Guadi Galego reivindica o dereito a seguir experimentando en O.D.A, o seu novo sinxelo

Guadi Galego celebra a aceptación da vida e reivindica o dereito a seguir experimentando en O.D.A, o seu novo sinxelo


A creadora publicará este 29 de setembro, nas principais plataformas dixitais,  o tema, producido por Iago Pico e que se acompañará dun videoclip dirixido por Inés Salvado 

“Estou viva”, afirma Guadi Galego. Unha sentenza que a cantante declama e confirma no seu novo sinxelo, nomeado O.D.A. A música e compositora publicará este venres, 29 de setembro, o seu novo tema. Unha declaración de intencións e unha chamada á ousadía que se poderá escoitar, desde as 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais, A canción, a primeira que lanza desde a publicación do seu LP Roibén (2022), conta coa produción de Iago Pico (Pouland Studios). O.D.A, ademais, acompañarase dun videoclip dirixido por Inés Salvado e que se poderá ver tamén desde este venres 29 na canle de Youtube de Guadi Galego.

Guadi Galego define O.D.A como “unha declaración de intencións sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida, de valorar o vivido como propio e reivindicar o dereito a seguir experimentando”. Precisamente iso é parte do que fai a artista nesta nova canción, na que mantendo as súas sinais de identidade clásicas, dá cabida a novos sons como parte dese dereito a continuar crecendo. O.D.A é, como expresa na súa letra, una reivindicación da ousadía e un abrazo á diferenza que nos recorda, ao cabo, que seguimos vivas. Todo, apunta a artista, “sen desmarcarnos nunca da nosa responsabilidade propia e colectiva” e sen olvidar que “a alegría segue dentro de nós”.


GUADI GALEGO

 
É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. 

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas)O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén, LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. Este outono lanza o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, pois O.D.A non é só un punto de chegada: marca o inicio dunha nova etapa na carreira da artista.

20230927-NP-Guadi-Galego-publica-ODA-o-29-de-setembro

Andaina polos camiños da Terra Chá: desde a igrexa de Saavedra até Barrazoso Vello

Este próximo domingo, 1 de outubro, dan inicio ás actividades do novo curso desde a Casa-Museo Manuel María e fano cunha camiñada que irá desde o adro da igrexa de Saavedra (en Begonte) até Barrazoso Vello (na parroquia de Gaibor, tamén en Begonte). Esta actividade condimentarase con algún poema e texto de Manuel María durante o seu decorrer.

Ás 10 hrs quedarán diante da Casa-Museo para achegarse todos xuntos, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario (se houber xente que queira ir xa directamente para o punto de inicio do percurso tan só terá que comunicalo cando se anote).

A distancia do itinerario é de seis quilómetros e medio e a dificultade é baixa. Suponse que en tres horas debería terse finalizada. 

O guía será o divulgador cultural Orlando Viveiro.

Para a inscrición (a actividade é de balde) calquera persoa interesada deberá enviar un correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

No seguinte texto de Orlando Viveiro amósase unha idea do que se poderá desfrutar o próximo domingo. 

As lendas do santuario dos Milagres de Saavedra permiten ás persoas viaxeiras mergullarse no seo de mundos que a día de hoxe fican case esquecidos. Tentaremos descubrilos nesta andaina polo Camiño Real que chega aquí despois de cruzar o Miño pola ponte medieval de Rábade e marcha de seguido en dirección ás terras de Vilalba.

A rota avanza pola Agra dos Castros en dirección a Fontefilloa para ollarmos as carballeiras de Covelas, onde sobrancea o seu fermoso exemplar centenario. Pasado o regato da Forcada do Lobo atopamos Altide, lugar de Santa María de Trobo, no cal visitaremos o extraordinario carballo da Casa do Roxo para continuar camiño de Martín logo de pasar o regato de Altide que descende cara ás Veigas de Baltar.

Desde este cruzamento de vías, sinalado por un fermoso cruceiro, ascenderemos até o Pertegueiro, parroquia de San Xiao de Gaibor, para marchar de seguido polos barrais de Vigo e A Vila onde se conservan interesantes construcións que certifican a antigüidade do roteiro que levamos. A paisaxe outoniza enrodelará de cores a nosa andaina mentres avanzamos demoradamente na procura do Barrazoso Vello, o punto onde remataremos a viaxe.

Mondra pendura o cartel de entradas esgotadas na Sala Capitol para a FOLĪA das ARDENTES, o espectáculo no que presentará ARDĒN este venres 29

A posta de largo do álbum debut do cantareiro e bailador terá lugar este venres, 29 de setembro, a partir das 21.30 horas, e contará coa participación de Aida Tarrío, Berto, Coro Encaixe, Fillas de Cassandra e DJ Celulite    

Santiago de Compostela prepárase para acoller este venres 29 a FOLĪA das ARDENTES, unha experiencia musical, visual e performativa na que Mondra dará a coñecer, publicamente, o seu álbum debut, ARDĒN.  Na cita, que terá lugar na Sala Capitol a partir das 20.30 horas, o cantareiro e bailador estará acompañado de convidadas especiais, como Aida (Tanxugueiras), Fillas de Cassandra, Coro Encaixe e Berto, produtor do disco. Logo da finalización do espectáculo, no que Mondra revisará éxitos como PUNHETA! ou RUANDO, chegará a PosFOLĪA da man da DJ Celulite. As entradas para esta FOLĪA especial, de gran formato, xa están esgotadas. 

ARDĒN, o álbum debut de Mondra, está dispoñible desde o pasado 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única. Trátase dunha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga, desde a contemporaneidade, coa música tradicional galega.

Conceptualmente, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. E este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA, tal e como expresa o artista no Manifesto ARDENTE que acompaña o LP. “Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrías. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece”. 

Deste xeito, a Sala Capitol será testemuña dunha gran FOLĪA das ARDENTES. Será un espectáculo contemporáneo e performativo, cun estilismo e unha iluminación moi coidadas, no que a danza ocupará un papel central. Ás 20.30 horas terá lugar a apertura de portas é, ás 21.30 horas, o antareiro e compositor subirá o escenario. Durante máis dunha hora, Mondra porá de manifesto, coa súa música e ante un recinto ateigado, por que é unha das figuras máis destacadas do novo panorama creativo do país.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Tras actuar este verán nalgunhas das principais citas da música ao vivo en Galicia, como o Festival da Luz, o Agrocuir, o Festival Revenidas ou o Canteira Fest, este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico.

ARDĒN é unha proposta que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Producido por Berto, conta coa colaboración de artistas como Aida, Brassica Rapa ou Fillas de Cassandra.

20230926-NP-FOLIA-DAS-ARDENTES

O London Spanish Film Festival estrea sección galega con obras de Eloy Domínguez e Diana Toucedo

A sección denomínase ‘Letters from Galicia’ e materializouse grazas aos esforzos do Galician Film Forum (GFF) e da Mostra Internacional do Cinema Galego (MICE)

Este mércores, 27 de setembro, proxectaranse unha selección de curtas de Diana Toucedo e a longametraxe ‘Al otro lado del mar’, codirixida por Eloy Domínguez Serén

Tamén está previsto un coloquio in situ con Eloy Domínguez ao rematar a proxección que será moderado pola viguesa Adriana Páramo, cineasta e representante do GFF

Por primeira vez en 19 anos, o audiovisual galego ocupa unha sección específicano London Spanish Film Festival (LSFF) grazas ao esforzo conxunto do Galician Film Forum (GFF) e da Mostra Internacional do Cinema Etnográfico (MICE). Así, Letters from Galicia, como se chama a nova sección do festival londiniense, vai proxectar obras de Eloy Domínguez Serén e mais Diana Toucedo este vindeiro mércores 27 de setembro no Ciné Lumière da capital británica. Ademais, Eloy Domínguez desprazarase ata Londres como convidado polo festival para participar nun coloquio ao remate da proxección que vai ser moderado por Adriana Páramo, cineasta e representante do Galician Film Forum.

O LSFF, que xa alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 15 e 14 anos de vida, respectivamente, abre esta nova ventá co foco nas creacións galegas galardoadas na última edición da MICE. Estas proxeccións suporán a estrea no Reino Unido da longametraxe Al otro lado del mar de Eloy Domínguez, premio ao Mellor Filme Galego, e da curta de Diana Toucedo Tatuado nos ollos levamos o pouso, premio CREA. Alén diso, Letters from Galicia tamén acollerá outras catro obras de Toucedo: PrekasnoBorders, Homes e Imágenes secretas. Deste xeito, o audiovisual galego faise un oco con nome propio dentro desta cita do cinema español que leva case vinte anos celebrándose en Londres e amosando o mellor do cinema estatal.

Sobre as obras

Al otro lado del mar é unha longametraxe documental dirixida polo galego Eloy Domínguez Serén e polo colombiano Samuel Moreno Álvarez na que ambos os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos nos seus respectivos países. A modo de vídeo correspondencia, as cartas filmadas que compoñen a obra “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto”, que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores.

Pola súa banda, Diana Toucedo, que xa proxectou no LSFF de 2019 a súa obra Trinta lumes, regresa agora cunha sesión que reúne cinco mostras do seu talento e na que destaca Tatuado nos ollos levamos o pouso, unha curtametraxe multipremiada sobre as mariscadoras dunha vila do sur de Galicia rodada “cunha mirada coidadosa, sensible a todos os elementos e símbolos e fundindo os corpos na natureza”.

LETTERS FROM GALICIA

Mércores 27 de setembro | Ciné Lumière [17 Queensberry Place, South Kensington, London SW7 2DT]

16:50 h | Diana Toucedo’s Short Letters | £15

18:30 h | Al otro lado del mar | £15 | Coloquio posterior con Eloy Domínguez

Web do LSFF: http://www.londonspanishfilmfestival.com/

Info e entradas ‘Al otro lado del mar’: http://www.londonspanishfilmfestival.com/2023-festival/2023-films/al-otro-lado-del-mar.html

Info e entradas Diana Toucedo’s Short Letters: http://www.londonspanishfilmfestival.com/2023-festival/2023 films/diana-toucedo.html

20230925-NP-Seccion-galega-no-19-London-Spanish-Film-Festival

Alex Pernas publica o seu novo libro ‘De entre as tebras’

Ao longo de 19 relatos, o autor fai un percorrido por toda a xeografía galega tendo coma punto de unión as diferentes lendas da nosa mitoloxía.

Trala publicación da novela Xarfas no ano 2018 e do libro de relatos Paga no 2022, o autor volve editar un conxunto de relatos de cara ao próximo Samaín, construídos desta volta arredor da mitoloxía galega. En cada un dos textos poderémonos atopar con seres tan coñecidos coma a Compaña ou as meigas, coa particularidade de que, neste caso, o autor aproxímase aos mesmos dende un punto realista en lugar dun fantasioso.

As páxinas do libro farán un percorrido a través do tempo por toda a xeografía galega, levándonos por diversas vilas e cidades, dende os Ancares ata A Guarda, e con relatos ambientados tanto na actualidade coma no pasado. Ao percorrido xeográfico únese un lingüístico: cada unha das personaxes fala no dialecto propio da súa zona, converténdose o seseo, a gheada, ou o cheísmo nunha constante nos textos.

A diferenza das súas obras anteriores, que centraban a súa temática na crítica social, o autor abandona por primeira vez esta fórmula literaria coma tema principal. Aínda así, esta continúa a ter cabida nalgúns dos relatos, onde se tratan problemáticas sociais coma o acoso escolar, a gordofobia, o estigma das enfermidades mentais, ou o machismo.

De-entre-as-tebras-Alex-Pernas-Dossier-de-prensa