O coruñés Teo Montero Rey gaña, coa obra ALÉN DO AZUL, o Premio Portus Apostoli de Composición

Estrea da obra gañadora do Premio Portus Apostoli no Noia Harp Fest 2025

O xurado salienta “a  escritura orquestral moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”

A creación estrearase da man da Real Filharmonía de Galicia durante a nova edición do Noia Harp Fest, que decorrerá do 29 de xullo ao 1 de agosto

A IV edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, convocado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, xa ten obra gañadora. O xurado outorgou a distinción á creación Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey. O galardón, que conleva unha achega económica de 4.000 euros, suporá tamén a estrea absoluta da obra durante a celebración da 13ª edición do Noia Harp Fest, que decorrerá do 29 de xullo ao 1 de agosto,  da man da Real Filharmonía de Galicia.

O compositor e pianista coruñés Teo Montero Rey

O Premio Portus Apostoli é un certame innovador, posto en marcha no ano 2021 polo Noia Harp Fest -o único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento-, que pretende ampliar o repertorio existente para de obras para arpa e orquestra. Nesta cuarta edición, convocada o pasado mes de maio, o concurso recibiu un total de nove propostas, todas elas chegadas de cinco países europeos e de Estados Unidos. 

O tribunal, conformado polo compositor Fernando Buide -que exerceu de presidente do xurado-, o director de orquestra Fernando Briones, a arpista da OSG Céline Landelle e a arpista Alba Barreiro -como secretaria sen voto-, decidiu declarar gañadora a obra de Montero Rey “pola súa escritura orquestral, moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”. “A parte de arpa é moi variada e utiliza técnicamente moi ben o instrumento. Estruturalmente conta cunha boa narrativa musical, unha cadencia de arpa e un clímax orquestral constrúen un arco dramático final moi coherente”, apunta o xurado do Portus Apostoli.

Teo Montero Rey (A Coruña, 2005) é compositor e pianista que estudou no CMUS de Culleredo e no Conservatorio Superior de Música ‘Eduardo Martínez Toner’ do Principado de Asturias. Na súa traxectoria, suma diversos recoñecementos, como o Primeiro Premio do I Concurso Intercentros-Melómano de Composición Fundación SGAE, o IV Concurso Internacional de Composición Coral ‘Xogos Tonais’, o III Concurso de Composición Coral EVG e  do 7º Concurso de Composición del CONSMUPA.

Video resumo do Noia Harp Fest 2025

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa 13ª edición do 29 de xullo ao 1 de agosto deste 2026. O evento cultural regresará este verán ás rúas e recintos singulares da localidade coruñesa para descubrir ao público novas sonoridades e propostas artísticas chegadas tanto de Galicia como de diferentes países de Europa, África e América. 

Noia Harp Fest é unha cita imprescindible no calendario musical do verán galego, pois é a única cita de todo o noroeste peninsular que se dedica, exclusivamente, a fiar a súa programación a través da interpretación musical dun único instrumento: a arpa. Cunha ducia de edicións ás costas, polos seus escenarios pasaron algunhas das mellores arpistas das últimas décadas, como tamén as xeracións máis novas das escolas de Galicia. 

Estilos moi diversos, intérpretes de diferentes xeracións e orixes, e propostas para formato máis íntimo ou para grandes escenarios conviven nun programa que, cada ano, conta co selo de calidade de quen asina a dirección artística do evento: a asociación Noia Harp Fest, conformada polas principais arpistas do país. 

A 13ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

SESIÓN SONORA: A NOVELA DO BRAVÚ, con Xurxo Souto, este sábado na Casa-Museo Manuel María

SESIÓN SONORA CON XURXO SOUTO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

A novela do Bravú protagoniza esta sesión en que non faltará a música de Xurxo Souto

 A música e a palabra xúntanse este sábado, 28 de febreiro, da man de Xurxo Souto que estará, ás 18.30, na Casa-Museo Manuel María. O músico e escritor convida todas as persoas que se acheguen a unha sesión sonora, en que alén de cantar xuntos algunhas pezas, presentará a súa última obra, A novela do Bravú.

A actividade é de acceso libre até completar o aforo mais cómpre facer reserva en  contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou whatsapp 698177621.

O IESCHA organiza a Ofrenda Floral no Día de Rosalía de Castro en Vilalba

Continuando coa programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a OFRENDA FLORAL A ROSALÍA AO CARÓN DO SEU MONÓLITO.

O acto levarase a cabo o luns 23 de febreiro de 2026, ás 12:30 horas, no PARQUE ROSALÍA DE CASTRO DE VILALBA.

Ademais da ofrenda floral, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, procederá a dar lectura ao Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, co lema ‘Mais eles tamén perdidos’, escrito por EVA VEIGA, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Así mesmo, haberá tempo para o apartado de LECTURA DE TEXTOS  ABERTA AO PÚBLICO.

Presentación de NAKBA, de Patricia Torrado Queiruga, no Salón de Plenos do Concello de Vilalba

O Salón de Plenos do Concello de Vilalba acollerá, o sábado 21 ás 12 horas, a presentación de Nakba, o poemario de Patricia Torrado Queiruga, obra gañadora do LI Premio do Poesía de Vilalba 2025. Será un acto aberto ao público onde teremos a oportunidade de escoitar algúns dos poemas desta obra, recitados en galego e tamén en árabe.

Nakba é un berro, en versos, contra o xenocidio do pobo palestino e a destrución de Gaza. Está ilustrado pola artista gazatí Reem M Arkan. Conta cun limiar do poeta e novelista palestino Nasser Rabah, nunha edición que, a partir do galego orixinal, foi traducida a castelán, inglés (coa axuda de Patricia Martínez Ventoso) e inclúe tamén a versión en árabe a cargo de Omneia Sadek El-Shahat.

No acto participarán, ademais da propia autora, a alcaldesa de Vilalba Marta Rouco, a concelleira de Cultura Mónica González, Omneia Sadek El-Shahat, tradutora ao árabe da obra, e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, entidade encargada da edición de Nakba.

*Información recollida de Alvarellos Editora

Abril publica NAS HORAS AVELAÍÑAS, primeiro adianto do seu álbum debut

ABRIL publica este venres 20 de febreiro Nas horas avelaíñas, o primeiro sinxelo do seu álbum debut, que se publicará esta primavera. O tema chegará acompañado de videoclip e abre unha nova etapa para Claudia Abril e Marina Carpente.

https://abril.ffm.to/nashorasavelainas

ABRIL publica este venres 20 de febreiro Nas horas avelaíñas, o primeiro sinxelo do seu álbum debut, que se publicará esta primavera. O tema chegará acompañado de videoclip e abre unha nova etapa para Claudia Abril e Marina Carpente, que continúan a explorar o diálogo entre tradición e contemporaneidade cunha voz propia cada vez máis definida.

ABRIL é un proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son reinterpretadas con sonoridades actuais, mantendo o vínculo coa raíz sen renunciar á frescura do presente. A pandeireta, o pandeiro ou o violín folk conviven cunha produción coidada que constrúe un universo íntimo e recoñecible: un folk contemporáneo que é memoria, identidade e comunidade.

Nas horas avelaíñasparte dunha melodía recollida á informante Elena Alonso Pino (Elena de Toutón) e aprendida como Canto de Toutónno álbum As cantigas de Elena. O arranxo de ABRIL sitúa a tradición nun espazo emocional delicado e actual, convertendo a canción nunha porta de entrada perfecta ao universo dun álbum moi esperado.

UN UNIVERSO ESTÉTICO ARREDOR DO “LUGAR SEGURO”

A estética do proxecto e o seu discurso inspíranse na idea do lugar seguro, as redes afectivas estables e o paso do tempo, tomando como referencia a figura da cabana como refuxio e protección. Esa imaxe —presente tamén no videoclip que se poderá ver a partir deste venres na súa canle de Youtube— constrúe un universo que conecta co significado do propio título: medrar como evolucionar, comprender, coidarse e protexer o importante.

A dirección, montaxe, cor e fotografía corren a cargo de Miguel Méndez (Fotomatong). A dirección de arte corresponde a Marta Ferrer e Marina Carpente, esta última tamén responsable das gráficas.

Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música , da Deputación da Coruña.