DISCO COMARCAL, o novo álbum de Familia Caamagno, xa está dispoñible


Descarga Disco Comarcal en .wav

DISCO COMARCAL, o álbum que celebra os 15 anos de Familia Caamagno sobre os escenarios, xa está dispoñible

  • Estilos como o power pop, o rock, melodías con reminiscencias disco ou mesmo R&B danse cita no terceiro LP do quinteto, que consolida o seu papel referencial na escena galega
  • O álbum darase a coñecer ao vivo o 6 de febreiro na Sala Capitol, noite na que a banda de Sigüeiro se acompañará d’A Orquestra do Quince, unha formación de instrumentistas de vento e teclados, para presentar os novos temas, arranxados especialmente para a ocasión

Familia Caamagno publica hoxe o seu terceiro LP, ‘Disco Comarcal’, un traballo discográfico que consolida o papel referente da banda na escena pop e rock do país. O álbum, producido por Raúl Pérez (do recoñecido estudio granadino La Mina), e que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais, demostra a solidez compositiva e a versatilidade estilística da formación cando cumpre 15 anos sobre os escenarios.

‘Disco Comarcal’ é un álbum ateigado de rock e power pop no que se suceden as melodías luminosas e as guitarras afiadas; ademais da profundidade emocional e as letras retranqueiras e incisivas que os Caamagno acostuman a presentar. Así, sen perder un ápice do seu carácter irreverente e crítico, non dubidan en destacar o papel fundamental que xogaron as discotecas rurais como elemento de cohesión social nos anos 80 e 90 -e que hoxe en día están abandonadas-, de alertar das derivas do arraigamento do turbocapitalismo na sociedade -que non deixa espazo para o amor- ou mesmo vertebran reflexións sobre as rupturas sentimentais a través dun relato fantástico.

A través dos oito temas que conforman este ‘Disco comarcal’, Familia Caamagno reivindica o seu espazo como formación de referencia no panorama musical galego. Alén da súa recoñecida capacidade para sacralizar o baile e a diversión, e que transforma cada directo nunha intensa comuñón co público, os de Sigüeiro confirman con este ‘Disco Comarcal’ a súa volubilidade para achegarse a estilos como o R&B ou mesmo a música disco. 

Neste LP -cuxa imaxe asina deseñador gráfico Álvaro Fernández, @unbuentipo– Familia Caamagno comeza o seu periplo rendendo homenaxe ás salas de festas comarcais galegas que viviron os seus tempos dourados na segunda metade do século XX. Desde estes espazos, protagonistas de ‘Disco comarcal’, o quinteto sérvese da diversidade estilística para percorrer, ao longo de oito temas, numerosas referencias do imaxinario común, mais abordadas sempre desde unha óptica particular, rentranqueira, reflexiva e fondamente emocional. 

Deste xeito, do luminoso e catártico De paseo en Portugal, Familia Caamagno achégase as problemáticas dos tempos actuais e da crúa realidade económica e social en temas como ‘Bomba de calor’ ou ‘Milagre económico’; e mesmo pon o foco e móstrase crítica con determinados perfís sociais en ‘Xa sei quen dis’  ou ‘Segnor do pasado’. Mais a banda non esquece o seu mandato outorgado polos seus poderosos e festivos directos para recoller tamén as tradicións e verbenas populares -os vermús e os bailes no Campo da Festa que se prolongan desde o mediodía até o fin da xornada- a través de ‘O día da Festa’.

Por último, ‘Disco Comarcal’ tamén abre unha ventá á nostalxia a través de ‘Antigos astronautas’, unha peza cunha melodía vibrante e melancólica nun primeiro momento, que se transforma nun retrouso luminoso. Baixo a forma dunha narrativa fantástica agroma un subtexto emocional: a tristura producida polo fin dunha relación. 


Presentación ao vivo


A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá o venres 6 de febreiro a estrea deste ‘Disco Comarcal’. Será unha noite moi especial na que Familia Caamagno presentará ao público os novos temas cun directo novidoso e diferente: estarán arranxados para a ocasión, na que os de Sigüeiro contarán co apoio d’A Orquestra do Quince, unha formación de instrumentos de vento e teclados, para facer bailar sen parar ás e aos asistentes.

A festa de presentación de ‘Disco Comarcal’ -cuxas entradas están á venda a través de www.salacapitol.com– comezará a partir das 21:30h coa actuación da banda convidadal Ulex, chamada a ocupar un papel relevante na escena do país nos vindeiros anos. Logo da estrea dos Caamagno, a celebración pecharase cunha sesión de baile na Sala Riquela da man das picadiscos Pídechas o corpo.


TRACKLIST DE ‘DISCO COMARCAL’ , DE FAMILIA CAAMAGNO 


1. Disco comarcal

2. De paseo en Portugal

3. Bomba de calor

4. Antigos astronautas

5. O día da festa

6. Xa sei quen dis

7. Segnor do pasado

8. Milagre económico

 
Escoita ‘Disco Comarcal’ nas plataformas
https://orcd.co/disco_comarcal_lp

Videoclips de Familia Caamagno (‘Disco comarcal’, ‘Bomba de calor’, etc).
https://www.youtube.com/@familiacaamagno 

20260123-Familia-Caamagno-publica-Disco-Comarcal