A posta de largo do álbum debut do cantareiro e bailador terá lugar este venres, 29 de setembro, a partir das 21.30 horas, e contará coa participación de Aida Tarrío, Berto, Coro Encaixe, Fillas de Cassandra e DJ Celulite    

Santiago de Compostela prepárase para acoller este venres 29 a FOLĪA das ARDENTES, unha experiencia musical, visual e performativa na que Mondra dará a coñecer, publicamente, o seu álbum debut, ARDĒN.  Na cita, que terá lugar na Sala Capitol a partir das 20.30 horas, o cantareiro e bailador estará acompañado de convidadas especiais, como Aida (Tanxugueiras), Fillas de Cassandra, Coro Encaixe e Berto, produtor do disco. Logo da finalización do espectáculo, no que Mondra revisará éxitos como PUNHETA! ou RUANDO, chegará a PosFOLĪA da man da DJ Celulite. As entradas para esta FOLĪA especial, de gran formato, xa están esgotadas. 

ARDĒN, o álbum debut de Mondra, está dispoñible desde o pasado 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única. Trátase dunha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga, desde a contemporaneidade, coa música tradicional galega.

Conceptualmente, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. E este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA, tal e como expresa o artista no Manifesto ARDENTE que acompaña o LP. “Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrías. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece”. 

Deste xeito, a Sala Capitol será testemuña dunha gran FOLĪA das ARDENTES. Será un espectáculo contemporáneo e performativo, cun estilismo e unha iluminación moi coidadas, no que a danza ocupará un papel central. Ás 20.30 horas terá lugar a apertura de portas é, ás 21.30 horas, o antareiro e compositor subirá o escenario. Durante máis dunha hora, Mondra porá de manifesto, coa súa música e ante un recinto ateigado, por que é unha das figuras máis destacadas do novo panorama creativo do país.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Tras actuar este verán nalgunhas das principais citas da música ao vivo en Galicia, como o Festival da Luz, o Agrocuir, o Festival Revenidas ou o Canteira Fest, este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico.

ARDĒN é unha proposta que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Producido por Berto, conta coa colaboración de artistas como Aida, Brassica Rapa ou Fillas de Cassandra.

20230926-NP-FOLIA-DAS-ARDENTES