Lumedoloop publica INVOLUCIÓN, unha diagnose sonora da regresión do noso tempo

O trío transforma asina un manifesto lúcido contra a involución social, sinalando “o capitalismo depredador, a progresiva lexitimación da ultradereita e o papel das élites económicas e mediáticas” na erosión da conciencia colectiva

 “A arte non pode permanecer neutral nin cómoda, ten que sinalar, incomodar e obrigarnos a mirar de fronte aquilo que preferimos non ver”, expón Jamas

Lumedoloop vén de publicar este venres INVOLUCIÓN, o seu novo sinxelo e cuarto adianto do álbum (Re)existencia, que verá a luz o 20 de febreiro. O tema funciona como un manifesto sonoro contra a regresión civilizatoria que caracteriza o noso tempo: a banalización do pensamento, a devastación do medio natural, o empobrecemento cultural e, de maneira especialmente alarmante, o avance e a integración da ultradereita no espazo político, mediático e social. 

Sobre unha produción de Møu contundente e hipnótica -un brillante boom bap clásico arroupado por unha envolvente capa psicodélica-, Jamas entrega unha das letras máis afiadas, explícitas e politicamente incisivas da súa traxectoria.

“Hai unha idea que atravesa a canción: cando aceptamos como normal a desigualdade sistémica, a destrución do medio, a banalización da cultura ou a deshumanización, estamos colaborando coa involución. A ultradereita non avanza só polos votos que suma, senón pola maneira na que conseguimos normalizala. E iso non sucede por azar. Cremos que a arte non pode permanecer neutral nin cómoda, ten que sinalar, incomodar e obrigarnos a mirar de fronte aquilo que preferimos non ver”, expón Jamas.

Así, Involución non apela ao shock nin ao catastrofismo inmediato. O seu xesto é máis incómodo e máis necesario: poñer palabras ao que xa se volveu rutina. A letra conecta fenómenos que adoitan analizarse por separado —a sobreestimulación dixital, o desprezo polo coñecemento, o colapso ecolóxico, a mercantilización da vida, a fabricación do medo ou a aceptación social de discursos autoritarios— para revelar un mesmo fío estrutural: un sistema económico e cultural que produce deshumanización, apatía e obediencia.

A canción sinala directamente como o capitalismo depredador e as élites que o sosteñen precisan dunha sociedade desinformada, fragmentada e emocionalmente anestesiada para perpetuarse. Nese contexto, segundo expón Lumedoloop, “os grandes grupos mediáticos aparecen como ferramentas centrais de moldeado social, capaces de converter a precariedade en culpa individual e de empurrar a amplas capas populares a votar sistematicamente contra os seus propios intereses”. Esta diagnose condénsase nun dos versos do tema:Se terra e auga —barro, lama— somos os obreiros / os grandes grupos de medios son os oleiros / modélannos… desde os pés ata o bico / conseguen que os pobres dean o seu voto para os ricos.

A letra do Lumedoloop tamén expón como a deshumanización do outro —migrantes, persoas empobrecidas, disidentes…— se converte nunha peza fundamental para lexitimar políticas de exclusión, discursos de odio e proxectos neofascistas que xa non se presentan como excepción, senón como opción plenamente integrada no sistema.

Involución funciona así como un inventario de síntomas dunha sociedade exhausta e desorientada; a substitución do coñecemento pola información superficial, a glorificación da ignorancia, a indiferenza fronte á destrución ambiental ou a facilidade coa que o medo se transforma en ferramenta política. Versos como cando ler un libro está en perigo de extinción” ou “as neuronas afogan no abisal mar visceral” operan como sentenzas que non buscan consolo, senón conciencia.

Un videoclip coa estética do colapso

O sinxelo chega acompañado dun videoclip dirixido por Bastian Rodríguez (Elmembrillo Studio), unha peza audiovisual en branco e negro con uso de cor selectiva que amplifica a sensación de realidade degradada, alienación e fragmentación social. A estética, decadente e simbólica, dialoga coa idea central do tema: unha sociedade que avanza tecnicamente mentres retrocede ética, cultural e colectivamente.




Lumedoloop


Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flow natural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, integrantes e fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop. 

Involución forma parte do percorrido conceptual de (Re)existencia, o LP de Lumedoloop que se publicará o 20 de febreiro. Tras Rico de Sabor (materialismo afectivo), Rap Cru (autenticidade creativa) e Non Traio Un Laio (orgullo lingüístico e identitario), este cuarto adianto eleva o foco cara a unha crítica sistémica global. Paralelamente, Lumedoloop xa está a traballar no espectáculo en directo co que xirará presentando o disco, un formato concibido para trasladar ao escenario a densidade conceptual e emocional do proxecto.



Escoita Involución: https://linktr.ee/lumedoloop

Fillas de Cassandra publicará este ano ‘Tertúlia’, o seu segundo disco

Sara Faro e María SOA veñen de anunciar nas súas redes sociais o lanzamento, cuxo primeiro sinxelo se poderá escoitar o 30 de xaneiro

Regresa Fillas de Cassandra. O dúo vigués vén de anunciar a través dun vídeo, publicado esta mañá nas súas redes sociais, que neste 2026 o grupo lanzará o seu segundo LP, que se titulará ‘Tertúlia’.

Neste álbum, producido por Çantamarta e polas propias Fillas de Cassandra, Sara Faro e María SOA lanzan un convite a desobedecer. Nun contexto marcado pola fragmentación da comunidade, sentar a falar e escoitar convértese nun xesto político. Así, en ‘Tertúlia’ hai conversas, chamadas, pensamentos en voz alta, cortes, repeticións, voces que se superpoñen e moitos risos: son as formas que se atopan e mesturan, desde a proximidade, nos espazos de encontro, confesión e festexo.

O novo disco, que chegará na primavera e contará con destacadas colaboracións, é unha proposta arriscada e incisiva coa que Fillas de Cassandra amplía o seu universo instrumental e ensancha os marcos da sonoridade percutiva que caracteriza ao dúo. A electrónica contemporánea, a experimentación coas voces e as harmonías -que xa avanzaban no seu EP ‘Hibernarse’- encóntranse nesta ‘Tertúlia’ cunha forma de composición e escrita xenunína e afiada.

O primeiro avance do disco poderase escoitar a partir do 30 de xaneiro nas principais plataformas dixitais. O sinxelo acompañarase dun videoclip rodado en Vigo -dirixido por Santi Iglesias, Sergio ‘Steel’ e Fillas de Cassandra-,  como a peza audiovisual publicada esta mesma mañá nas redes do grupo.




20260115-GAL-Fillas-de-Cassandra-publicara-Tertulia