O Colectivo RPM anuncia as e os artistas seleccionadas e seleccionados para as Residencias Paraíso 2024

O programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia contará en 2024 con Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024 no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia

Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As Residencias Paraíso –un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio– contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa oitava edición, que se desenvolverá ao longo deste 2024 en nove espazos de toda Galicia. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– ven de seleccionar a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’. 

A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2024 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Bea Fernández (artista e responsable de La Poderosa en Barcelona), Bal Castro (artista galego, artista Paraíso 2023), Lola Correa (comisaria independente galega), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso). 

O programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024 no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro de 2024 na Illa de San Simón.

O proxecto Residencias Paraíso, impulsado por RPM, é un programa interinstitucional que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia. 

PROXECTOS SELECCIONADOS NAS RESIDENCIAS PARAÍSO 2024

Neste 2024, o programa ábrese nun novo espazo colaborador, a Casa da Cultura de Vimianzo. Alí, Sergio Marey levará a cabo unha residencia de creación para o seu proxecto Todo o mundo é contra min-eh, para a construción dunha peza performativa a partir do seu propio ensaio de investigación sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega publicado en 2023. Sergio Marey propón unha reflexión sobre a importancia de mirar ao folclore galego desde unha perspectiva queer, reinvidicando a nosa cultura popular como un espazo de liberdade.

Xa no verán, a primeira das dúas residencias combinadas entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG en Santiago de Compostela acollerá o proxecto Do outro lado, dos creadores galegos Fran Rodríguez e Brais Pombo. O proxecto ofrece unha mirada ecoloxista –a cabalo entre a linguaxe audiovisual e a escénica– para afondar na tensión entre capitalismo, territorio e comunidade, coa revolta veciñal acontecida nos anos 80 na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes, Pontevedra) como telón de fondo.

A continuación, a bailarina e creadora aragonesa Ana Cotoré será a segunda artista residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG co seu proxecto No necesito un nombre para ser mascota. Nesta residencia de creación, Cotoré traballará nos conceptos de domesticación e cansanzo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención.

No marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) desenvolverase unha residencia na Igrexa da Madalena co colectivo madrileño Desgarradura –do que forma parte o galego Lucas Ares–, para o seu proxecto The miracle worker. Trátase dun proxecto de creación no que construír un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro arredor dos conceptos de fogar, familia, recordo e perdón, contrastando o traballo co vídeo en directo en espazos non convencionais.

A artista galega Noela Covelo e a francesa Élise Moreau –afincadas en Barcelona– serán as artistas residentes do Pazo da Cultura de Pontevedra co seu proxecto En esta sala hay magia. Con este proxecto de investigación que indaga nos mecanismos do xénero da ópera –cunha perspectiva experimental a partir da obra de A frauta máxica–, as artistas traballarán paralelamente nos campos sonoro e coreográfico.

Por outra banda, O Vello Cárcere de Lugo será o espazo de residencia da creadora escénica galega Cris Balboa para o seu proxecto Sinte, no que autobiografía e a música electrónica mestúranse nunha viaxe desde a fraxilidade á celebración.

Pola súa banda, O Vello Cárcere de Lugo acollerá a investigación performativa Hydra, do creador uruguayo afincado en Lisboa Lucas DamianiHydra é un proceso de investigación que vai na procura dun encontro íntimo con materias en estado de transformación; unha paisaxe líquida de corpos, sons e materias que revelan o desexo e as súas oscilacións co xeo como elemento de estudo.

O investigador cubano afincado en Madrid José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación mergullarase no seu proceso de creación titulado Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de resistencia no Pazo da Cultura de Carballo. É un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España.

E, para rematar, as residencias Paraíso estarán no Pazo da Cultura de Narón con Sobre o extravío ou a arte de perderse, da creadora galega Furia Sotelo, que volve a deixarse dirixir pola dramaturga Ana Vallés nun novo proxecto en formato solo, no que estarán acompañadas pola música Camille Hedouin (Mounqup) e a deseñadora de luz Laura Iturralde.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galega/os, estatais e portuguesa/es. As e os artistas seleccionada/os na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas e cos artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, a finais do mes de setembro, organizamos un encontro coas artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras. 

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2024.04.01.-NP-resolucion-Residencias-Paraiso

Representación teatral da obra A LIORTA, a cargo do grupo Avelaíña Teatro, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a representación teatral A LIORTA a cargo do grupo AVELAÍÑA TEATRO, dirixido por ANTONIO SIMÓN.

O acto terá lugar o sábado 6 de abril de 2024, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

NOTA-INFORMATIVA-A-LIORTA

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: EXPECTATIVA

En nós habita e non fóra, a substancia que nutre a decepción. Nun proceso de espera e esixencia que non sempre é xusto con quen non dá. Porque non pode dar, porque non o ten, porque non sabe, porque non quere, porque non debe, porque non o ten que dar… Coas mans nosas embrollada, a aramada egocéntrica. Por nós alimentada, por nós conformada. Desprezando acotío as loitas alleas. As loitas cotiás de cadaquén. As descoñecidas batallas que cada un emprende alén da nosa vulgar expectativa.

Promo Concerto Pontevedra Exeria – Xira “Sobre a independencia”

Para quen non os coñeza, Exeria é un grupo pertencente á nova xeración de músicos amantes das guitarras e do rock. Combinan xéneros como o grunge e o britpop, dándolle un novo xiro coa súa propia fórmula. Non contenta con isto, a banda segue abríndose a novas influencias e asimilando música que a priori queda fóra do seu radar estilístico.
Así o demostra no seu novo traballo Sobre a independencia, un EP de 5 cancións que se publicou o pasado 8 de marzo. Acompáñase dun videoclip pertencente á canción A Costa de Frades e facturado polo equipo de Trece Amarillo, produtores de videoclips para artistas como Tanxugueiras ou Carlos Núñez.

O 2023 foi un ano moi produtivo para Exeria: tocaron nas 4 provincias de Galicia, gañaron o concurso de bandas Trece Roeis Fest, publicaron os temas Un novo nome e Ata que sexamos reis acompañados de videoclips ben recibidos. E este ano vai ser aínda máis emocionante, con moitos concertos en directo e novos lanzamentos. Foron elixidos para formar parte das Desktop Sessions, un formato acústico e en directo ao estilo de “Tiny Desk” cun ambiente relaxado e composto por 2 cancións inéditas con arranxos influenciados polo trad.

Veñen de tocar xunto a Electric Läger, no bar Liceum de Porriño, no que case 100 almas saltaron o ritmo dos seus novos temas. Este será o seu debut en na cidade da Peregrina, parada dunha xira que conta na actualidade con máis de 10 concertos, e na que percorrerán as 4 provincias. Recomendamos seguir as suas redes para estar ao dia das novas datas que ainda estan sen anunciar.

Exeria
30 Marzo 21:00h
C.S A Pedreira 
Rua Serra nº36  Pontevedra
Entrada Inversa

O seu anterior lanzamento de estudio foi  Ata que sexamos reis, protagonizado polas máscaras do entroido dos mudados e perriñas, da aldea de Ribadetea recentemente recuperado polos veciños da aldea. Estes esmorgantes aparecían nas casas dos seus veciños pedindo esmola (perriña) que moitas veces se materializaba en viño ou aperitivos para evitar que fagan algunha trasnada.

The Rapants inicia esta fin de semana a xira de presentación de La máquina del buen rollo cun dobre ‘sold out’ na Sala Capitol

As entradas para gozar do enérxico directo da banda muradá, finalista nos Premios MIN na categoría de Mellor Artista Emerxente, esgotáronse aos poucos minutos de saír á venda

The Rapants prenderá as luces de La máquina del buen rollo esta fin de semana en Santiago de Compostela. A sala Capitol acollerá, nas noites do sábado 23 e do domingo 24, os dous primeiros concertos da xira de presentación do terceiro LP da banda muradá, que vén de ser recoñecida como finalista na categoría de Mellor Artista Emerxente nos Premios MIN da música independente.

As entradas para asistir á estrea ao vivo do novo disco de The Rapants o sábado 23 esgotáronse aos quince minutos de saír á venda, o que provocou que o grupo reservara unha segunda data no mesmo recinto: as fichas para subir a La máquina del buen rollo para o domingo 24 tan só estiveron á venda algo máis dunha hora, o que provocou o segundo ‘sold out’. Para celebrar a feliz ocasión, os rapantes sorprenderán ao seu público desde a apertura de portadas da Capitol.

La máquina del buen rollo, cuxos nove temas xa suman máis de 250.000 escoitas nas distintas plataformas dixitais, é un retrato fiel de The Rapants, o proxecto musical muradán ateigado de diversión, talento e que conta cunha gran conexión co público nos directos, tal e como se poderá comprobar esta fin de semana en Santiago de Compostela.

A xira de presentación de La máquina del buen rollo continuará este mesmo mes de marzo. Tras ofrecer un concerto sorpresa (venres 29), The Rapants levará o seu directo o sábado 30 a Carnota, no marco da cita Víndemo ver. Á semana seguinte, a banda visitará a Sala Tizón de Xixón (venres 5) e a Festa do Queixo de San Simón de Vilalba (domingo 6). De cara á última fin de semana do mes, os rapantes actuarán no certame Último acorde x Johnnie Walker, que se celebrará o 26 de abril en La Sala do Wizink Center de Madrid.

En maio The Rapants iniciará a xira por festivais. As primeiras citas nas que xa se coñece a participación da banda son Ourensound, Portamérica, Surfing The Lérez, SonRías Baixas ou Osa do Mar, mais non serán os únicos escenarios nos que Matías, Samu, Xanma e Xaquín actúen este verán. Para coñecer todas as datas e mercar as entradas, pódese visitar www.therapants.es 


PRESENTACIÓN DE LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO *

  • Sábado 23 na Sala Capitol
    • 20.00h: Apertura de portas e inicio da festa.
    • 21.00h: Concerto de The Rapants.
  • Domingo 24 na Sala Capitol
    • 19.00h: Apertura de portas e inicio da festa. 
    • 20.00h: Concerto de The Rapants. 

* Os medios que solicitaron a súa acreditación recibirán a confirmación por escrito e indicacións de acceso ao recinto a través do correo electrónico.

Fillas de Cassandra crea a música que fiará a gala dos XXII Premios Mestre Mateo

“É marabilloso poder formar parte da festa do audiovisual galego de xeitos tan diversos como os que poderá ver e escoitar o público este sábado”, sinalan María SOA e Sara Faro, que compuxeron pezas específicas para a ocasión

As creacións musicais de Fillas de Cassandra fiarán a gala dos XXII Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego, que se celebrará este sábado, 23 de marzo, na cidade da Coruña. María SOA e Sara Faro son as responsables das composicións que acompañarán os distintos fitos da cerimonia, ademais de ser parte da súa dinamización a través de distintas actuacións que ofrecerán ao longo da noite. 

“Para nós é marabilloso poder formar parte nesta edición dos Mestre Mateo, artellando composicións para a ocasión, con motivos novidosos que noutros contextos non se poderían dar, e nunha noite na que compartiremos escenario con outros proxectos do país, como é o caso do noso benquerido Mondra. Todo o proceso de creación e desenvolvemento da proposta foi revitalizador e moi enriquecedor”, apuntan María SOA e Sara Faro.

Así, a banda sonora orixinal creada por Fillas de Cassandra fiará musicalmente as distintas escenas que conformarán a cerimonia. É o caso das entregas dos galardóns, do Premio de Honra e doutros momentos do evento, que terá lugar no Coliseum da Coruña e que se poderá seguir ao vivo a través da Televisión de Galicia. 

Fillas de Cassandra regresa á cidade da Coruña tras actuar o 22 de febreiro na Sala INN, nunha adaptación do espectáculo que están a presentar na súa nova xira, nomeada Últimas Dionisíacas. Trátase dunha proposta escénica e musical na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. No directo, no que a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante, tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.

Logo da exitosa estrea das Últimas Dionisíacas o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo (cita á que asistiron máis de 1.400 persoas) e do seu paso pola Coruña, Arzúa, Ribadeo ou BIlbao (acompañando a Zetak no seu Aaztiyen Tour), Fillas de Cassandra actuará tanto en Galicia coma nas localidades de Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun) e Madrid (Sala Sol); así como en grandes citas musicais do territorio peninsular, entre as que se atopan ZEID FEST, Gozo Fest, Ortigueira, El Tingladu ou Revenidas

Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas

  • 30 de marzo. Tui. Festas de San Telmo
  • 31 de marzo. Padrón. Festas de Pascua.
  • 12 de abril. Donostia. Ciclo Bizi ala Iraun.
  • 13 de abril. Barakaldo. ZEID FEST.
  • 24 de maio. Ourense. OurenSound Fest. 
  • 25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
  • 1 de xuño. Madrid. Sala Sol. 
  • 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest. 
  • 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
  • 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
  • 1 ao 3 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
  • 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 

Fillas de Cassandra, finalista en 4 categorías dos Premios MIN da Música Independente

Fillas de Cassandra tamén resultou finalista, co seu álbum debut Acrópoleen catro categorías dos Premios MIN da Música Independente, os galardóns que recoñecen a creación artística, diversidade cultural, o novo talento e a calidade das producións publicadas polas Pemes da industria española.  

O dúo vigués conformado por María SOA e Sara Faro é candidato aos seguintes galardóns: 

 Mellor álbum en galego por Acrópole
– Mellor álbum de música de raíz por Acrópole
– Mellor artista emerxente
– Mellor videoclip por II. Lisístrata (Varre vasoira)

“Estamos moi contentas por todas as alegrías que nos está a dar Acrópole, pero moi especialmente por poder ver, nuns premios tan coñecidos, a tantas compañeiras finalistas, tanto nestas coma noutras categorías. Tanxugueiras, Caamaño & Ameixeiras, Bala, Baiuca, The Rapants, Grande Amore… Isto dá boa conta de todo o potencial e da boa saúde que goza a creación musical en galego”, sinalan. 

A entrega destes recoñecementos, outorgados pola Unión Fonográfica Independiente (UFI), terá lugar o 17 de abril en Zaragoza.

20240320-NP-Fillas-de-Cassandra-Mestre-Mateo