Galería NÉBOA (Lugo) pechou a súa participación en ARTESANTANDER 2025 cun balance extraordinario na que foi a súa primeira feira de arte contemporánea. Do 11 ao 15 de xullo, presentou unha proposta conxunta dos artistas Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís, que recibiu catro recoñecementos destacados por parte de coleccións públicas e privadas.

A obra de Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) foi recoñecida con tres premios de adquisición:

  • Colección Norte de Arte Contemporáneo do Goberno de Cantabria
  • Colección Fundación Campocerrado
  • KELLS Art Collection

Pola súa banda, Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) foi seleccionada para o Premio de Residencias Artísticas Celestino Cuevas, que se celebrará en Reinosa entre o 23 de xullo e o 2 de agosto de 2025.

A proposta de NÉBOA centrouse no diálogo entre escultura, instalación e pintura, cunha aproximación sensible ao corpo, á superficie e á paisaxe desde unha perspectiva crítica e contemporánea. A acollida por parte do público, coleccionistas e institucións foi excepcional, consolidando o traballo dunha galería nova que aposta polas novas xeracións de artistas galegos cunha forte proxección nacional e internacional.

Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Desenvolveu a súa práctica en institucións internacionais como o Boston College (EE.UU.) e o Institute Art Gender Nature (Basilea), grazas a bolsas como a Fulbright–Xunta de Galicia e a da Fundación María José Jove. Davila Rubio investiga a relación entre o corpo e os elementos naturais, creando pezas escultóricas que activan vínculos sensoriais coa materia, o vexetal e o espazo. A súa práctica propón unha ruptura coas xerarquías entre o humano e o non humano, formulando novas formas de convivencia baseadas no coidado e na transformación mutua.

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2022), máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco en Biscaia (2024), residente en Piramidón (Barcelona, 2025) e actualmente doutorando na Universidade de Vigo. En 2024 recibiu o Premio Gaztea do Concello de Leioa (Biscaia) e en 2022 foi galardoado co Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París) Rivas Rodís traballa co concepto de superficie como espazo de acumulación e diálogo. As súas obras funcionan como palimpsestos nos que se superpoñen capas de memoria, tempo e materia, xerando estruturas abertas e en constante evolución. A través da súa práctica, convida a repensar as dinámicas que conforman o noso contorno físico e simbólico.

Nota-de-Prensa-NEBOA-resultados-Artesantander-2025