Se a vida te leva…
eu vou contigo,
para facer do teu camiño… un sendeiro
no que medre a herba.
Seguirei os teus pasos
e descansarei na túa sombra.
Quero ser folla seca que leva o vento
e baila a danza do outono,
alfombrando o chán que pisas.
Quero ficar ó teu carón
e beber a grolos… as túas bágoas.
Se a vida se esgota… vivirei nos teus soños,
na aperta doída da soidade
e no baleiro da noite, cando non brille a lúa.
Estarei en ti
e acenderei o teito celeste para que non teñas medo.
Milleiros de estrelas alumearan a escuridade
somentes para ti…
Se os días rematan, e o inverno
cingue o seu manto no meu corpo outonizo,
deixarei que voe
coma unha pomba no ceo cincento… da tarde,
e bicarei os teus beizos
co agarimo do vento que sen querer… límpache
unha bágoa.
Se a vida se vai… fico contigo.