
Concertos audiovisuais e inmersivos, noites de club e performances son algunhas das propostas que a oitava edición de WOS Festival ofrecerá do 11 ao 14 de setembro en máis de dez espazos de Santiago de Compostela
Após o anuncio do regreso do festival, o público esgotou en menos de 48 horas os abonos Festival Pass e Weekend Pass a prezo reducido
WOS Festival X SON Estrella Galicia dá a coñecer os primeiros 14 nomes de artistas de referencia que formarán parte do ‘line up’ da súa oitava edición, que se celebrará do 11 ao 14 de setembro en Santiago de Compostela, e que ofrecerá unha programación máis nítida, urxente e conectada ás tensións que atravesan a cultura contemporánea.
Abdullah Miniawy, aya & MFO present hexed!, Batu, Beatrice Dillon, Carme López, CCL, Djrum, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Masayoshi Fujita, Nazar, Objekt, Simo Cell e Tarta Relena confirman a súa presenza no festival, que levará a electrónica de vangarda e a exploración sonora a teatros, clubes, igrexas, salas de concertos e outros espazos sobranceiros da cidade.
Ao longo de catro días, Santiago de Compostela vivirá concertos audiovisuais e inmersivos, performances, noites de club e encontros únicos da man de 14 artistas cuxa presenza será significativa a nivel galego e estatal. No marco de WOS Festival, o performer exipcio Abdullah Miniawy estreará Peacock Dreams en España, mentres que proxectos como Los Thuthanaka visitarán por primeira vez o país, e as xiras internacionais doutras figuras terán en Santiago de Compostela a súa única parada, como é o caso do vibrafonista xaponés Masayoshi Fujita, que dará a coñecer Migratory. Ademais, nomes consolidados como Djrum, Nazar o Simo Cell (en ‘live’) compartirán programación co dúo Tarta Relena, que presentará en Galicia o seu último álbum, És Pregunta; ou artistas locais emerxentes como Carme López.
O regreso do evento -logo dunha pausa no 2024- gozou dunha grande acollida entre o público, que en menos de 48 horas esgotou os abonos ‘Early Birds’ (a prezo reducido) dispoñibles, tanto no formato Festival Pass (acceso a todos os eventos durante os catro días de WOS) coma Weekend Pass (para os concertos do días 12, 13 e 14 de setembro). Após o ‘sold out’, WOS Festival optou por habilitar o seguinte tramo de billetes co prezo de venda anticipada. Deste xeito, os abonos pódense adquirir tanto en Ataquilla coma en DICE.
Para favorecer que a cultura contemporánea chegue á meirande parte da poboación, a organización ofrece un desconto do 10% sobre os abonos Festival Pass e Weekend Pass para as persoas que sexan usuarias de Carné Xove, estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), desempregadas ou que conten con tarxeta acreditativa do grao de diversidade igual ou superior ao 33%. Á hora de retirar a pulseira de acceso ao WOS, deberán acreditar o seu desconto.






WOS Festival X SON Estrella Galicia
WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística, na que participarán numerosas figuras recoñecidas internacionalmente en máis de dez espazos emblemáticos da cidade. Desde teatros e igrexas ata clubes e lugares inesperados, o festival reactivará a cidade cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.
O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Arwards foi galardoado á Mellor Promoción Turistica 2018 e como Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela; ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.
Primeras confirmacións WOS 2025
Abdullah Miniawy
aya & MFO present hexed!
Batu
Beatrice Dillon
Carme López
CCL
Djrum
Lord Spikeheart
Los Thuthanaka
Masayoshi Fujita
Nazar
Objekt
Simo Cell
Tarta Relena
Abonos Festival Pass e Weekend Pass á venda en dice.fm e ataquilla.com