
O FIOT sobe ata a 3ª posición –xunto ao Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego
e a Bienal de Pontevedra– na listaxe de mellores iniciativas culturais galegas
que anualmente elabora a prestixiosa Fundación Contemporánea
Deste xeito, o encontro carballés sitúase de novo como o festival
de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025
En 2022, o FIOT foi recoñecido neste informe como o mellor
da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido una ano máis polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o terceiro mellor proxecto cultural galego de 2025, posto que comparte co Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego polo espectáculo A serie clopen e a Bienal de Pontevedra. Deste xeito, o encontro carballés sitúase como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025.
O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano. En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2024 acadou a cuarta posición.
O MELLOR DA CULTURA 2025
A Fundación Contemporánea presentou no Palacio de Festivales de Cantabria o informe ‘Lo Mejor de la Cultura 2025’, elaborado co apoio de CREA SGR. Desde 2009, o informe ofrece unha radiografía anual do estado da cultura en España, e por comunidades, e reúne máis de 500 propostas culturais —museos, centros de arte, teatros, festivais, feiras, bibliotecas, proxectos dixitais e rurais—. En 2025, o estudo foi elaborado a partir da valoración de 443 profesionais do sector e mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta, e superando por primeira vez o 20% dos votos.
O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2025’ pódese descargar aquí:
https://lomejordelacultura.com/wp-content/uploads/2026/01/Lo-mejor-de-la-cultura-2025.pdf

A 34ª, UNHA DAS EDICIÓNS MÁIS PARTICIPATIVAS DO FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, celebrou a súa 34ª edición cun dos mellores balances da súa historia, tanto en asistencia de público como en valoración artística e social. O evento, avalado nos últimos anos como un dos grandes referentes das artes escénicas de Galicia e de España, contou cunha participación de preto de 15.000 persoas entre espectáculos e actividades paralelas, con máis de 7.000 espectadores nas súas representacións teatrais. A acollida foi masiva en toda a programación, con máis do 90% de ocupación media nos espectáculos con aforo e venda íntegra de bonos. Cabe destacar o fito do 100% de ocupación do Programa de Sala acadado por primeira vez na historia do FIOT.
ESTREA DE ‘TERRITORIO REGUEIFA’
O vindeiro 6 de febreiro, no Pazo da Cultura, terá lugar estrea absoluta do espectáculo ‘Territorio Regueifa’, que tivera que ser cancelada o pasado mes de outubro, durante o desenvolvemento do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes. A peza é unha coprodución do FIOT xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. As entradas para a función están á venda en Ataquilla: https://i.gal/entradas-territorioregueifa-fiot
MÁIS DE TRES DÉCADAS CREADO TEATRO DESDE CARBALLO: O FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
2026.01.30.NP-FIOT-Observatorio-de-la-Cultura