A banda da Loba publica o seu novo disco ‘Lovismo’ o 17 de xaneiro


Lovismo, o quinto disco d’A banda da Loba, ABDL, publicarase o vindeiro 17 de xaneiro nas principais plataformas. Este esperado novo LP chega logo dun ano da banda afastada dos escenarios para traballar arreo nun disco que ten como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL. 

O anuncio chega acompañado da saída do sinxelo Xogo de agardar e mais o seu videoclip, dispoñibles a partir das 00.00 horas deste venres 10 nas plataformas e mais na canle de YouTube da banda, respectivamente. Xogo de agardar é un tema inspirado no que sentimos cando coñecemos a unha persoa e, con só unha ollada, saltan faíscas. Un tema sobre as cóxegas na boca do estómago e ese xogo de sedución que pode acabar ben, ou non, pero que se converte desde o inicio nunha pequena historia de amor que enche de ledicia. Xogo de agardar publicarase ao mesmo tempo que o seu videoclip, gravado en Abrigueiro, con letra e música de Inés Mirás, exintegrante de ABDL

Ouveos de festa na Capitol 

A presentación pública de Lovismo será nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro. As entradas para esta cita están á venda na web salacapitol.com e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira. O menores de 16 anos poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable e será indispensable presentar o DNI. 

Este concerto de presentación do novo traballo das “Lobas” vai ser unha auténtica festa na que estarán rodeadas de artistas amigos para dar a benvida a Lovismo. Polo de agora están confirmadas a participacións de Tomé Mouriño (De Ninghures) e dos músicos Adrian Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, pero quedan aínda novas sorpresas que serán anunciadas axiña. 

ABDL 

A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volverán aos escenarios con Lovismo

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.   

Videoclip ‘Xogo de agardar’ (estrea 10 de xaneiro ás 00h) | https://www.youtube.com/watch?v=mOMysHY8F_E 

Concerto de presentación de ‘Lovismo’ 

1 de febreiro do 2025 | 21.30 h | Sala Capitol | 12 € anticipada e 15 € en billeteira
Entradas á venda en salacapitol.com e Trisquel Artesanía [Rúa da Acibechería, 31, Santiago de Compostela]
AVISO: Os menores de 16 anos poden asistir acompañados dun adulto responsable e presentando o seu DNI

20250109-NP-ABDL-presenta-o-seu-novo-disco-Lovismo-o-17-de-xaneiro

Entradas esgotadas para a estrea, este domingo 5, de ‘Pava 3’

PAVA pendura o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación do seu novo EP, Pava 3, este domingo 5 na sala Mardi Gras

Se a noite do 5 de xaneiro levase por nome unha canción de Pava 3, ben podería ser Un bolo titulado “Tarde piaches!”: xa non quedan entradas dispoñibles para asistir á presentación do novo EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. É que, seguindo as letras de Aldao no tema Tremendamente coquetas, “todas queren estar na letra Q” e, neste caso, na Noite de Raíñas Pavas, que terá lugar o domingo 5, a partir das 22.00 horas, na sala Mardi Gras. 

Pava 3 é un exercicio de pop luminoso, un traballo discográfico no que a banda torna en protagonista, mais seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. 

Na estrea ao vivo de Pava 3 -dispoñible en formato dixital a través do Bandcamp de PAVA-, as asistentes poderán adquirirun merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras

Última proxección do Ciclo Mestre Mateo: o filme O CORNO no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe O CORNO, de JAIONE CAMBORDA, PELÍCULA GAÑADORA DO PREMIO MESTRE MATEO 2024Remátase deste xeito coas proxeccións do CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindounos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta décima e última proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 28 de decembro de 2024, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-O-CORNO-copia

O IESCHA organiza a homenaxe a Bernardo García Cendán na praza da igrexa de Vilalba

O sábado 28 de decembro de 2024, ás 12:00 horas, na PRAZA DA IGREXA DE VILALBA, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza a homenaxe a Bernardo García Cendán no seu XII Cabodano, que terá lugar ao carón da lousa coa inscrición conmemorativa inaugurada hai dous anos (obra do canteiro José Gómez de Bernardo Pepón”).

O acto terá un apartado para o recitado de textos do propio Bernardo, e outro musical no que intervirán os grupos: 

– LAMBE LAMBE

– CORREDORES DE SOMBRA

palabra e a música, dous dos elementos que sempre estiveron presentes na vida de Bernardo, xuntaranse un ano máis na Praza da Igrexa de Vilalba, ao carón da súa lousa, nun encontro para a lembranza, para o cariño, para a loubanza e para botar de menos ao intelectual, ao escritor, ao crego e, sobre todo, ao amigo.

NOTA-INFORMATIVA-BERNARDO

Espectáculo “Xa chegou a Apalpadora!” na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza o evento XA CHEGOU A APALPADORA!, un espectáculo infantil para gozar en familia, a cargo do grupo VELAÍSCA.

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 27 de decembro de 2024, ás 17:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-A-APALPADORA