O tema, que mestura bases disco e instrumentos rock con electrónica, conta coa colaboración de Joe Crepúsculo, quen canta por primeira vez en galego
Na canle de Youtube do grupo está dispoñible o vídeoclip, no que aparecen figuras coñecidas como Hugo Rama, 9Louro, Caamaño & Ameixeiras, Miguel de Lira, Federico Pérez ou Guillermo Carracedo, entre outras
A banda está a piques de pendurar o cartel de ‘sold out’ para a presentación do novo álbum, que terá lugar o 28 de marzo no Multiusos do Sar
The Rapants publica este luns Non Sei Como, o primeiro sinxelo do seu novo disco, Rapants Club. A peza, na que colabora Joe Crepúsculo, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e conta cun vídeo dirixido e producido por La Bellavista no que aparecen figuras recoñecidas do país.
Non Sei Como é a tarxeta de presentación do novo LP de The Rapants e dá boa conta de todo o que está por vir neste traballo discográfico: variedade estilística, guitarras frenéticas, retrousos memorables e un inmenso agradecemento a toda a comunidade que os acompañou até o día de hoxe. “Rapants Club é moito máis que un disco: é a nosa maneira de entender a vida, que é a través da música, e de agradecer ás nosas familias, fans e equipo todo o compartido nestes anos. Elas e eles son este club”, apuntan.
Neste primeiro avance, os rapantes deixa entrever os sucos polos que van navegar no álbum: en Non Sei Como predomina a música disco con carácter rock e toques de electrónica, conta cun retrouso ‘pegadizo’ desde a primeira escoita, a letra é fiel ao seu estilo e rende homenaxe ás referencias do grupo muradán, como é o caso de Joe Crepúsculo. O catalán colabora tanto cos sintetizadores coma cantando por primeira vez en galego. Aínda que o disco se gravou nos estudios La Mina (Granada) e Boavista (Madrid), o encontro produciuse este verán en El Náutico (San Vicente).
A primeira canción que se dá a coñecer deste Rapants Club conta, ademais, cun impresionante videoclip rodado o pasado decembro entre as localidades de Muros, Carnota, Negreira e Santiago de Compostela. Figuras como o futbolista Hugo Rama, os actores Miguel de Lira e Federico Pérez, as artistas Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño -o dúo Caamaño&Ameixeiras-, os cantantes 9Louro e Xián Pais, os creadores de contido Champimuros e Merce Totakeki ou mesmo o campeón de surf Guillermo Carracedo formaron parte desta singular peza audiovisual dirixida e producida por La Bellavista.
Entradas practicamente esgotadas para a presentación de Rapants Club
A estrea en directo do novo disco de The Rapants terá lugar o 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, cita para a que xa non quedan entradas tanto en pista coma en diversas gradas -que se esgotaron ás poucas horas de activar a venda en www.ataquilla.com-.
A dous meses da celebración, unicamente quedan dispoñibles menos dun cento de billetes. A inauguración deste Rapants Club, tal e como prevé a banda, será unha gran festa para a música en directo en Galicia.
DISCO COMARCAL, o álbum que celebra os 15 anos de Familia Caamagno sobre os escenarios, xa está dispoñible
Estilos como o power pop, o rock, melodías con reminiscencias disco ou mesmo R&B danse cita no terceiro LP do quinteto, que consolida o seu papel referencial na escena galega
O álbum darase a coñecer ao vivo o 6 de febreiro na Sala Capitol, noite na que a banda de Sigüeiro se acompañará d’A Orquestra do Quince, unha formación de instrumentistas de vento e teclados, para presentar os novos temas, arranxados especialmente para a ocasión
Familia Caamagno publica hoxe o seu terceiro LP, ‘Disco Comarcal’, un traballo discográfico que consolida o papel referente da banda na escena pop e rock do país. O álbum, producido por Raúl Pérez (do recoñecido estudio granadino La Mina), e que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais, demostra a solidez compositiva e a versatilidade estilística da formación cando cumpre 15 anos sobre os escenarios.
‘Disco Comarcal’ é un álbum ateigado de rock e power pop no que se suceden as melodías luminosas e as guitarras afiadas; ademais da profundidade emocional e as letras retranqueiras e incisivas que os Caamagno acostuman a presentar. Así, sen perder un ápice do seu carácter irreverente e crítico, non dubidan en destacar o papel fundamental que xogaron as discotecas rurais como elemento de cohesión social nos anos 80 e 90 -e que hoxe en día están abandonadas-, de alertar das derivas do arraigamento do turbocapitalismo na sociedade -que non deixa espazo para o amor- ou mesmo vertebran reflexións sobre as rupturas sentimentais a través dun relato fantástico.
A través dos oito temas que conforman este ‘Disco comarcal’, Familia Caamagno reivindica o seu espazo como formación de referencia no panorama musical galego. Alén da súa recoñecida capacidade para sacralizar o baile e a diversión, e que transforma cada directo nunha intensa comuñón co público, os de Sigüeiro confirman con este ‘Disco Comarcal’ a súa volubilidade para achegarse a estilos como o R&B ou mesmo a música disco.
Neste LP -cuxa imaxe asina deseñador gráfico Álvaro Fernández, @unbuentipo– Familia Caamagno comeza o seu periplo rendendo homenaxe ás salas de festas comarcais galegas que viviron os seus tempos dourados na segunda metade do século XX. Desde estes espazos, protagonistas de ‘Disco comarcal’, o quinteto sérvese da diversidade estilística para percorrer, ao longo de oito temas, numerosas referencias do imaxinario común, mais abordadas sempre desde unha óptica particular, rentranqueira, reflexiva e fondamente emocional.
Deste xeito, do luminoso e catártico De paseo en Portugal, Familia Caamagno achégase as problemáticas dos tempos actuais e da crúa realidade económica e social en temas como ‘Bomba de calor’ ou ‘Milagre económico’; e mesmo pon o foco e móstrase crítica con determinados perfís sociais en ‘Xa sei quen dis’ ou ‘Segnor do pasado’. Mais a banda non esquece o seu mandato outorgado polos seus poderosos e festivos directos para recoller tamén as tradicións e verbenas populares -os vermús e os bailes no Campo da Festa que se prolongan desde o mediodía até o fin da xornada- a través de ‘O día da Festa’.
Por último, ‘Disco Comarcal’ tamén abre unha ventá á nostalxia a través de ‘Antigos astronautas’, unha peza cunha melodía vibrante e melancólica nun primeiro momento, que se transforma nun retrouso luminoso. Baixo a forma dunha narrativa fantástica agroma un subtexto emocional: a tristura producida polo fin dunha relación.
Presentación ao vivo
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá o venres 6 de febreiro a estrea deste ‘Disco Comarcal’. Será unha noite moi especial na que Familia Caamagno presentará ao público os novos temas cun directo novidoso e diferente: estarán arranxados para a ocasión, na que os de Sigüeiro contarán co apoio d’A Orquestra do Quince, unha formación de instrumentos devento e teclados, para facer bailar sen parar ás e aos asistentes.
A festa de presentación de ‘Disco Comarcal’ -cuxas entradas están á venda a través de www.salacapitol.com– comezará a partir das 21:30h coa actuación da banda convidadal Ulex, chamada a ocupar un papel relevante na escena do país nos vindeiros anos. Logo da estrea dos Caamagno, a celebración pecharase cunha sesión de baile na Sala Riquela da man das picadiscos Pídechas o corpo.
TRACKLIST DE ‘DISCO COMARCAL’ , DE FAMILIA CAAMAGNO
mesIAs experimenta cos ritmos máis bailables da música electrónica,
mesturados co son habitual de Arrhythmia, que bebe do metal, o rock e o rap,
en galego e sen filtros, a golpe de forza e detalle
“O noso novo tema é unha crítica aos gurús de Internet que tratan de guionizar as nosas vidas e tamén é un xeito divertido de dicirlles que nos deixen en paz”. Sen perder un ápice da súa esencia directa, fresca e combativa, Alberto Busco fala do novo adianto da súa banda Arrhythmia. Con mesIAs (Galunk Produccións, 2026), a troupe galega xoga e “experimenta cos ritmos máis bailables da música electrónica, mesturados co noso son habitual”. Este novo sinxelo poderá escoitarse, desde a noite deste xoves, 22 de xaneiro, en todas as plataformas dixitais: https://orcd.co/arrhythmiamesiass.
O tema ven acompañado dun oneshoot que poderá verse contra este mediodía nas redes sociais e na canle oficial de YouTube da banda:
O SILENCIO FOI SÓ UN PRELUDIO… DE ‘CERO’, O PRÓXIMO EP DE ARRHYTHMIA
Durante un tempo, o escenario gardou silencio, pero a banda lucense non. Arrhythmia pasou o último ano pechada no estudo, construíndo un novo capítulo con calma, forza e claridade de ideas. Lonxe de desaparecer, decidiron parar o ruído exterior para escoitarse a si mesmos.
O resultado: esta nova etapa da troupe alternativa galega que mantén a enerxía e o discurso que sempre a definiu, pero cun son máis afinado e unha identidade aínda máis sólida. A evolución verase reflectida nun novo EP, do que xa se coñece o título, CERO, e que verá a luz o día 12 de marzo de 2026.
Amnesia (Galunk Producións, 2025) foi o primeiro adianto deste novo traballo, publicado o pasado mes de abril de 2025, e que confirmou o que moitos intuían: Arrhythmia segue a ser unha das propostas máis singulares e queridas da escena alternativa galega.
Xa en novembro de 2025, a banda presentou o segundo sinxelo deste novo EP, baixo o título Insaciables, en colaboración co grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo.
Agora, chega o terceiro adianto de CERO: mesIAs (Galunk Producións, 2026), dispoñible para a súa escoita desde a noite deste xoves 22 de xaneiro nas plataformas dixitais:
Con este novo lanzamento, Arrhythmia amosa de novo que non volve, porque en realidade nunca marchou; simplemente, estaba collendo aire para volver golpear con máis forza.
ARRHYTHMIA, CANDO O RUIDO É UNHA LINGUAXE QUE LLE DA SENTIDO AO CAOS
Desde Lugo, Arrhythmia leva anos convertendo o ruído en linguaxe. A súa música nace da fricción entre mundos: o metal e a electrónica, o rap e o rock, a forza e o detalle.
En galego e sen filtros, constrúen cancións que son descarga e reflexión ao mesmo tempo, espello dunha xeración que pensa e latexa a outro ritmo. Recoñecidos con dous Premios Martín Códax da Música –en 2018 á mellor banda de metal galego e, en 2023, como mellor banda heavy e metal–, foron quen de erguer un son propio, ás veces brutal, ás veces hipnótico, e sempre honesto.
O seu LP I (2022), financiado grazas ao apoio directo da súa comunidade, marcou un punto de inflexión: unha declaración de independencia estética e emocional. Antes publicaran o LP II (2016) e o EP III (2012). Hoxe, Arrhythmia non busca agradar: busca conmover. E iso, no fondo, é o que sempre fixeron: poñerlle alma á distorsión e sentido ao caos.
Mañá xoves, 22 de xaneiro, ás 10.00h, saen á venda as entradas para Territorio Regueifa, que se estrea no marco do FIOT, no Pazo da Cultura de Carballo, o venres 6 de febreiro. Será a través da plataforma Ataquilla:
O prezo das entrada xeral é de 10 €. As persoas socias da AC Telón e Aparte terán un desconto, aplicando antes da compra o código que recibiron no seu correo como socias (só poderán mercar unha entrada con desconto). Territorio Regueifa é unha coprodución FIOT xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada polos regueifeiros Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.
A continuación adxúntase a nota de prensa coa información sobre o espectáculo.
Paco Nogueiras fará un percurso por cancións dos seus traballos “Brinca Vai!”, “Radio Bulebule” e “Extra!” sacando a nosa lingua a voar de xeito lúdico e divertido. Neste GRANDES ÉXITOS hai retrousos e cancións para participar activamente, bailando sen complexos, acompañando coa voz, coas palmas ou con acenos.
O espectáculo vai dirixido para nenas e nenos e as súa familias. O billete é de dous euros e é necesario facer reserva previa en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.