De Ninghures estrea este venres 5 de xullo o seu novo sinxelo, ‘Poço’, “un convite ao baile, ao bo rollo e á foliada”
O grupo, gañador dos Premios Ari(t)mar á Mellor Música do Ano en Galicia polo seu tema Morena, presenta este verán un tema ateigado de “enerxía, naturalidade, desenfado e que invita ao público a pasalo ben”
A banda actuará mañá, venres 5, no ciclo Atardecer no Gaiás, e nas vindeiras semanas participará en Festigal, Carballeira de Zas, Festiletras ou Revenidas
“Vén bailar, vén bailar”. O retrouso do novo sinxelo de De Ninghures é explícito e directo: un auténtico convite ao baile, á festa e á foliada. A banda publica este venres 5 de xullo o seu novo tema, Poço, unha muiñeira enérxica, ateigada de “aire fresco bo rollo e naturalidade”, na liña da propia esencia da formación, e que desta quenda pretende convidar ao público, dun xeito sinxelo e desenfadado, “a pasalo ben”.
Poço estará dispoñible a partir das 00.00 horas do día 5 nas principais plataformas dixitais. Nesta ocasión, o novo sinxelo de De Ninghures acompañarase dunha peza audiovisual moi especial e que estará dispoñible na súa canle de Youtube: rodada cunha Handycam polos propios membros do grupo, o videoclip pretende reflectir, con naturalidade, o día a día da propia formación, á vez que traslada o espírito de festa e foliada que a define.
“Queremos que cando a xente escoite Poço, unha muiñeira de montaña con moita enerxía, como as que nos gustan, sinta ese convite ao baile, ao bo rollo, á foliada. Que a xente sinta como propio o que cantamos e que se vexa reflectida nesa letra, nese retrouso e nesa onda de desenfado, desinhibición e alegría”, sinala o grupo, recoñecido pola súa capacidade de experimentar con influencias musicais de todo o mundo sen perder o seu obxectivo: por en valor a música de raíz e a creación contemporánea.
De Ninghures, agrupación conformada por músicos con notable experiencia procedentes de Bergantiños, Compostela e A Fonsagrada, foi recoñecida publicamente esta primavera co galardón á Mellor Música do Ano en Galicia dos Premios Ari(t)mar polo seu tema Morena, un sinxelo que dá boa conta dun dos seus máis claros sinais de identidade: a unión orgánica entre a tradición galega e a música dance, e que tamén está presente, dalgún xeito, neste novo Poço, tema do que a banda dará boa conta nos vindeiros directos que ofrecerá este verán. O primeiro deles terá lugar mañá mesmo, venres 5, en Santiago de Compostela, no marco do ciclo Atardecer no Gaiás. Entre as citas destes meses tamén están eventos como Festigal, Festa da Carballeira de Zas, Festiletras ou Revenidas, entre outras moitas.
20240704-NP-POCO-Novo-sinxelo-de-De-Ninghures