Sete propostas formarán parte do programa de Danza no Claustro que terá lugar na provincia de Ourense: Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, Claustro de Santa María de Melón, Claustro do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín e A Casa Vella en Amiadoso( en colaboración co Ciclo de Artes Vivas e Mediación A Casa Vella).
Son artistas convidados e convidadas:
WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
NURIA SOTELO / GALICIA
ALBA FERNÁNDEZ COTELO / GALICIA
DANI HERNÁNDEZ / BILBAO
KIKO LÓPEZ / COMUNIDADE VALENCIANA
MARCIA VÁZQUEZ / GALICIA
ARNAU PÉREZ e JERÓNIMO RUIZ / CATALUÑA
Danza no Claustro celébrase os días 26 de xullo, 1, 2, e 3 de agosto ás 20:00h:
. 26 de xullo – A Casa Vella – Amiadoso, Allariz. Colaboración co Ciclo de Artes Vivas e Mediación da Casa Vella.
. 1 de agosto – Claustro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín.
. 2 de agosto – Claustro de Santa María de Melón.
. 3 de agosto – Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.
Danza no Claustro é un proxecto da Plataforma Cultural SóLODOS. Paisaxes cheas de historia e singularidade da provincia de Ourense son o contexto para que artistas internacionais e locais, xunto coas comunidades, constrúan un proxecto cultural en común. Os artistas tras un proceso de creación e investigación artística nos diferentes claustros e espazos, realizan unha exhibición do seu traballo creativo. A danza como motor cultural que potencia a historia do lugar, a súa xente, a súa beleza, a súa singularidade…Un xeito diferente de mirar a arquitectura e o patrimonio histórico a través do baile, do movemento.
Algúns datos de Danza no Claustro:
Coa celebración da 13ª edición Danza no Claustro, é o festival de danza máis lonxevo de Galicia.
Formaron parte do programa, nestes 13 anos, artistas de 12 países diferentes.
Danza no Claustro forma parte da Red Acieloabierto, rede de festivais de danza en espazos non convencionais, dende 2021.
Desde 2021 a firma Adolfo Domínguez viste ás e os artistas para as funcións no festival.
Do 2013 ao 2019 naceu e celebrouse no Claustro de San Francisco de Ourense. No 2021 se extende a Xunqueira de Espadanedo e do 2022 ata a actualidade lévase a cabo nos tres claustro actuais. No 2024 A Casa Vella alíase co proxecto propoñendo unha extensión no seu Ciclo de Artes Vivas e Mediación.
DANZA NO CLAUSTRO
PON EN VALOR O PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO A TRAVÉS DA DANZA
26 XULLO / 20h A CASA VELLA
1 AGOSTO / 20h SANTO ESTEVO DE RIBAS DE SIL
2 AGOSTO / 20h SANTA MARÍA DE MELÓN
3 AGOSTO / 20h SANTA MARÍA DE XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
26 XULLO / A CASA VELLA
Colaboración Ciclo de Artes Vivas e Mediación A Casa Vella
DOS MINUTOS EN SILENCIO / WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
OBRA PREMIADA POR RACE Residencias Artísticas Creando Escena 2025 / Impulso á internacionalización, Taller Nacional de Danza de Costa Rica + SóLODOS en RED 2025
SUITE / NURIA SOTELO / GALICIA
Violoncello Millán Abeledo / Composición Manuel López / Danza e Coreografía Nuria Sotelo
MONTE / ALBA FERNÁNDEZ COTELO / GALICIA
Preestrea / Creación e Interpretación: Alba Fernández Cotelo
1, 2 e 3 AGOSTO / CLAUSTROS
Claustros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Mª de Melón e
Santa Mª de Xunqueira de Espadanedo
CÓRDOBA DRONE / DANI HERNÁNDEZ / BILBAO
PREMIO Danza no Claustro – Sólodos en Danza Ourense 2024
ONDE POUSA A HUMIDADE / MARCIA VÁZQUEZ / GALICIA
PREMIO INJUVE para participar en SóLODOS en DANZA Costa Rica 2023
DOS MINUTOS EN SILENCIO / WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
ESTREA INTERNACIONAL
OBRA PREMIADA POR RACE Residencias Artísticas Creando Escena 2025 / Impulso á internacionalización, Taller Nacional de Danza de Costa Rica + SóLODOS en RED 2025
HONEST / KIKO LÓPEZ / COMUNIDAD VALENCIANA
PREMIO SóLODOS EN DANZA OURENSE 2024 / MENCIÓN XOVE 2024 / Coreografia na RED ACIELOABIERTO 2025
VIBRA / ARNAU PÉREZ / CATALUÑA
Intérpretes Jerónimo Ruiz e Arnau Pérez / Coreografía na RED ACIELOABIERTO 2025
DANZA NO CLAUSTRO recibirá ao Ciclo de Conversas Entre formas e palabras, impulsado pola Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, con “Tecendo redes”, o terceiro encontro do programa, que se celebrará o sábado, 2 de agosto de 11:30 a 13:30 h no Salón de Plenos do Concello de Xunqueira de Espadanedo (Ourense) no marco do Festival Danza no Claustro.
Esta nova sesión centrarase na importancia das redes de colaboración no ámbito da danza contemporánea e contará coa participación de Maruxa Salas e Erik Jiménez, coreógrafos e intérpretes da compañía SóLODOS, e impulsores de proxectos referenciais como os festivais SóLODOS en Danza (Ourense e Costa Rica), Danza no Claustro e Danza no Camiño. A eles súmase Natividad Buil, directora do prestixioso Festival Trayectos, un espazo pioneiro de danza contemporánea en contextos urbanos.
O showcase desta edición correrá a cargo de Clara Ferrao Diz, bailarina, creadora e docente especializada en danza contemporánea, cuxo traballo destaca pola súa delicadeza e exploración poética do movemento. A conversa estará conducida pola bailarina, coreógrafa e xestora cultural Paula Quintas. A inscrición é gratuíta ata completar aforo e pode realizarse a través da web: www.paideia.es
ORGANIZA: SóLODOS. DIRECCIÓN: Erick Jiménez e Maruxa Salas. PRODUCIÓN: Víctor López Carbajales. VESTiARIO: Adolfo Domínguez. FOTO e VÍDEO: Fotografía Salas. COA AXUDA DE: INAEM – Ministerio de Cultura, Deputación de Ourense, Xunta de Galicia a través da AGADIC. COLABORA: Concello de Xunqueira de Espadanedo, Concello de Nogueira de Ramuín, Parador de Santo Estevo, Concello de Melón, Red Acieloabierto, Adolfo Dominguez, A Casa Vella e Taller Nacional de Danza de Costa Rica.
Máis de 30 formacións de Angola, Arxentina, Austria, Bulgaria, Cabo Verde, Corea do Sul, Francia, España, Indonesia, Xapón, Marrocos, Portugal, Reino Unido, Somalilandia, Suecia, Tunes e Uganda formarán parte do cartel, que é secreto para o público ata que desembarca na illaAs músicas de raíz e de renovación da tradición, psicodelia, soul, afrohouse,electrónica, pop, experimental, kraut rock ou after punk serán algúns dos estilos que se poidan escoitar durante as tres xornadas de directos, para as que non quedan entradas dispoñiblesEn paralelo á programación de concertos, e aproveitando o horario diurno nun espacio único, desenvolverase un festival cultural ateigado de actividades con microconcertos acústicos, obradoiros familiares, demostracións de cociña con produtos de proximidade ou visitas guiadas para descubrir o patrimonio histórico, cultural e natural da illa
Sinsal convidará de novo a que o público sexa responsable e consciente coa xestión dos seus residuos e, ademais de inhabilitar as papeleiras na illa, convidará a facer uso do “kit festivaleiro” con cubertería reutilizable
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrará a súa 23ª edición desde este venres 25 e até o domingo 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). O festival do cartel secreto volverá ofrecer, ao longo de tres xornadas, no corazón das Rías Baixas, unha pequena mostra da creación musical contemporánea máis estimulante que se está producir na escena mundial. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres, a programación de grupos que actúan por primeira vez en Galicia e un fondo compromiso social e ambiental, alén dun line up que o público só descubre ao desembarcar, volverán ser os sinais de identidade dun festival único no panorama estatal.
Máis de 30 formacións chegadas de Angola, Arxentina, Austria, Bulgaria, Cabo Verde, Corea do Sul, Francia, España, Indonesia, Xapón, Marrocos, Portugal, Reino Unido, Somalilandia, Suecia, Tunes e Uganda compartirán moito máis que unha grella de programación. Esta fin de semana serán parte dun festival cuxa cabeza de cartel é a súa excepcional localización: a illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural (BIC).
A programación do Sinsal 2025 contará con 17 debuts de bandas e solistas en Galicia, das cales unha ducia ofrecerá, ademais, a súa estrea a nivel estatal na ría de Vigo. Durante tres días, o público poderá mergullarse e gozar de ata 36 directos e sesións, con postas en escena moi diferentes entre si, ao transitar polos distintos escenarios da illa: aos catro oficiais e recoñecibles para as asistentes habituais do evento -San Simón SON Estrella Galicia, Buxos FEST Galicia, Santo Antón Rock’n’Roll e Malmequeres-, uniranse nesta ocasión outros dous alternativos liderados por formacións locais.
Estilos comosoul, afrohouse, koduro, electrónica, pop, experimental, kraut rock ou after punk, entre outros moitos, citaranse desde o mediodía e até o solpor no arquipélago conformado por San Simón e Santo Antón. Ademais, tal e como é habitual no festival, non faltarán na programación as propostas máis suxestivas e singulares que revisan e reinterpretan a tradición dos seus lugares de orixe.
Un festival cultural paralelo aos directos
De xeito paralelo aos concertos, e aproveitando a celebración do evento en horario diurno, Sinsal ofrecerá unha ampla programación de actividades culturais, unha sorte de festival cultural que se desenvolverá desde o momento no que as e os asistentes desembarquen. As iniciativas están dirixidas a todo tipo de públicos e enmárcanse nas seccións A Escola Sinsal, Descubre San Simón e A cociña Sinsal.
A actividade que inaugurará a programación musical de cada xornada seráAudicións Malmequeres, unha serie de sesións nas que se que recuperarán arquivos e coleccións sonoras dos anos 80 e 90 da man das convidadas Chus Taboada e Eva Izquierdo (Voces de Ultratumba), Marco Maril (Apenino) e o dúo radiofónico conformado por Isabel Díaz e Pedro Blázquez (RNE, Cadena SER). Estas audicións públicas forman parte d’A Escola Sinsal, o proxecto educativo e de investigación do festival Sinsal que promove a divulgación do rexistro sonoro desde a antigüidade até os nosos días.
Desta liña tamén agroman propostas como a Exposición de cómic A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia, que este ano se exhibirá a ceo aberto. Da man de 16 debuxantes, o público poderá coñecer outras tantas figuras chave da memoria sonora galega. Así, se no 2024 Sinsal presentaba a Domingo Martínez de Presa (debuxado por Emma Roulette), Severino Pérez y Vázquez (Begoña García-Alén), Andrés Avelino Comerma (Santi Zubizarreta), Emilia Pardo Bazán (Mar Mascaró), Enrique Labarta Pose (Marta Cartu), Maruja Boga (RAPAPAWN), Pedro Ferrer (Andrés Magán) e os irmáns Portela Seijo (Pepa Prieto Puy); este ano súmanse Amando Hermida (Carlos G. Boy), Ana Kiro (Luis Yang), Eloy Luis André (David González López), Ernesto Lecuona (Paula Guerrero), Fina Galicia (María Ramos), Manuel Mirás (Nico Ben), Mercedes Mariño (Julia Lago) e Reveriano Soutullo (Paw Salcés).
Ademais, no marco d’A Escola Sinsal, a cafetaría da illa acollerá dúas propostas que suporán unha viaxe á memoria sonora de hai cen anos. Por unha banda, as hipnóticas Sesións San Simón con Aleksander Kolkowski. Todas as xornadas o público poderá asistir ás gravacións en cilindros fonográficos -rexistro dunha canción, duns dous minutos, nun cilindro de cera- nas que participarán as bandas e solistas do Sinsal. O resultado das mesmas poderase escoitar e ver na web do festival.
Pola outra, será o escenario dos microconcertos acústicosda Orquesta Clásica de Vigo. Se ben o venres 25, e a través dun sexteto de café, a formación evocará un insólito filme galego de vangarda (Canto de emigración, do ourensán Tony Román) do que se conservan vestixios e a partitura de Teódulo R. Páramo; os días 26 e 27 as protagonistas serán as músicas de cafés, bailes e verbenas que tiveron en lugar en Galicia na primeira metade do século XX. Neste caso, a intención é d’a Escola Sinsal é poñer en valor o papel dos instrumentistas anónimos que levaban os sons e os ritmos a todos os recunchos do país antes da popularización da música gravada.
A segunda das liñas de actividades paralelas é Descubre San Simón, serie de iniciativas deseñadas para dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico da illa. Comeza co itinerario que dá nome á sección, unroteiro independenteideado por Sinsalaudio para divulgar a memoria do arquipélago entre as e os asistentes ao festival. A través de distintos paneis que se atopan espallados no territorio (e que cada un deles contén un código QR con información en galego, español e inglés), danse a coñecer sete historias ou episodios: A roca de San Simón, Proxecto Trobadores, A avenida de Teruel, A paisaxe de Alejo Yáñez Andrade, O aeroporto marítimo de San Simón, A conexión de San Simón e o Pórtico da Gloria e A relación de Reveriano Soutullo e Diego San José de la Torre coa illa de San Simón.
Durante o festival organizaranse, ademais, dúas visitas guiadas. O sábado 26 terá lugar o paseo polo arquipélago co investigador Xosé Lois G. Faílde, quen presentará Illario pantasma, un roteiro para coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe, a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa e a xenealoxía política soterrada no lugar. De cara ao domingo 27, Sinsal contará coa colaboración da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar.As e os integrantes da entidade presentarán, a través dunha andaina e ampla conversa, os recursos naturais e industriais da contorna da illa.
A última das actividades desta área vinculada á descuberta de San Simón é Caderno de Bitácora, un obradoiro impartido por Arte & Garabato que pretende favorecer a exploración de linguaxes artísticas a través de espazos inclusivos e interxeracionais -ao ser unha actividade aberta a todas as idades, a partir dos 7 anos-. Neste taller crearase un libro obxecto a partir do percorrido que o público fai para chegar á illa e as súas vivencias durante a estancia, o que lle permitirá descubrir e rexistrar diferentes experiencias estéticas a partir do valor paisaxístico, patrimonial e histórico de San Simón.
FInalmente, neste 2025incorpórase a liña A cociña Sinsal, que pretende por o foco na sostibilidade e na economía circular da man de cociñeiras galegas, produtos de proximidade e empresas do país, coa intención de loitar contra o desperdicio alimentario e reducir, á vez, a pegada de carbono. O venres 25, Begoña Vázquez dará a coñecer, coa colaboración de Aceites Abril, fórmulas coas que reutilizar produtos humildes para crear pratos do día a día e da alta cociña. O sábado 26, Xesús Mazaira -propietario de Airas Moniz- convidará ao público a descubrir os segredos dos seus produtos acompañados da mel da Ribeira Sacra Puramel. Finalmente, o domingo 27, Arián Lorenzo -Arián Chef- fará unha demostración de cociña vexetariana con produtos de mar proporcionados por Porto Muíños.
As actividades d’a cociña Sinsal completaranse cunha iniciativa especialmente a todas as familias que visitan San Simón durante o festival. O artista multidisciplinar galego Juanma LoDo impartiráDo, re, Bip, un obradoiro no que o público poderá descubrir conceptos vinculados á produción musical dixital e crear a súa propia música ao entrar en contacto con froitas e verduriñas. Este taller, pensado especialmente para as máis pequenas, decorrerá nas tardes do venres 25 e domingo 27.
Sinsal, un evento “sen rastro”
Toda a actividade de Sinsal está atravesada por un firme compromiso coa sostibilidade, que no 2024 se transformou en #sinsalsenrastro, o novo modelo de xestión de residuos do evento baseado na teoría das tres R (reducir, reutilizar, reciclar). Para avanzar nesta intención, Sinsalnon producirá este ano vasos reutilizables coa identidade e programación diaria do festival, obxecto facilmente identificable -e incluso de colección- para o público sinsaleiro.
Esta medida únese as implantadas con anterioridade, como a eliminación das papeleiras da illa ou a creación do Punto R para informar sobre a correcta xestión dos residuos. Ademais, desde o ano pasado Sinsal tamén convida ao públicoa facer uso do seu propio ‘KIT FESTIVALEIRO’, para que cada asistente leve á illa a súa vaixela reutilizable -que pode incluir o seu propio vaso no que poder beber auga potable das billas, un pano de mesa de tea, prato de picnic, garfo e culler de varios usos-. Entre todas as persoas que acrediten no Punto R o seu kit, sortearanse premios cada día.
Sinsal SON Estrella Galicia
Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África, Asia ou América. Desde a súa primeira edición, un dos compromisos de Sinsal foi programar artistas que iniciaban súa carreira musical. Algúns destes nomes, poucos anos despois, aterraron nos grandes festivais e salas de concertos de todo o mundo.
A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e un fondo compromiso co medio ambiente e a igualdade son os sinais de identidade dun festival cuxo cartel é secreto para o público -que sempre esgota as entradas con antelación- ata que desembarca na illa. Desde 2022, Sinsal éo festival galego de música mellor valorado polas profesionais da cultura do país, recoñecemento que se suma aos recibidos nos últimos anos, en distintos foros, polas súas innovadoras políticas de sostibilidade ambiental e social.
Así, Sinsal atesoura múltiples galardóns, como o Premio Nacional dos Iberian Festival Award de Contribución á igualdade no 2023 ou Premio FEST á Sostibilidade ambiental no mesmo ano, distintivo que reforza o que xa recibiu no 2019 (Festival máis sostible) ou no 2015 (Mellor Festival de Pequeno Formato). Ademais, o informe sobre a cultura en España de 2024 da Fundación Contemporánea situa ao festival Sinsal SON Estrella Galicia, a nivel estatal, como a sexta iniciativa cultural máis comprometida a nivel social e co desenvolvemento sostible.
Sinsal, que neste 2025 celebra a súa 15ª edición na illa de San Simón, é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio, e conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal. Ademais, o evento ten o apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa FEST Galicia, como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-. Nesta edición tamén colaboran Gadis, Viqueira, Marlene, Cosferla e Platú.
A Galería NÉBOA (Lugo) pechou a súa participación en ARTESANTANDER 2025 cun balance extraordinario na que foi a súa primeira feira de arte contemporánea. Do 11 ao 15 de xullo, presentou unha proposta conxunta dos artistas Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís, que recibiu catro recoñecementos destacados por parte de coleccións públicas e privadas.
A obra de Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) foi recoñecida con tres premios de adquisición:
Colección Norte de Arte Contemporáneo do Goberno de Cantabria
Colección Fundación Campocerrado
KELLS Art Collection
Pola súa banda, Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) foi seleccionada para o Premio de Residencias Artísticas Celestino Cuevas, que se celebrará en Reinosa entre o 23 de xullo e o 2 de agosto de 2025.
A proposta de NÉBOA centrouse no diálogo entre escultura, instalación e pintura, cunha aproximación sensible ao corpo, á superficie e á paisaxe desde unha perspectiva crítica e contemporánea. A acollida por parte do público, coleccionistas e institucións foi excepcional, consolidando o traballo dunha galería nova que aposta polas novas xeracións de artistas galegos cunha forte proxección nacional e internacional.
Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Desenvolveu a súa práctica en institucións internacionais como o Boston College (EE.UU.) e o Institute Art Gender Nature (Basilea), grazas a bolsas como a Fulbright–Xunta de Galicia e a da Fundación María José Jove. Davila Rubio investiga a relación entre o corpo e os elementos naturais, creando pezas escultóricas que activan vínculos sensoriais coa materia, o vexetal e o espazo. A súa práctica propón unha ruptura coas xerarquías entre o humano e o non humano, formulando novas formas de convivencia baseadas no coidado e na transformación mutua.
Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2022), máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco en Biscaia (2024), residente en Piramidón (Barcelona, 2025) e actualmente doutorando na Universidade de Vigo. En 2024 recibiu o Premio Gaztea do Concello de Leioa (Biscaia) e en 2022 foi galardoado co Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París) Rivas Rodís traballa co concepto de superficie como espazo de acumulación e diálogo. As súas obras funcionan como palimpsestos nos que se superpoñen capas de memoria, tempo e materia, xerando estruturas abertas e en constante evolución. A través da súa práctica, convida a repensar as dinámicas que conforman o noso contorno físico e simbólico.
No marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, as creadoras están a traballar na Igrexa da Madalena, no marco do Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, na súa proposta Cerrados y dormidos los ojos bailan desde o pasado 8 de xullo
Trátase dunha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento
Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, as creadoras ofreceron este pasado domingo, 20 de xullo, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que tivo lugar, contra ás 21.00h, no marco da MIT, na Igrexa da Madalena, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado 8 de xullo, as artistas Natalia Fernandes e Marta Azparren iniciaban na Igrexa da Madalena, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facían en torno á súa proposta Cerrados y dormidos los ojos bailan.
Cerrados y dormidos los ojos bailan é un é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren, unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que as creadoras buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.
Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, Natalia Fernandes e Marta Azparren ofreceron unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que tivo lugar na mesma Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da celebración da MIT, este pasado domingo, 20 de xullo, contra ás 21.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Cerrados y dormidos los ojos bailan é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren.
Deste encontro, as dúas creadoras inician unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible (aquela que ocupa o negativo da bailarina), a creación colectiva da súa anatomía tan precisa como imposible e xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.
Nun proceso que pensan sempre aberto, Marta e Natalia teñen o desexo, na súa estancia en Ribadavia, de revisitar o material teórico e escénico explorado deste primeiro encontro para seguir investigando e buscando as estratexias performativas de como traducir este diálogo co público co desexo de transformar e seguir bailando cos nosos ollos.
SOBRE AS ARTISTAS
Natalia Fernandes é unha intérprete e creadora brasileira establecida en España dende 2017. A súa formación en danza desenvólvese entre o contexto universitario (UNICAMP) e a escena contemporánea paulista. Traballou con coreógrafos en Alemaña, Israel, España, India, etc., e como creadora e profesora en países de Europa, Oriente Próximo, África e Estados Unidos. En 2017, iniciou a súa investigación sobre o método Anatomía inventada e comezou unha serie de traballos en España con Jesús Rubio Gamo, Celso Giménez / La Tristura e Poliana Lima, entre outros. A súa creación máis recente, El Carnaval no es alegre – TINY-DESK, estreouse no Festival TNT 2023 e en Conde Duque Madrid. En 2024 é artista residente do Graner, La Poderosa e C.C. Barceloneta, onde investiga a súa metodoloxía práctica Anatomía inventada e dá comezo ao seu novo proxecto escénico Objeto Não Identificado, unha coprodución do Mercat de Les Flors e Conde Duque.
Marta Azparren é unha artista visual non visual. Móvese entre o cine experimental / expandido, as artes vivas e o debuxo. O seu traballo adoita ocuparse da actividade artística atendendo ás conexións entre creadorxs, espectadorxs, obra e maquinaria interna da mediación, a produción e a exhibición. A mirada diríxese, ademais, cara ao non visual no visual, o que tende a desaparecer. É autora do ensaio Cine ciego: detener el flujo de las imágenes, sobre o cine monocromo e as imaxes sen imaxe.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
A plataforma pública Common Voice incorpora unha nova funcionalidade que recolle a fala espontánea, o que permitirá documentar e protexer a riqueza oral da lingua
As contribucións, que ata agora consistían en lecturas en voz alta, rexistrarán variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que adoitan desaparecer na fala lida
O Instituto da Lingua Galega (ILG), a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego
O galego e a súa diversidade dialectal dan un novo paso para garantir a súa presenza no ecosistema dixital do futuro, ademais de documentar e protexer a súa riqueza oral. A plataforma colaborativa Common Voice, impulsada por Mozilla e alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo, incorpora unha nova funcionalidade para o recoñecemento da fala, nomeada Spontaneous Speech (‘fala espontánea’), que permitirá rexistrar doazóns con acentos diversos, variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que adoitan desaparecer na fala lida.
Ata agora, as contribucións nesta plataforma colaborativa (que ten como misión construír recursos abertos para o recoñecemento da fala) consistían en gravacións de lectura en voz alta de textos dispoñibles en dominio público. A nova funcionalidade, que de momento está en fase de probas, abre a porta á recollida dunha fala máis natural, diversa e representativa do uso real da lingua no día a día: a través de preguntas sinxelas rexistradas en Common Voice, as voluntarias poderán gravar respostas breves e espontáneas que recollerán a súa variedade dialectal.
Esta nova ferramenta, coa que Common Voice reforza o seu compromiso coa diversidade lingüística e coa accesibilidade dixital, facilitará a participación de falantes de distintas idades, rexións ou niveis de alfabetización dixital, ademais de recoñecer e valorizar a fala real, rica en matices e moito máis representativa do uso lingüístico actual que os textos escritos tradicionais.
Como funciona Spontaneous Speech
Dentro da plataforma Common Voice, ao escolleren, na sección Fale, a opción Responda preguntas, as persoas colaboradoras poden gravar as súas respostas; ademais, tamén poden participar transcribindo as respostas doutras usuarias e validando esas transcricións, o que contribúe a crear un corpus de fala de calidade.
O Instituto da Lingua Galega (ILG), a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego. Porén, calquera persoa pode propoñer novas preguntas a través da plataforma, o que garante que os contidos evolucionen de forma aberta e participativa.
As achegas recollidas a través de Spontaneous Speech darán lugar a un conxunto de datos independente, que se publicará baixo licenza CC0, en liña coa filosofía de datos abertos de Common Voice. Isto permitirá que investigadoras, lingüistas, etc. accedan a datos de fala espontánea en lingua galega de forma libre e gratuíta, fomentando deste xeito o desenvolvemento de tecnoloxías inclusivas e plurais, adaptadas ás necesidades reais das persoas usuarias, e a ciencia aberta ou cidadá, coa posibilidade para calquera persoa de participarmos na recolla de datos.
Doazón de voz: AgasallaNós
Baixo o lema AgasallaNós, e co obxectivo de facilitar a participación na recollida de voz en galego dentro da plataforma Common Voice, o Proxecto Nós lembra que está dispoñible a páxina web doagalego.nos.gal, unha vía sinxela e accesible para contribuír ao proxecto. A través desta web, calquera persoa pode doar a súa voz, tanto lendo textos en voz alta como respondendo as novas preguntas de fala espontánea. O obxectivo é recompilar gravacións que representen a diversidade do galego, co fin de contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías de recoñecemento da fala que identifiquen toda a riqueza da nosa lingua. Pódese atopar toda a información no espazo web doagalego.nos.gal.
Proxecto Nós
O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.
En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego) xa están á disposición e accesibles a través da web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.
O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que lle encomendou a súa execución á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Actualmente está sendo financiado polo Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA.