
- O tema, que mestura bases disco e instrumentos rock con electrónica, conta coa colaboración de Joe Crepúsculo, quen canta por primeira vez en galego
- Na canle de Youtube do grupo está dispoñible o vídeoclip, no que aparecen figuras coñecidas como Hugo Rama, 9Louro, Caamaño & Ameixeiras, Miguel de Lira, Federico Pérez ou Guillermo Carracedo, entre outras
- A banda está a piques de pendurar o cartel de ‘sold out’ para a presentación do novo álbum, que terá lugar o 28 de marzo no Multiusos do Sar
The Rapants publica este luns Non Sei Como, o primeiro sinxelo do seu novo disco, Rapants Club. A peza, na que colabora Joe Crepúsculo, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e conta cun vídeo dirixido e producido por La Bellavista no que aparecen figuras recoñecidas do país.
Non Sei Como é a tarxeta de presentación do novo LP de The Rapants e dá boa conta de todo o que está por vir neste traballo discográfico: variedade estilística, guitarras frenéticas, retrousos memorables e un inmenso agradecemento a toda a comunidade que os acompañou até o día de hoxe. “Rapants Club é moito máis que un disco: é a nosa maneira de entender a vida, que é a través da música, e de agradecer ás nosas familias, fans e equipo todo o compartido nestes anos. Elas e eles son este club”, apuntan.
Neste primeiro avance, os rapantes deixa entrever os sucos polos que van navegar no álbum: en Non Sei Como predomina a música disco con carácter rock e toques de electrónica, conta cun retrouso ‘pegadizo’ desde a primeira escoita, a letra é fiel ao seu estilo e rende homenaxe ás referencias do grupo muradán, como é o caso de Joe Crepúsculo. O catalán colabora tanto cos sintetizadores coma cantando por primeira vez en galego. Aínda que o disco se gravou nos estudios La Mina (Granada) e Boavista (Madrid), o encontro produciuse este verán en El Náutico (San Vicente).
A primeira canción que se dá a coñecer deste Rapants Club conta, ademais, cun impresionante videoclip rodado o pasado decembro entre as localidades de Muros, Carnota, Negreira e Santiago de Compostela. Figuras como o futbolista Hugo Rama, os actores Miguel de Lira e Federico Pérez, as artistas Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño -o dúo Caamaño&Ameixeiras-, os cantantes 9Louro e Xián Pais, os creadores de contido Champimuros e Merce Totakeki ou mesmo o campeón de surf Guillermo Carracedo formaron parte desta singular peza audiovisual dirixida e producida por La Bellavista.


Entradas practicamente esgotadas para a presentación de Rapants Club
A estrea en directo do novo disco de The Rapants terá lugar o 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, cita para a que xa non quedan entradas tanto en pista coma en diversas gradas -que se esgotaron ás poucas horas de activar a venda en www.ataquilla.com-.
A dous meses da celebración, unicamente quedan dispoñibles menos dun cento de billetes. A inauguración deste Rapants Club, tal e como prevé a banda, será unha gran festa para a música en directo en Galicia.
Escoita Non Sei Como
https://links.altafonte.com/nonseicomo
Videoclip Non Sei Como
https://youtu.be/6NTyDY6S01w