagonista, Xan Perillán, a través da pintura, a maxia e os monicreques, representa varios poemas do libro “De trebellos, perellos e fedellos”do que é autor e ilustrador o propio Kukas.

Para asistir ao espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Conferencia ROSALÍA DE CASTRO, DE ONTE A HOXE, de Pilar García Negro, na Casa da Cultura de Vilalba

QUERO VER O MAR-HOMENAXE A ROSALÍA

CONFERENCIA

“ROSALÍA DE CASTRO, DE ONTE A HOXE”

Impartida por PILAR GARCÍA NEGRO

VENRES 16 DE FEBREIRO DE 2024 – 20:00 H.

CASA DA CULTURA DE VILALBA

O Instituto de Estudos Chairegos, dentro dos actos que durante os meses de febreiro e marzo ten programados en homenaxe a Rosalía de Castro baixo o título de QUERO VER O MAR-HOMENAXE A ROSALÍA, organiza o venres 16 de febreiro de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a CONFERENCIA “ROSALÍA DE CASTRO, DE ONTE A HOXE”que será impartida por PILAR GARCÍA NEGRO, profesora honoraria da USC e escritora, contando tamén coa presentación de MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_PILAR-GARCIA-NEGRO-copia

SINSAL publica as ‘Sesións San Simón’, gravacións que as bandas e solistas rexistraron en cilindro fonográfico

Sinsal publica as ‘Sesións San Simón’, as gravacións en cilindro fonográfico nas que participaron as artistas da pasada edición do festival


Os rexistros, realizados polo experto Aleks Kolkowski, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do Sinsal,  www.sinsalaudio.es. O cineasta vigués Álex Cancelo tamén recolleu en vídeo as gravacións, cuxas primeiras pezas amosan a participación de Hatis Noit, Fillas de Cassandra ou Ana Lua Caiano nesta proposta, aberta ao público durante a celebración do evento

Xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia polo experto Aleks Kolkowski. Os primeiros audios, que se acompañan ademais dunha peza audiovisual, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio. As Sesións San Simón forman parte das actividades paralelas do Sinsal, que cada verán se celebra na illa de San Simón. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera.As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente.

Ademais do rexistro da canción, Sinsal recolle tamén esta gravación en vídeo da man do cineasta vigués Álex Cancelo. As piezas audiovisuais pódense visualizar a través do web www.sinsalaudio.es, na que xa están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7. 


Enlaces directos ás Sesións San Simón do Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2023

Vídeo e audio da Sesión San Simón con Hatis Noit
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Dal:um
Vídeo e audio da Sesión San Simón con AGD7
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Duo Ruut
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Leenalchi
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Ana Lua Caiano
Vídeo e audio da Sesión San Simón con Fillas de Cassandra

Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024 celebrará a súa nova edición na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento cultural do cartel secreto, que o público só descubre ao desembarcar, volverá ofrecer unha programación musical caracterizada pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo a última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, durante o festival sucédense numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, ou á recuperación dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas como as Sesións San Simón

20240209-NP-Sesions-San-Simon

Exposición VOCES PALESTINAS QUE CONTAN na Casa da Cultura de Vilalba

Exposición VOCES PALESTINAS QUE CONTAN

Da Biblioteca Agustín Fernández Paz

IES BASANTA SILVA DE VILALBA

Do 13 de febreiro ao 12 de marzo de 2024

CASA DA CULTURA DE VILALBA

O Instituto de Estudos Chairegos organiza na Casa da Cultura de Vilalba a Exposición VOCES PALESTINAS QUE CONTAN, montada pola Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva

Permanecerá aberta ao público dende o 13 de febreiro ata o 12 de marzo de 2024.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O HOME ROTO

O home roto, trala construción de muros invulnerables, amosa imaxe de fortaleza e seguridade. Semella sempre preparado para o próximo combate. Mais cando o abanean, un botín de cristais afiados reméxese violento no seu interior, nunha turbulenta revolta indiferente á coiraza.

Semella no mundo un soldado invencible o home feito cachizas. O home feito cachizas trala fiestra tapiada.

Maneiro presenta o seu último disco, ‘Un bonito despertar’, en sete localidades galegas

O cantante e compositor actuará nos meses de febreiro e marzo en salas de concertos e teatros de Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo, Ferrol e Pontevedra; e as entradas están á venda desde hoxe a través das plataformas www.enterticket.es e www.ataquilla.com

Javi Maneiro iniciará no mes de febreiro a xira de presentación do seu último álbum, Un bonito despertar, por teatros e salas de concertos de Galicia. O cantante e compositor dará así a coñecer o seu cuarto disco, publicado a pasada primavera e que agora por fin poderá compartir ao vivo, plenamente, co público galego.

En total serán catro fins de semana nas que Maneiro visitará sete localidades galegas. A xira, que conta co apoio da Xunta de Galicia, comezará o 3 de febreiro en Boiro e, ao día seguinte, o domingo 4, o cantante desprazarase a Ourense. Despois do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, Maneiro estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Maneiro móstrase “moi ilusionado” por comezar esta serie de directos polas catro provincias logo da presentación oficial que tivo lugar, o pasado mes de xuño, na Sala Capitol. Agora, o cantante poderá compartir co seu público os temas do seu cuarto disco, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Sobre o escenario, Maneiro acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).

Os billetes (10 euros máis gastos de xestión) para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir desde hoxe mesmo a través das plataformas  www.enterticket.es (para os directos de Boiro, A Coruña, Lugo e Vigo) e www.ataquilla.com (Ourense, Pontevedra e, proximamente, Ferrol).


Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido


No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará o vindeiro 3 de febreiro unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.



Datas e enlaces das entradas – Xira de presentación Un bonito despertar

03.02.2024 Boiro | A Pousada das Galicia Imaxinaria, 22.00 horas
04.02.2024 Ourense | Teatro Principal, 20.00 horas
17.02.2024 A Coruña | Playa Club, 22.30 horas
18.02.2024 Lugo | Sala Jagger, 19.00 horas
24.02.2024 Vigo | Master Club, 22.30 horas
25.02.2024 Ferrol | Centro Torrente Ballester, 19.00 horas
02.03.2024 Pontevedra | Teatro Principal, 22.00 horas

20240117-MANEIRO-presenta-o-seu-novo-LP-en-sete-localidades-de-Galicia