O FIOT sobe ata a 3ª posición –xunto ao Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego
e a Bienal de Pontevedra– na listaxe de mellores iniciativas culturais galegas
que anualmente elabora a prestixiosa Fundación Contemporánea
Deste xeito, o encontro carballés sitúase de novo como o festival
de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025
En 2022, o FIOT foi recoñecido neste informe como o mellor
da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido una ano máis polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o terceiro mellor proxecto cultural galego de 2025, posto que comparte co Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego polo espectáculo A serie clopen e a Bienal de Pontevedra. Deste xeito, o encontro carballés sitúase como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025.
O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano. En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2024 acadou a cuarta posición.
O MELLOR DA CULTURA 2025
A Fundación Contemporánea presentou no Palacio de Festivales de Cantabria o informe ‘Lo Mejor de la Cultura 2025’, elaborado co apoio de CREA SGR. Desde 2009, o informe ofrece unha radiografía anual do estado da cultura en España, e por comunidades, e reúne máis de 500 propostas culturais —museos, centros de arte, teatros, festivais, feiras, bibliotecas, proxectos dixitais e rurais—. En 2025, o estudo foi elaborado a partir da valoración de 443 profesionais do sector e mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta, e superando por primeira vez o 20% dos votos.
O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2025’ pódese descargar aquí:
A 34ª, UNHA DAS EDICIÓNS MÁIS PARTICIPATIVAS DO FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, celebrou a súa 34ª edición cun dos mellores balances da súa historia, tanto en asistencia de público como en valoración artística e social. O evento, avalado nos últimos anos como un dos grandes referentes das artes escénicas de Galicia e de España, contou cunha participación de preto de 15.000 persoas entre espectáculos e actividades paralelas, con máis de 7.000 espectadores nas súas representacións teatrais. A acollida foi masiva en toda a programación, con máis do 90% de ocupación media nos espectáculos con aforo e venda íntegra de bonos. Cabe destacar o fito do 100% de ocupación do Programa de Sala acadado por primeira vez na historia do FIOT.
ESTREA DE ‘TERRITORIO REGUEIFA’
O vindeiro 6 de febreiro, no Pazo da Cultura, terá lugar estrea absoluta do espectáculo ‘Territorio Regueifa’, que tivera que ser cancelada o pasado mes de outubro, durante o desenvolvemento do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes. A peza é unha coprodución do FIOT xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. As entradas para a función están á venda en Ataquilla: https://i.gal/entradas-territorioregueifa-fiot
MÁIS DE TRES DÉCADAS CREADO TEATRO DESDE CARBALLO: O FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
O próximo sábado, día 7 de febreiro, ás 19 horas desde a Casa-Museo Manuel María organizan unha palestra, de entrada libre, con Fernán Álvarez, autor do libro A torre de Caldaloba e membro das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego. O autor contará como foi a loita que hai trinta anos protagonizaron as Brigadas pola recuperación da Torre de Caldaloba e da súa memoria.
Aproveitando a celebración da palestra tamén está convidada a participar a deputada de Cultura, Iria Castro, para que informe da situación, a día de hoxe, da torre.
Rebeliom do Inframundo lanza o sinxelo Bate Fado (Galunk Producións, 2026), unha canción que aparece como un berro de liberación e afirmación colectiva antes da chegada do seu novo álbum, Orgulho, previsto para o 26 de febreiro.
Bate Fado é resistencia, orgullo e raíces. Nace do afogo cotián; é un tema que espanta os demos, a crítica, a ira e o medo a arder no lume alleo. Neste terceiro adianto de Orgulho, Rebeliom do Inframundo volve poñer o corpo e a voz para lembrar que a vida é nosa e só nós decidimos sobre ela. O dedo acusador rómpese cando se atreve a sinalar.
O tema reivindica tamén a música popular e a tradición como espazos de felicidade e de comunidade. Fronte ao estrés, á presión, á ansiedade e á depresión que atravesa a cada vez máis xente, Bate Fado propón xusto o contrario: cantar, sorrir, unirse, celebrar o que somos. Tradición e orgullo como resposta política e emocional.
Musicalmente, o sinxelo volve amosar a identidade de Rebeliom do Inframundo: un rap cru e combativo que dialoga coa electrónica e coas raíces galegas, reforzando un discurso que mira de fronte á realidade sen baixar a cabeza.
O singleBate Fado (Galunk Producións, 2026) está xa dispoñible para a súa escoita nas plataformas dixitais: https://orcd.co/batefadordi
BATE FADO: TRADICIÓN E ORGULLO CONTRA QUEN NON NOS DEIXA SER
Nervo, voz de Rebeliom do Inframundo, reflexiona sobre o novo sinxelo da banda: “Bate Fado é unha canción que amosa o sentir que temos moitos e moitas nestes tempos nos que o traballo semella afogarnos; tempos nos que parece que nada ten saída e onde non nos deixan ser, non nos deixan respirar, non nos deixan ver. Só, unicamente, cando eles queren. É soltar esas ganas de dicir que non nos gusta ou, a min en concreto, non me gusta nada como está montado isto. Estamos sufrindo e esquecendo quen somos e que queremos ser realmente, que é o que nos fai felices”.
E engade: “Por iso tamén o retrouso de Bate Fado: porque, neste caso, a min, as cancións populares fanme feliz, e fan feliz a moita xente. E isto é un pouco, falando mal e claro, mandar á merda todo iso que nos mete estrés, presión, ansiedade, caídas en depresión de moita xente, cada vez máis… Bate Fado é todo o contrario: é felicidade, é cantar, é sorrir, é unidade, é estar xuntas e xuntos, é por en valor a tradición e o orgullo”.
REBELIOM DO INFRAMUNDO, MÁIS DUNHA DÉCADA DE MÚSICA DESDE A TRINCHEIRA
Nacidos nas rúas e nos locais de ensaio de Galiza, Rebeliom do Inframundo leva máis dunha década facendo da música unha trincheira e unha celebración. Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol forman unha alianza que vai máis alá do rap: é unha actitude, unha maneira de entender o mundo.
O seu son bebe do rap hardcore e da electrónica, pero tamén das raíces galegas e da forza dun pobo que nunca baixa a cabeza. Cada tema é un retrato entre o amor e a rabia, entre o orgullo e a ferida.
Dende Caladas Reflexivas ata Amor ou Barbárie, pasando por Lume e Rebeliom e Ilegal, a banda medrou sen traizoar o seu camiño. Hoxe, Rebeliom do Inframundo non é só unha referencia musical: é un símbolo dunha xeración que loita, crea e berra sen pedir permiso.
A banda afronta 2026 cunha forza incontestable… cara a publicación do seu novo álbum, orgulho, que verá a luz a finais de febreiro deste ano, e do que xa se coñecen adiantos como Sube e este novo sinxelo Bate Fado.
Rebeliom vive o seu mellor momento, co respaldo dun público que enche salas e corea cada verso coma se formase parte da banda. Non precisan grandes campañas nin filtros; a súa verdade corre de boca en boca, como corren as boas cousas cando son reais.
No último ano esgotaron entradas en espazos emblemáticos como a Sala Capitol de Compostela —800 persoas entregadas— e confirmaron o que xa se intuía: Rebeliom é unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual.
O seu directo é un estoupido de enerxía, mestura de rap, electrónica e tradición galega, que converte cada concerto nunha experiencia colectiva. É un grupo de xente para a xente, cun discurso propio e unha ética de traballo que fala de verdade, comunidade e resistencia. Eles non seguen a moda, créana.
O TEMA DESTACADO DO LP É PAJITAS DE BAMBÚ, QUE ESTREOU O SEU VIDEOCLIP ONTE MESMO
O ÁLBUM VE A LUZ SEMANAS ANTES DO COMEZO DA SÚA XIRA HOMÓNIMA, QUE PASARÁ POR DISTINTAS SALAS GALEGAS EN 2026
AS ENTRADAS PARA ESTES CONCERTOS ESTÁN XA Á VENDA EN ENTERTICKET.ES
A banda galega de Rap Metal, Vimbio, acaba de publicar o seu primeiro traballo discográfico de longa duración baixo o título de Comeza o Xogo. Este traballo é a carta de presentación dun grupo que, xogando con xéneros que van dende o Rap Metal ou Nu Metal ata o Punk ou Hardcore, advirten que veñen para dar de que falar. Vimbio dá “comezo ao xogo” cun álbum de dez temas nos que destaca a colaboración de dous rapeiros referentes na escena galega como son Nadie González ou Hugo Guezeta, revivindo así para unha nova canción ao histórico grupo SonDaRúa. Tras o lanzamento dos sinxelos Comeza o Xogo, Eu non quero traballar, Troula (xunto a Nadie González), Cando ninguén nos vixía, Crise (xunto a Hugo Guezeta e SonDaRúa) e Seres de luz, a banda publica o disco completo cos temas inéditosCombustible, Que parvo eres, Neste lugar e neste momento e Pajitas de Bambú; este último exercendo como a canción destacada do álbum.
Pajitas de Bambú é unha clara crítica a como se nos responsabiliza á sociedade dun problema tan grande como o cambio climático cando quenes verdadeiramente contaminan son as grandes empresas. Vimbio pon de manifesto o absurdo de certas medidas para reducir a nosa pegada medioambiental e esa constante revisión e criminalización a quen non as cumpre, mentres os verdadeiros xeradores de contaminación saen impunes destas críticas, esgotando e envelenando os recursos naturais do planeta. Con esa premisa, Vimbio satiriza nun videoclipdirixido por IzanMG e gravado en Tomiño, publicado onte mesmo como adianto ao lanzamento do disco. Poñendo de manifesto esa histeria colectiva por reducir a nosa pegada medioambiental, a banda galega leva ao audiovisual este concepto cun ton moi humorístico.
Vimbio aposta por un disco autoeditado cunha composición e produción propia, amosando a súa capacidade para traballar letras con carácter e fondo, así como música e melodías con personalidade e autenticidade, dando como resultado final un traballo pulido, elaborado e frenético. Desta forma, devolven a frescura a xéneros que viviron etapas de esplendor fai anos e que na actualidade non pasan por un auxe creativo e innovador importante.
PRIMEIRAS DATAS DA SÚA XIRA “COMEZA O XOGO”
Co lanzamento do disco, Vimbio pon en marcha a súa xira homónima. Tras os seus primeiros concertos realizados o pasado ano, a banda encara o 2026 cunhas primeiras datas que terán lugar maioritariamente en salas galegas. Tras a festa de presentación do disco na sala JJ Copas (Ponteareas), o punto de partida terá lugar o próximo 7 de febreiro no Pub Gatos (Melide), e con ela confírmanse as datas para o 21 de febreiro na Casa das Crechas (Santiago de Compostela), o 14 de marzo no Centro Social Artàbria (Ferrol), o 18 de abril na sala Kominsky (Vigo), o 2 de maio na sala Mardi Gras (A Coruña) e, por último, o 4 de xullo no festival Muíños da Costeira (O Porriño). Estas serán as primeiras datas nas que a banda presentará en vivo o seu primeiro disco. As entradas para estes primeiros cinco concertos están xa á venda en enterticket.es.
XIRA “COMEZA O XOGO”
30/01 · JJ Copas · Ponteareas | Festa Presentación
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co recente lanzamento do seu primeiro disco, Comeza o Xogo, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2026.
‘saír á fresca’, o primeiro avance do novo álbum de Fillas de Cassandra, xa está dispoñible nas plataformas
Sara Faro e María SOA lanzan a carta de presentación de ‘Tertúlia’ cun videoclip rodado en Vigo e que conta coa participación de Mireia Oriol, Cristina Iglesias e Antonio Durán ‘Morris’
Con ‘Tertúlia’, que verá a luz en abril, o dúo expande a súa linguaxe creativa e propón un disco rabiosamente contemporáneo
Fillas de Cassandra lanza o sinxelo ‘saír á fresca’ e abre as portas da casa para airear, sen pudor e con decisión, as múltiples formas que adoptará o seu novo álbum, ‘Tertúlia’. O tema, que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais, conta cun videoclip rodado na súa cidade e no que participan, entre outras persoas, as intérpretes Mireia Oriol, Cris Iglesias e Antonio Durán ‘Morris’.
‘saír á fresca’ é a carta de presentación do álbum que verá a luz no mes de abril e que producen Çantamarta e as propias María SOA e Sara Faro. Este primeiro avance, un convite aberto a participar da ‘Tertúlia’ (“veña vente que hai tertúlia / non hai présa pero apura”), debuxa, con claridade, o universo do novo disco de Fillas de Cassandra, tanto a nivel musical -cunha importante expansión da súa linguaxe creativa e na que as bases electrónicas tornan en protagonistas absolutas, acompañadas dunha instrumentación orgánica- coma conceptual: trátase dunha proposta rabiosamente contemporánea e feminista no discurso e na práctica.
‘Tertúlia’ nace como unha praza aberta, un lugar de reunión, de conflito e de celebración. Un punto de encontro no que conflúen ritmos híbridos, xéneros e voces diversas. Neste exercicio de ‘Tertúlia’ que propoñen Sara Faro e María SOA; as voces e o diálogo confúndense, apúranse, crúzanse, compártense. As voces berradas e cantadas toman a palabra e forman comunidade nas pistas coa poética, coa música e coas harmonías corais, fórmula que identifica a Fillas de Cassandra.
Este ‘saír á fresca’, que se pode escoitar desde hoxe, é un avance de todo o que virá, como as primeiras referencias artísticas (Maruja Mallo, Tamara de Lempicka, Gloria Fuertes e moitas máis) que inflúen nesta obra. Unha proposta contemporánea, reflexiva, ambiciosa e vangardista, que acredita a Fillas de Cassandra como a proposta máis destacada da nova escena galega.
O tema acompáñase dun videoclip -dirixido polas propias artistas, Santiago Iglesias e Sergio ‘Steel’- rodado en Vigo, a súa cidade, o pasado mes de decembro. Unha multitude, na que se recoñecen as intérpretes Mireia Oriol (Soy Nevenka), Cris Iglesias (Antes de nós, Eroski Paraíso) ou Antonio Durán ‘Morris’ (1936, Fariña), atópase nunha parada de autobús, tal e como anunciaba o teaser lanzado o pasado 15 de xaneiro por Fillas de Cassandra. Comeza unha viaxe de conversas entrelazadas cuxo destino non é outro que ‘Tertúlia’.