Rodrigo Cuevas e a vangarda do folclore: encontro íntimo na Fundación Luís Seoane

  • O artista conversará con Nuno Pico (Grande Amore) o martes 7 de abril
  • A cita supón o regreso de Cuevas á cidade antes do seu único concerto en Galicia, que terá lugar o 30 de abril no Coliseum
  • Os medios interesados en cubrir o evento terán que solicitar a súa acreditación antes das 12 horas do martes 7

O martes 7 de abril ás 20:00 horas a Fundación Luis Seoane da Coruña acolle un encontro especial entre Rodrigo Cuevas e Nuno Pico, o rostro detrás de Grande Amore. O acceso será libre ata completar capacidade.

Hai artistas que non caben nunha soa palabra. Rodrigo Cuevas é cantante, acordeonista, percusionista, DJ, compositor, performer, axitador folclórico e, sobre todo, unha anomalía fermosa no panorama musical español.

Nacido en Oviedo en 1985, Cuevas pasou anos en Galicia, onde aprendeu a falar galego e se iniciou na música e no baile tradicional, antes de construír un universo propio onde a música electrónica conversa co humor, a sensualidade e a crítica social, convertendo os seus espectáculos nunha experiencia cultural e sensorial única.

A súa proposta incorpora bases electrónicas á música tradicional, cunha estética escénica que mestura o rural co cabaret e o pin-up. Rodrigo Cuevas, sinxelamente, fai o que ninguén máis fai: rescatar as raíces para levalas a onde nunca estiveran. Considéraselle un dos maiores talentos do panorama musical español actual e os premios déronlle a razón: o Premio Nacional das Músicas Actuais en 2023, o Premio Arcoíris, o Premio Ollo Crítico de RNE e o MIN ao Artista Revelación.

O seu último traballo, Manual de Romería, foi elixido Mellor Disco Nacional por Rockdelux e agora chega a súa nova entrega: Manual de Belleza, coa que pecha unha triloxía que redefiniu o que pode ser a música popular neste país. Este novo traballo preséntase como un exercicio de etnografía pop, onde Cuevas se detén na contemplación da estética do cotiá, o paso do tempo e a dignidade das identidades disidentes no rural.

No musical, este peche de triloxía consolida a madurez dun son que funde as texturas orgánicas de pandeiros e acordeóns cunha electrónica de vangarda que bascula entre o ambient e o techno. Ao integrar gravacións de campo e testemuños reais de aldeas, Cuevas consegue que ritmos ancestrais como a xota ou o xiringüelu soeen tan contemporáneos como calquera sesión de club berlinés. Esta proposta converte o seu próximo concerto no Coliseum o 30 de abril nun auténtico ritual moderno.

Pola súa banda, Nuno Pico (Grande Amore) é unha das figuras de referencia da xeración millennial na música pop galega. O seu singular son de punk electrónico conquistou a miles de persoas que conectan coas súas penas retratadas en sons de rave. Dúas maneiras de entender a tradición, a identidade e a transgresión nunha conversa que promete ser tan honesta coma imprevisible.

ENCONTRO ENTRE RODRIGO CUEVAS E NUNO PICO

  • Data: Martes, 7 de abril de 2026
  • Hora: 20:00 h
  • Lugar: Fundación Luís Seoane, A Coruña
  • Entrada: Libre ata completar aforo

Gloria Rico dirixirá a gala dos XXX Premios de Teatro María Casares, que celebrará a obra de Manuel Lourenzo

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia renderá homenaxe ao histórico actor e dramaturgo, finado no verán de 2025, nun evento que se presentará oficialmente o luns 6 de abril no Teatro Rosalía Castro

Gloria Rico Galán é unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora

Festexar a vida e a herdanza de Manuel Lourenzo. Esta é a premisa central que tecerá a 30ª edición da Gala dos Premios de Teatro María Casares, a gran cita da escena galega. Organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, terá lugar o mércores 8 de abril no Teatro Rosalía Castro. A entidade rende así homenaxe ao compañeiro e mestre finado o pasado verán, cuxa obra é fundamental para entender a nosa escena. 

Nesta ocasión, a dirección da gala recaerá en Gloria Rico, unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea. A artista, coñecedora desde a proximidade da vida e traballo do Premio Nacional de Literatura Dramática no 1997, propón a idea de festexar a súa obra. O espectáculo contará cunha posta en escena que se alonxará do drama para por en valor o imaxinario de Lourenzo. 

“Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura ”, expón. 

Os detalles da gala, que terá lugar o mércores 8, presentarase o vindeiro luns, 6 de abril, ás 12.30 horas no Teatro Rosalía Castro. Será nunha rolda de prensa que contará coa presenza e participación da propia Gloria Rico, ademais de representantes da AAAG, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. A gala tamén conta co apoio da Fundación AISGE e Gadisa.

Sobre Gloria Rico

Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a traxectoria de Gloria Rico está estreitamente vinculada ao teatro universitario e profesional desde os seus inicios, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora.

Fundadora da compañía Teatro En Punto (TEP), Gloria Rico traballou con algunhas das formacións máis sobranceiras do país, como Matarile, Teatro Bruto, Casahamlet, Teatro do Atlántico e o Centro Dramático Galego (CDG). No seu currículo como intérprete destacan pezas como Cachorros sen domesticar (1996), Ninguén chorou por nós (2000), Rosalía (2001) ou a recente Invocación (2025).

A súa faceta como directora e axudante de dirección permitiulle colaborar man a man con referentes como Manuel Lourenzo e Xulio Lago. Entre as súas direccións máis recentes destacan Unha rosa entre as pernas (2013), 9999 (2014) e a peza de autoría propia Oca (2023), estreada no Festival Amigos de la Ópera da Coruña. No 2025, presentou no Museo Centro Gaiás a cocreación Olladas converxentes.

Máis alá das táboas, a súa carreira esténdese ao ámbito audiovisual, con participacións en títulos como a longametraxe Martes de Carnaval (1990) ou a mítica serie Mareas Vivas (2000). Como autora, publicou Contos troianos na colección de Manuais de Teatro de Casahamlet e participou no grupo de traballo DramaturXa 2018 do CDG.