O TEMA DESTACADO DO LP É PAJITAS DE BAMBÚ, QUE ESTREOU O SEU VIDEOCLIP ONTE MESMO

O ÁLBUM VE A LUZ SEMANAS ANTES DO COMEZO DA SÚA XIRA HOMÓNIMA, QUE PASARÁ POR DISTINTAS SALAS GALEGAS EN 2026

AS ENTRADAS PARA ESTES CONCERTOS ESTÁN XA Á VENDA EN ENTERTICKET.ES

A banda galega de Rap Metal, Vimbio, acaba de publicar o seu primeiro traballo discográfico de longa duración baixo o título de Comeza o Xogo. Este traballo é a carta de presentación dun grupo que, xogando con xéneros que van dende o Rap Metal ou Nu Metal ata o Punk ou Hardcore, advirten que veñen para dar de que falar.  Vimbio dá “comezo ao xogo” cun álbum de dez temas nos que destaca a colaboración de dous rapeiros referentes na escena galega como son Nadie González ou Hugo Guezeta, revivindo así para unha nova canción ao histórico grupo SonDaRúa. Tras o lanzamento dos sinxelos Comeza o XogoEu non quero traballarTroula (xunto a Nadie González), Cando ninguén nos vixíaCrise (xunto a Hugo Guezeta e SonDaRúa) e Seres de luz, a banda publica o disco completo cos temas inéditos CombustibleQue parvo eresNeste lugar e neste momento e Pajitas de Bambú; este último exercendo como a canción destacada do álbum.

Pajitas de Bambú é unha clara crítica a como se nos responsabiliza á sociedade dun problema tan grande como o cambio climático cando quenes verdadeiramente contaminan son as grandes empresasVimbio pon de manifesto o absurdo de certas medidas para reducir a nosa pegada medioambiental e esa constante revisión e criminalización a quen non as cumpre, mentres os verdadeiros xeradores de contaminación saen impunes destas críticas, esgotando e envelenando os recursos naturais do planeta. Con esa premisa, Vimbio satiriza nun videoclip dirixido por IzanMG e gravado en Tomiño, publicado onte mesmo como adianto ao lanzamento do disco. Poñendo de manifesto esa histeria colectiva por reducir a nosa pegada medioambiental, a banda galega leva ao audiovisual este concepto cun ton moi humorístico.

Vimbio aposta por un disco autoeditado cunha composición e produción propia, amosando a súa capacidade para traballar letras con carácter e fondo, así como música e melodías con personalidade e autenticidade, dando como resultado final un traballo pulido, elaborado e frenético. Desta forma, devolven a frescura a xéneros que viviron etapas de esplendor fai anos e que na actualidade non pasan por un auxe creativo e innovador importante.

PRIMEIRAS DATAS DA SÚA XIRA “COMEZA O XOGO”

Co lanzamento do disco, Vimbio pon en marcha a súa xira homónima. Tras os seus primeiros concertos realizados o pasado ano, a banda encara o 2026 cunhas primeiras datas que terán lugar maioritariamente en salas galegas. Tras a festa de presentación do disco na sala JJ Copas (Ponteareas), o punto de partida terá lugar o próximo 7 de febreiro no Pub Gatos (Melide), e con ela confírmanse as datas para o 21 de febreiro na Casa das Crechas (Santiago de Compostela), o 14 de marzo no Centro Social Artàbria (Ferrol), o 18 de abril na sala Kominsky (Vigo), o 2 de maio na sala Mardi Gras (A Coruña) e, por último, o 4 de xullo no festival Muíños da Costeira (O Porriño). Estas serán as primeiras datas nas que a banda presentará en vivo o seu primeiro disco. As entradas para estes primeiros cinco concertos están xa á venda en enterticket.es.

XIRA “COMEZA O XOGO”

30/01 · JJ Copas · Ponteareas | Festa Presentación

07/02 · Pub Gatos · Melide | ENTRADAS

21/02 · Casa das Crechas · Santiago | ENTRADAS

14/03 · Centro Social Artabria · Ferrol | ENTRADAS

18/04 · Sala Kominksy · Vigo | ENTRADAS

02/05 · Sala Mardi Gras · A Coruña | ENTRADAS

04/07 · Muíños da Costeira · O Porriño

MÁIS SOBRE VIMBIO

Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer  xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co recente lanzamento do seu primeiro disco, Comeza o Xogo, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.

Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2026.