Este próximo domingo, 1 de outubro, dan inicio ás actividades do novo curso desde a Casa-Museo Manuel María e fano cunha camiñada que irá desde o adro da igrexa de Saavedra (en Begonte) até Barrazoso Vello (na parroquia de Gaibor, tamén en Begonte). Esta actividade condimentarase con algún poema e texto de Manuel María durante o seu decorrer.

Ás 10 hrs quedarán diante da Casa-Museo para achegarse todos xuntos, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario (se houber xente que queira ir xa directamente para o punto de inicio do percurso tan só terá que comunicalo cando se anote).

A distancia do itinerario é de seis quilómetros e medio e a dificultade é baixa. Suponse que en tres horas debería terse finalizada. 

O guía será o divulgador cultural Orlando Viveiro.

Para a inscrición (a actividade é de balde) calquera persoa interesada deberá enviar un correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

No seguinte texto de Orlando Viveiro amósase unha idea do que se poderá desfrutar o próximo domingo. 

As lendas do santuario dos Milagres de Saavedra permiten ás persoas viaxeiras mergullarse no seo de mundos que a día de hoxe fican case esquecidos. Tentaremos descubrilos nesta andaina polo Camiño Real que chega aquí despois de cruzar o Miño pola ponte medieval de Rábade e marcha de seguido en dirección ás terras de Vilalba.

A rota avanza pola Agra dos Castros en dirección a Fontefilloa para ollarmos as carballeiras de Covelas, onde sobrancea o seu fermoso exemplar centenario. Pasado o regato da Forcada do Lobo atopamos Altide, lugar de Santa María de Trobo, no cal visitaremos o extraordinario carballo da Casa do Roxo para continuar camiño de Martín logo de pasar o regato de Altide que descende cara ás Veigas de Baltar.

Desde este cruzamento de vías, sinalado por un fermoso cruceiro, ascenderemos até o Pertegueiro, parroquia de San Xiao de Gaibor, para marchar de seguido polos barrais de Vigo e A Vila onde se conservan interesantes construcións que certifican a antigüidade do roteiro que levamos. A paisaxe outoniza enrodelará de cores a nosa andaina mentres avanzamos demoradamente na procura do Barrazoso Vello, o punto onde remataremos a viaxe.