O DISCO TITULADO O NOSO TEMPO VERÁ A LUZ O VENRES 22 DE NOVEMBRO
Hugo Guezeta volta con forza para dar un golpe enriba da mesa da escena galega anunciando a data de lanzamento do seu primeiro titulado O Noso Tempo. Será o próximo 22 de novembro cando vexa a luz, e nos próximos días habilitarase a pre-venda para adquirilo en formato físico.
Hugo por fin pon data ao seu tan esperado álbum, do que só coñecemos 7 dos 14 temas que o compoñen. Dentro do disco destaca o carácter máis intimista nas súas letras, sen perder o foco reivindicativo que leva marcando a carreira do rapeiro. O labor como produtor de Peter Petrowski, un dos máis destacados da escena galega actual, é fundamental dentro de O Noso Tempo para artellar un traballo discográfico moi ecléctico.
O disco conta ademais con tres datas de presentación xa anunciadas, que terán lugar o 14 de decembro en Mos (Sala Rebullón), o 19 de decembro na Coruña (Sala Mardi Gras) e o 21 de decembro en Santiago de Compostela (Sala Sónar). A data na Sala Rebullón, ademais de ser o primeiro concerto en solitario desta etapa, será un concerto especial no que haberá moitas sorpresas e colaboracións, e servirá para dar comezo a unha xira que se espallará por todo 2025.
21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.
Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.
O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.
O seu primeiro disco de longa duración titulado O Noso Tempo, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá o venres 22 de novembro de 2024, e O Noso Tempo, Feridas, De Volta, Cantare, A Toleira, Espertar e Arder son os primeiros adiantos do mesmo, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.
O primeiro LP da artista galego-arxentina é un disco creado “para bailar”, no que teñen cabida a electrónica, o afrobeat ou mesmo o reggaeton
Os coidados e a comunidade, os instrumentos de raíz, a natureza e a música electrónica son os ingredientes principais da proposta que presenta a gañadora do último Premio Martín Códax deMúsicas do Mundo e Mestizaxe
Catuxa Salom publicará o xoves 21 de novembro o seu álbum debut, nomeado Cāldo; un LP no que a artista galegoarxentina abre as portas do seu mundo para convidar ao público a bailar e a degustar un traballo que pon en valor os coidados e a importancia de tecer, desde a proximidade, unha rede de afectos.
A música electrónica, os instrumentos de raíz -dunha beira e doutra do Atlántico- e os elementos da natureza especialmente a auga- son ingredientes principais deste Cāldo preparado por Catuxa Salom. A mestura que a artista vén avanzando e presentando paseniño en temas como Xa non ves, Amores rusos ou Ela cando baila -publicado o pasado 24 de outubro- faise efectiva nesta proposta, un disco cociñado na Ulloa pero que traslada mensaxes universais e que Salom marida con ritmos como a muiñeira, o afrobeat ou o dembow (reggaeton), pois este é un álbum creado para bailar.
Cāldo componse de nove pezas envoltas nun universo sonoro electrónico, nas que a creadora aborda cuestións coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até canta no idioma francés. O disco, que Catuxa Salom servirá en directo no 2025, poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir do 21 de novembro.
Catuxa Salom
A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas enérxicas é a carta de presentación de Catuxa Salom, artista que irrompeu con forza na escena independiente coa publicación do seu EP Nunha aldea, sobre o achegamento ao mundo rural. Tras percorrer ducias de salas de concertos e festivais de toda España, e compartir escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa, no 2024 acada o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe. Este outono publicará o seu álbum debut, Cāldo, un traballo que ofrecerá, de novo, unha experiencia sonora envolvente e na que o sentido de tecer comunidade e os coidados estarán moi presentes.
Producida polo Teatro Gostner, Schmetterlinge é unha proposta escénica internacional que explora as emocións humanas a través dunha colaboración galego-alemá.
A adaptación teatral -dirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro- da novela “Os bicos feridos”, de Anna R. Figueiredo estrearase este 14 de novembro e estará en cartel ata o 7 de decembro.
Nuremberg prepárase para acoller a estrea de Schmetterlinge, unha produción innovadora que conecta culturas e sensibilidades europeas a través da adaptación teatral de Os bicos feridos, novela da escritora galega Anna R. Figueiredo.
Este novo espectáculo está dirixido por María Torres e Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante e estréase este xoves 14 de novembro no emblemático teatro alemán Gostner Hoftheater de Nuremberg . Estará en cartel ata o 7 de decembro.
Schmetterlinge segue a historia de Olivia, unha muller que naceu en Alemaña, filla de pais galegos emigrados. Aínda que vive en Galicia desde os oito anos, regresa ao país onde naceu para traballar como empregada de limpeza na casa e no laboratorio de Lisa, unha médica forense, divorciada e con dous fillos. Un día, Olivia coñece a Samuel, o fillo de Emma, unha actriz e cantante que non logra consolidar unha carreira artística. Samuel suicídase, e Lisa encárgase de realizar a autopsia.
A obra Schmetterlinge, título que significa en alemá bolboretas, explora temas universais de perda, superación e identidade nunha montaxe que combina unha linguaxe plástica que evoca a poesía visual. Esta colaboración entre Elefante Elegante e Gostner Hoftheater é unha oportunidade única para afondar nas complexidades da novela e levala a un novo nivel escénico e internacional.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.
A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.
A presentación realizarase este sábado, 16 de novembro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María. Côa Entrada libre. Aínda que cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
O sábado 16 de novembro de 2024 ás 19,00 h será presentado na Casa da Cultura de Antas de Ulla o libro Corcosendo. A memoria das costureiras da Ulloa, terceiro número da colección Ulloa Audiovisual publicada pola Sección de Audiovisuais do IEU, coordinada por Patricia Coucheiro, Sara Coello, Antía Montes e Susana Varela.
Estarán presentes as coordinadoras e as artistas que participaron no proxecto Corcosendo e parte das súas protagonistas: as costureiras. O grupo Zoelas interpretará o tema Corcosendo, que compuxo para este proxecto. Interpretarase ademais un fragmento da obra María Visitación Consolación Amadora coa intervención escénica de Aida Cobas (Loia Producións); proxectarase a videocreación As mans núas de quen nos vestiu do cineasta Xabier Mailán; e Verónica Ramilo explicará o proceso creativo das súas intervencións textiles nas fotografías que tivemos ocasión de ver nas exposicións de Corcosendo instaladas en Vilar de Donas, no pazo de San Marcos de Lugo e no castelo de Pambre.