por martinho | Jun 28, 2025 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
TROULA, LA ODA A LA FIESTA DE VIMBIO EN COLABORACIÓN CON NADIE GONZÁLEZ, VE LA LUZ
A banda Vimbio volta con nova música co lanzamento de Troula, o seu novo sinxelo en colaboración coa rapeira viguesa Nadie González. Baixo o contexto da calor do verán xa enriba, este inesperado xunte converxe baixo ritmos latinos nunha auténtica celebración das festas. Mesturando o rap co reggaeton e o metal, Vimbio e Nadie González sorprenden cun tema que xa se postula como candidato a canción do verán en Galicia, e que transita polas distintas fases dunha troula que se descontrola. As ganas de festa e bo rollo marcan esta canción, que xa está dispoñible en todas as plataformas. Troula, gravada en LUFS Studio coa mestura e masterización de Damian Mo, vén acompañada dun videoclip dirixido por IzanMG que foi filmado no Centro Cultural de Ribadetea, en Ponteareas.
A xuntanza de Vimbio e Nadie González agocha tras de si unha curiosa historia. Antes desta colaboración, e mesmo antes de que a formación se fundara baixo o nome de Vimbio, houbo contactos para que a propia Nadie González fora a voz do grupo, feito que non se chegou a concretar. Tras estas primeiras conversas, quedou pendente unha colaboración entre ambos de cara a un futuro, que hoxe queda materializado en Troula.
Dende Vimbio destacan o gusto que foi traballar coa rapeira viguesa, coa que existe especial complicidade. Dende o comezo ambos tiñan case sempre a mesma forma de ver as cousas, e nos momentos nos que faltaba consenso entre ambos a propia Nadie acababa aportando algunha boa idea que decantaba a balanza e desatascaba a situación na produción.
Tras o lanzamento de Insisto, Mayday, Bombas Incendiarias, Comeza o xogo, Eu non quero traballare o EP Ao Vivo Rock in Río Tea 2024, o grupo liderado por Álex Arnoso, unha das voces protagonistas de SonDaRúa, mantén o carácter prolífico e versátil nas súas producións, sorprendendo co seu son e abrindo a porta á conxunción de xéneros pouco traballados na escena. Esta aposta xa está a ser recoñecida, sendo fai escasas semanas nomeados como unha das tres bandas finalistas nos Premios Narf, organizados pola Deputación da Coruña.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, a banda levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.
por martinho | Jun 28, 2025 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
CAMPONARAI, O NOVO SINXELO DE SABELA QUE NOS TRANSPORTA AO LUGAR ONDE CONECTAS POR PRIMEIRA VEZ CON ALGUÉN
ESTE TEMA EXERCE DE TERCEIRO ADIANTO DO SEU NOVO EP, PREVISTO PARA ESTE 2025
Sabela volta con forza publicando o seu novo sinxelo, Camponarai, terceiro adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Nel, a artista galega xoga cunha lenda popular contada na zona da Mariña lucense, convertendo Camponarai nese lugar onde conectas por primeira vez cunha persoa especial. Novamente, Sabela opta por achegarse á posta en valor desas pequenas cousas que rodean a vida rural, nunha reivindicación en contra da desconexión co campo que se vive nos últimos tempos. Con este novo tema, a galega propón unha viaxe íntima e sensorial sobre unha base de electrónica minimalista, apelando á memoria emocional, o desexo e á propia esencia dos sentimentos.
Camponarai é, ademais, a primeira produción en solitario de Sabela. Tras co-producir, xunto ao recoñecido produtor Ed Is Dead, os dous primeiros adiantos deste EP que verá a luz este mesmo ano, a artista segue a ampliar horizontes musicais, cun proceso de composición e produción propio de todo o tema. Ela mesma destaca que este proceso foi rápido, coma o sentimento que xera esa conexión. Pola contra, á hora de darlle forma dende a produción requiriu máis tempo, xa que o tema non busca axustarse aos moldes establecidos da produción musical actual, senón respectar esa sensación sobre a que xira o concepto de Camponarai, e construír en base a ela.
Sabela experimenta un momento doce arredor da súa música. Tras a gran acollida dos primeiros adiantos, Hi, My love e Eu espero aquí, así como das dúas extensas xiras por salas de España e Galicia, a artista recolle os froitos do traballo feito en forma de recoñecementos, recibindo o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. A artista encara desta forma un ano no que se publicará o seu tan esperado traballo discográfico en forma de EP.
Este tema conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, durante este mesmo ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, Eu Espero Aquí e o propio Camponarai son xa os seus tres primeiros sinxelos.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Camponarai, último sinxelo de Sabela, precede a temas como Hi, My Love ou Eu Espero Aquí,que veñen de obter grandes números de escoitas e recoñecemento entre o público. Este éxito non pasou desapercibido, sendo galardoada co Premio Martín Códax da Música 2025 na categoría de Pop e Indie.