As entradas para gozar do enérxico directo da banda muradá, finalista nos Premios MIN na categoría de Mellor Artista Emerxente, esgotáronse aos poucos minutos de saír á venda

The Rapants prenderá as luces de La máquina del buen rollo esta fin de semana en Santiago de Compostela. A sala Capitol acollerá, nas noites do sábado 23 e do domingo 24, os dous primeiros concertos da xira de presentación do terceiro LP da banda muradá, que vén de ser recoñecida como finalista na categoría de Mellor Artista Emerxente nos Premios MIN da música independente.

As entradas para asistir á estrea ao vivo do novo disco de The Rapants o sábado 23 esgotáronse aos quince minutos de saír á venda, o que provocou que o grupo reservara unha segunda data no mesmo recinto: as fichas para subir a La máquina del buen rollo para o domingo 24 tan só estiveron á venda algo máis dunha hora, o que provocou o segundo ‘sold out’. Para celebrar a feliz ocasión, os rapantes sorprenderán ao seu público desde a apertura de portadas da Capitol.

La máquina del buen rollo, cuxos nove temas xa suman máis de 250.000 escoitas nas distintas plataformas dixitais, é un retrato fiel de The Rapants, o proxecto musical muradán ateigado de diversión, talento e que conta cunha gran conexión co público nos directos, tal e como se poderá comprobar esta fin de semana en Santiago de Compostela.

A xira de presentación de La máquina del buen rollo continuará este mesmo mes de marzo. Tras ofrecer un concerto sorpresa (venres 29), The Rapants levará o seu directo o sábado 30 a Carnota, no marco da cita Víndemo ver. Á semana seguinte, a banda visitará a Sala Tizón de Xixón (venres 5) e a Festa do Queixo de San Simón de Vilalba (domingo 6). De cara á última fin de semana do mes, os rapantes actuarán no certame Último acorde x Johnnie Walker, que se celebrará o 26 de abril en La Sala do Wizink Center de Madrid.

En maio The Rapants iniciará a xira por festivais. As primeiras citas nas que xa se coñece a participación da banda son Ourensound, Portamérica, Surfing The Lérez, SonRías Baixas ou Osa do Mar, mais non serán os únicos escenarios nos que Matías, Samu, Xanma e Xaquín actúen este verán. Para coñecer todas as datas e mercar as entradas, pódese visitar www.therapants.es 


PRESENTACIÓN DE LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO *

  • Sábado 23 na Sala Capitol
    • 20.00h: Apertura de portas e inicio da festa.
    • 21.00h: Concerto de The Rapants.
  • Domingo 24 na Sala Capitol
    • 19.00h: Apertura de portas e inicio da festa. 
    • 20.00h: Concerto de The Rapants. 

* Os medios que solicitaron a súa acreditación recibirán a confirmación por escrito e indicacións de acceso ao recinto a través do correo electrónico.