PALCO abre as inscricións profesionais para participar no primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia

PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese para o sector musical repartidos pola cidade

Este primeiro encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado por AGEM e a Xunta de Galicia, nace como un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita na nosa comunidade

Toda a información sobre PALCO e a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, pode consultarse en www.palco.gal

As inscricións profesionais, que permitirán o acceso á programación de PALCO no Museo Gaiás, con mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, pitchings e encontros, así como ás actuacións da programación artística en diferentes salas de concertos de Compostela, poden realizarse desde hoxe mesmo en www.palco.gal  Pola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes, pecha este mesmo xoves, 10 de setembro

Desde esta mañá, están xa abertas as inscricións profesionais de PALCO, o primeiro punto de encontro da industria musical que este outono se celebrará en Galicia. Estas inscricións profesionais permitirán o acceso á programación da iniciativa no Museo Centro Gaiás de Compostela, con mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, pitchings e encontros, así como ás actuacións da programación artística que se desenvolverá en diferentes salas de concertos de Santiago. As inscricións poden realizarse desde hoxe mesmo na páxina web oficial www.palco.gal.

PALCO é o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia. Terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro e reunirá a profesionais da industria musical arredor dunha programación pensada para compartir coñecemento, descubrir proxectos, atopar novas conexións e facer que xurdan oportunidades. 

Pola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes, pechará este mesmo xoves, 10 de setembro.

QUE É PALCO?

Este outono, Galicia conectará á industria musical co nacemento de PALCO, o primeiro –e pioneiro– encontro sectorial da música na comunidade, impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a  Xunta de Galicia.

PALCO celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026,  na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese repartidos pola cidade. Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades para a música feita en Galicia, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento.

PALCO quere impulsar, do mesmo xeito, a presenza da música galega, abrindo novas redes e espazos de traballo conxunto, ademais de reforzar Galicia como territorio de creación e de industria. Como apuntan desde a organización: “PALCO nace nun contexto propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe. A música en Galicia vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda”.

Destacan, tamén, que “Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global. A Xunta de Galicia xunto a AGEM e os axentes do sector impulsan PALCO para reunir esta fértil realidade”. Deste xeito, PALCO nace como un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.

Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. Toda a información da iniciativa pode consultarse n páxina web oficial www.palco.gal.

EQUIPO ORGANIZADOR DE PALCO

PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM –entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo– e a Xunta de Galicia. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.

AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión. 

Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade. 

O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.

2026.09.10.-NP-PALCO-AGEM-inscricions-profesionais_GAL

Proxección do documental AO SON DA NOVA REGUEIFA, dentro do Ciclo Mestre Mateo, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental AO SON DA NOVA REGUEIFA, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, continuando deste xeito co CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta cuarta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o domingo 13 de setembro de 2026, ás 20:00h.

NOTA-ao-son-da-nova-regueifa

X Ciclo de Teatro de Castiñeiro Milenario

Achégase o outono e como todos os anos o teatro chega a Begonte da man de Castiñeiro Milenario.

Nesta décima edición programaranse tres representacións, sendo a primeira delas no Colexio Público de Begonte, un xeito de achegar aos máis cativos a cultura e o teatro, un xeito de sementar para o futuro.

O calendario de representacións e as obras do ciclo son as seguintes:

  • 9 de setembro no Colexio Público Virxe do Corpiño de Begonte, Bátega Teatro representará o obra Diver@s.
  • 17 de outubro ás 19 horas na Casa da Cultura, Aturuxeiros de Bravos coa obra Vaia co pronóstico.
  • 12 de decembro ás 19 horas na Casa da Cultura, Improdutivas coa obra de improvisación Improcondria.

Toda a información na páxina web https://castinheiromilenario.wordpress.com/2026/09/07/x-ciclo-de-teatro/.

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Camiño Escena Norte levará os seus LATEXOS ESCÉNICOS a nove localidades da Coruña e Lugo

A Praza do Obradoiro acolleu a presentación de Camiño Escena Norte 2026 © Miguel Lamas

O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas regresa este outono con funcións de teatro adulto e familiar en Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Ribadeo, Outes, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo

As compañías galegas Ártika Cía, Teatro de Ningures e Teatro O Cubo actuarán en Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra

Foto da presentación de Camiño Escena Norte esta mañána Praza do Obradoiro © Miguel Lamas

Camiño Escena Norte (CEN) presenta a súa programación de artes escénicas para o outono galego. O programa de intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, que se celebrará entre o 18 de setembro e o 15 de novembro, deu a coñecer esta mañá na Praza do Obradoiro o programa e funcións de teatro que se poderá ver nun total de nove municipios galegos das provincias da Coruña e Lugo. Concretamente, as representacións do Itinerario Constelacións terán lugar en Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Ribadeo, Outes, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo.

O público galego poderá gozar de propostas variadas que abranguen desde o teatro para adultos e familiar ata o ilusionismo inmersivo e as novas linguaxes escénicas nunha edición que, baixo o lema Latexos Escénicos, vincula o proxecto coas artes vivas, o tempo e a enerxía compartida, enfocando o amor polas artes escénicas desde a súa primeira edición.

A axenda de representacións abrirase en Foz (26 de setembro) e Sarria (27 de setembro) con Juana I de Castilla, da compañía rioxana Nueve Lunas Teatro. Unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. En Outes (10 de outubro) presentarase 52 Herciosde Ados Teatroa (Euskadi), unha mirada coral sobre a soidade non desexada que parte dunha orixinal metáfora: o canto dunha balea que, ao emitirse a 52 hercios, queda fóra da frecuencia habitual da súa especie.

Foto de escena de 52 hercios, que se representará en Outes

Os monicreques e o teatro familiar terán o seu espazo en Negreira (16 de outubro) e Arzúa (30 de outubro) conEl gato con botas de agua, unha visión contemporánea do conto infantil que leva á escena a compañía asturiana El Callejón del Gato.

Pola súa banda, en Lugo (17 de outubro) e Santiago de Compostela (18 de outubro) poderase ver La balada del norte,a adaptación escénica da recoñecida novela gráfica de Alfonso Zapico a cargo de Saltantes Teatro (Asturias), que aborda a memoria e o conflito de clases arredor da Revolución de 1934.

En Ribadeo (25 de outubro) haberá unha dobre función de3 Elementos,un espectáculo de ilusionismo inmersivo e multisensorial apto para todos os públicos, creado pola compañía navarra Hodei. Finalmente, as funcións de CEN en Galicia pecharanse en Vimianzo o 30 de outubro coa representación de ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa, unha profunda dramaturxia sobre as presións que recaen na infancia e as fendas que se abren nunha sociedade excesivamente esixente.

La balada del norte poderase ver no Salón Teatro (Santiago) e no Auditorio Gustavo Freire (Lugo)

Teatro galego en Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra

Mentres o público de Galicia recibe as propostas procedentes dos demais territorios, as tres compañías seleccionadas para representar o talento galego xirarán polas distintas comunidades participantes. A representación do país virá da man de Ártika Cía con Non pasarán, de Teatro de Ningures con As gardiás, ou o nó do tecelán (Premio da Crítica de Galicia 2025) e de Teatro O Cubo coa súa produción Vooda que se puido ver unha escena esta mañá unha na praza do Obradoiro. 

As tres compañías galegas levarán as súas propostas a Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Concretamente, entre setembro e novembro, Ártika Cía actuará en Marina de Cudeyo (Cantabria), Hondarribia (Euskadi) e Corvera (Asturias); mentres que Teatro de Ningures estará en Zizur Mayor (Navarra), Unquera (Cantabria) e Villaviciosa (Asturias). Pola súa banda, Teatro O Cubo actuará en Zarautz (Euskadi), Xixón -no marco do festival Danza Xixón- e Sopela (Euskadi). 

Toda a programación de Camiño Escena Norte está dispoñible para consulta na súa web oficial, espazo no que tamén se pode consultar e descargar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha ferramenta que funciona como selo de calidade e de promoción e apoio ás propostas escénicas dos seis territorios participantes. O catálogo inclúe 36 espectáculos, dos cales 18 son parte do Itinerario Constelacións.

Representación de Voo esta mañá na Praza do Obradoiro © Miguel Lamas

Camiño Escena Norte

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo. 

Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.

FUNCIÓNS DE CAMIÑO ESCENA NORTE EN GALICIA 2026

26.09.2026, 19:30 h | Foz. Sala Bahía

Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa).

27.09.2026, 20:00 h | Sarria. Casa de Cultura

Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa).

10.10.2026, 20:00 h | Outes. Auditorio Casa da Cultura

52 Hercios, de Ados Teatroa (Euskadi).

 16.10.2026, 19:00 h | Negreira. Auditorio Eanes do Cotón

El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias). 

17.10.2026, 20:30 h | Lugo. Auditorio Municipal Gustavo Freire

La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias).

18.10.2026, 18:00 h | Santiago de Compostela. Salón Teatro

La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias). 

25.10.2026, 19:30 h e 20:30 h | Ribadeo. Auditorio Hernán Naval

3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º, de Hodei (Navarra).

30.10.2026, 18:00 h | Arzúa. Capela da Madanela

El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias).

30.10.2026, 20:30 h | Vimianzo. Auditorio Municipal

¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi).

Homenaxe popular a Teresa Batán Buján en Antas de Ulla

O vindeiro domingo, 13 de setembro ás 18 h., celebrarase a homenaxe popular de Antas de Ulla á bibliotecaria e dinamizadora cultural, Teresa Batán Buján, quen, ademais de ser socia do Instituto de Estudos Ulloáns, dedicou toda unha vida ao desenvolvemento cutural de Antas de Ulla.

No acto intervirán representantes do concello de Antas de Ulla, do IEU e de todas as asociacións culturais de Antas.