ESTA NOITE…

ESTA NOITE…

Ábreme a fiestra

que quero ver as estrelas…

esas de cores, que brillan ó lonxe.

Déixame beber o resío da noite

ata que se encha a miña pel… de fértil humidade.

Ábreme as portas de duros barrotes

e déixa caer ó chán … os cadeados que me atan.

Eu… agardarei á mañanciña

por ese sol morno, que escorrente o medo

a esa escuridade

que viste de tebras … os meus soños.

As estrelas óllanme dende o teito celeste,

son fieis testigos

da soidade desta noite fría.

Pecho os ollos e durmo…

mentras o orballo fai regueiros lenes

na miña pel… espída.

SOÑO DE OUTONO

SOÑO DE OUTONO

…Polas canles senlleiras

do destino,

onde se tece imparable… a nosa historia,

como escapa a auga

entre as pedras

e non resoan… os nosos pasos entre a folla.

Pódese oir o vento incansable,

como canta co seu laío adoecido,

métese por entre as enrugas da memoria

onde dorme o teu recordo… paseniño.

E mentras tanto por entre as pólas

o aire vai debuxando… fantasías,

corazón espído de tenruras

de melodías ledas e agarimos…

Na raia divisoria dos teus beizos

onde nace a semente

dos meus versos,

nace tamén con sentir impenitente

o latexo que dispe a miña derme…

Outono que pintas os carballos

e debuxas no meu soño… fantasías,

de cores enches os meus prados

trocando as miñas penas en ledicias…

A VIDA…

A VIDA…

Se a vida te leva…

eu vou contigo,

para facer do teu camiño… un sendeiro

no que medre a herba.

Seguirei os teus pasos

e descansarei na túa sombra.

Quero ser folla seca que leva o vento

e baila a danza do outono,

alfombrando o chán que pisas.

Quero ficar ó teu carón

e beber a grolos… as túas bágoas.

Se a vida se esgota… vivirei nos teus soños,

na aperta doída da soidade

e no baleiro da noite, cando non brille a lúa.

Estarei en ti

e acenderei o teito celeste para que non teñas medo.

Milleiros de estrelas alumearan a escuridade

somentes para ti…

Se os días rematan, e o inverno

cingue o seu manto no meu corpo outonizo,

deixarei que voe

coma unha pomba no ceo cincento… da tarde,

e bicarei os teus beizos

co agarimo do vento que sen querer… límpache

unha bágoa.

Se a vida se vai… fico contigo.

EL…

EL…

EL…

El… non era poeta,

mais nas noites frías e solitarias

cando o vento laiaba por entre as contras…

escribía versos.

Fermosas verbas que o corazón lle ía dictando.

Eran soños de amor…

por aqueles ollos da cor do ceo

que fixeron feitizo… no seu ser.

El… non era poeta,

mais por entre os seus dedos

saían as letras como a auga crara da fonte,

tinguidas pola luz das estrelas

nunha noite de Xaneiro.

Non, non era poeta,

mais tiña a habilidade de enfiar soños

cos latexos do corazón,

latexos que se tornaban laios tristes

por aquela á que lle agasallara a alma enteira…

unha noite de lúa chea.

E non era poeta,

pero fixo da súa lembranza

a máis fermosa das poesías…

Ámote… non te quero.

Ámote… non te quero.

ÁMOTE

coa intensidade dunha raiola de sol
ás trés da tarde.
Ámote
coa luz fermosa da lúa chea
unha noite estrelada.
Ámote
na liberdade que dá o amor
cando é ceibe,
sen vencellos, sen cancelas…
nesa liberdade que tiven… negada.
Ámote
para que me extrañes… cando falte,
para ansiar vivir… na túa lembranza.
Ámote… , non te quero,
porque quererte paréceme pouco
para definir isto que sinto…
Cando prefiro terte nos meus soños
a terte preso…
Ámote
na liberdade das bolboretas de cores
que voan ceibes,
no cantar dos xílgaros… cando morre a tarde,
no bico que pousa o vento
na túa meixela,
na caricia tenra do arrecendo… a ti.
Ámote, que non te quero,
pois entendín que podes irte… se queres,
o meu amor seguirá enteiro
ainda que rache o corazón,
ainda que non deixe de chorar…
cada bágoa irá vencellada
ó desexo da túa… felicidade,
á túa vida mesma…
Mentras esteas aquí… amareite
coa intensidade dun temporal…
mais coa dozura do bico que pousan as ondas… na praia
Ámote… non te quero…