De Drag Race a Claro Boba!: o ‘Orgullo do Norte’ eleva o seu glam coas raíñas máis brillantes do país

O mellor talento drag queen estatal e galego súmase á festa do Atlantic Pride 2025 da man das drags Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst 

Os monólogos, a performance e a música máis picante estarán servidas no cartel da 6ª edición do festival coas actuacións de altura e fantasía destas dez grandes iconas queer, que reivindicarán a diversidade a golpe de humor e satíricas actuacións de infarto

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebrará a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo na Coruña

No seu cartel está xa confirmada a presencia de Judeline, Edurne, Nia, Merche, Paula Koops, De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ

A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

O mellor talento drag queen estatal e galego, de Drag Race a Claro Boba!, súmase á festa do Atlantic Pride, que neste 2025 contará co maior elenco drag da súa historia. Así, do 6 ao 13 de xullo, polas táboas do ‘Orgullo do Norte’ desfilarán grandes iconas queer como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst.

Os monólogos, a performance e a música máis picante estarán servidas no cartel da 6ª edición do festival coas actuacións de altura e fantasía dalgunhas das raíñas do glam máis brillantes do país, que reivindicarán a diversidade a golpe de humor e satíricas actuacións de infarto.

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebrará a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo na Coruña. No seu cartel está xa confirmada a presencia de Judeline, Edurne, Nia, Merche, Paula Koops, De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ

A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed

Domingo 6 de xullo

Arantxa Castilla-La Mancha é unha concursante da primeira tempada de Drag Race España. Durante a emisión do programa, converteuse en favorita dos fans pola súa comedia e o seu carisma. Tras o seu paso por Drag Race, Arantxa gañou popularidade polo seu traballo en diferentes programas, shows de teatro e o seu podcast con Hugáceo Crujiente Mientras Te Hacías el Eyeliner

En 2024, volveu a televisión, esta vez representando a España na versión internacional de Drag RaceUK vs The World, mostrando o seu crecemento no mundo da moda, traballando agora con grandes deseñadores como DOMINNICO ou Ana Locking. A día de hoxe, Arantxa Castilla-La Mancha é unha das raíñas máis seguidas do formato español en redes sociais.

Pola súa banda, Onyx Unleashed é unha concursante da segunda tempada de Drag Race España e Drag Race España All Stars. Onyx é coñecida polos seus looks de impacto, sendo unha das raíñas cuxas pasarelas foron mellor valoradas tanto nacional como internacionalmente. O drag de Onyx caracterízase pola súa imaxinación e a súa innovación, que mestura a moda coa arte e o cosplay. Estivo dúas veces de xira por España e traballa tanto en espazos artísticos como festivos.

Onyx é cocreador de The Monster Project, onde fai looks para outras raíñas e proxectos internacionais. A pesar de non gañar ningunha das tempadas nas que participou, conta co agarimo e a simpatía do público, sendo unha das raíñas máis queridas da segunda tempada e con máis seguidores nas redes.

Arantxa Castilla-La Mancha e Onyx Unleashed comparten similitudes tanto en percorrido por Drag Race como no feito de ter un nome moi longo, similitudes que ven representadas neste show que este verán presentarán no Alantic Pride, inspirado no fenómeno de Wicked.

Yasmine Lutar

Luns 7 de xullo

Yasmine Lutar é unha artista drag orixinaria da provincia de Pontevedra, onde comezou a súa andaina no mundo do drag aos 17 anos como unha forma de expresión persoal e un pasatempo creativo. Co tempo, ese xogo transformouse nunha paixón e, finalmente, nunha carreira artística. Desde 2023, Yasmine reside en Santiago de Compostela, cidade que marcou un punto de inflexión na súa traxectoria. É alí onde comeza a profesionalizar o seu drag, consolidando a súa presenza na escena galega con actuacións en espazos recoñecidos como Claro Boba! na Coruña ou N29 en Vigo. 

Polo camiño, Yasmine cruzouse con Moira Lutar, a súa irmá drag, con quen forxou unha conexión profunda desde o primeiro momento. Máis adiante, coñecería tamén a Khloe Released e Syndra, quen non tardarían en converterse en piares fundamentais da súa traxectoria artística. Xuntas forman unha familia drag unida polo amor á arte, o compañeirismo e o apoio incondicional, que foi unha fonte constante de inspiración, crecemento e forza para Yasmine tanto dentro como fose do escenario. 

O seu drag caracterízase por unha estética fina e sofisticada, na que se funden elementos da femme fatale clásica, o glamour do pin-up e unha sensualidade escura e enigmática. Yasmine é a encarnación do desexo e o misterio, unha figura poderosa que combina a arte da maquillaxe, a moda e a performance para cativar ao público. Cada aparición súa é unha experiencia visual e emocional, onde o sexy atópase co elegante e o escuro vólvese irresistible.

Liteah

Luns 7 de xullo

Desde Santiago de Compostela, Liteah revolucionou a escena local drag como organizadora, xunto a Kim Miller, da Drag Night, un evento que se converteu en todo un referente para a arte drag en Galicia. A Drag Night naceu en 2023 co obxectivo de ofrecer un escenario ás artistas locais e combinalo coa presenza de invitadas de renome. Así, a cita non só visibiliza o talento drag local, senón que tamén achega a Compostela a concursantes de Drag Race como Marisa Prisa, Mariana Stars, La Bella Vampi ou Veneditta Von Däsh, entre moitas outras.

RRRITA

Luns 7 de xullo

Rrrita é a esencia do baile latino, o derroche de erotismo feminino e a liberación a través da súa presenza. Os seus shows están cheos de carisma e de looks coidadosamente escollidos para cada tema que soa. É a fórmula perfecta de brillo máis glamour. Se queres sentila, só tes que presenciala, porque cada performance está servida coma se fose a última. Estás preparado para unha bo sazón á galega?

Escarlatina Pier

Mércores 9 de xullo

Escarlatina Pier é unha artista drag galega que destaca pola performance. De orixe coruñesa, leva practicamente toda a súa vida dedicada ao mundo da danza como coreógrafo, pero fóra do mundo drag. Desde hai un ano e medio, sóbese aos tacóns e traballa como drag queen residente no mítico local Claro Boba!, onde se converteu nun personaxe recoñecido da noite do Orzán coruñés.

De curta traxectoria, pero con moitísima ambición, Escarlatina Pier participou en eventos como o Atlantic Pride da Coruña (como coreógrafo e bailarín de Nomi Bull) ou o Porco Pride de Espasante (como artista de cartel). Tamén tivo a sorte de realizar unha aparición estelar no programa Quen anda ai?, da TVG.

Desde os seus inicios, Escarlatina non deixou de buscar novas formas para facer chegar a súa arte ao maior número de persoas posible, amenizando aniversarios, despedidas de solteira e solteiro e todo tipo de eventos privados. Ademais, desenvolveu eventos propios, como o Drag Brunch de Coruña no Fábula Café. O seu aire carismático e descarado permitiulle chegar a cidades como Santiago de Compostela (Bloom), Ferrol, A Coruña e Madrid (La Liada), coas súas performances de impacto e a súa “estridente” voz, como ela mesma a define. 

O público ve nela “entretemento e moito morro”. As súas compañeiras falan dela como “gritona e escandalosa”. E ela mesma descríbese como “un furacán performático listo para entreter”. Estades preparados para o que nos trae este ano ao cartel do Atlantic Pride?

Ariel REC & Gaylicia

Venres 11 de xullo

Ariel Rec é unha artista drag, cantante, fotógrafa, youtuber e artista de tatuaxe española. Foi unha das concursantes da segunda tempada de Drag Race España. O seu nome, Ariel, inspírase en La sirenita, mentres que Rec provén da súa carreira como youtuber.

En decembro de 2019 lanza o seu tema musical No quiero, no que a artista narra a través da letra a súa carreira no drag desde os seus inicios. En 2020 fíxose eco no medio dixital Vozpópuli das estratexias de pinkwashing das empresas durante o mes do Orgullo LGTBIQ+. En 2022, competiu na segunda tempada de Drag Race España. No segundo episodio quedou entre as dúas nomeadas a eliminación. Finalmente, foi derrotada por Samantha Ballentines nunha batalla de lip sync, o que a levou a ser a segunda eliminada da tempada. En abril dese mesmo mes realizou unha colaboración de maquillaxe co medio dixital Cosmopolitan.

Posteriormente, tras a final de Drag Race España, Ariel formou parte da segunda edición da xira nacional del Gran Hotel de las Reinas. Ao Atlantic Pride da Coruña chega este verán da man de Gaylicia, “unha tía chulísima e moi sexy”, como ela mesma se define, que foi gañadora da Dragalada Drag Tour Madrid.

Samantha Ballentines

Sábado 12 de xullo

Samantha Ballentines é unha artista drag, ademais de ilustradora, fotógrafa e maquilladora. Foi unha das concursantes máis celebradas da segunda tempada de Drag Race España, onde obtivo o título de Miss Simpatía. Máis tarde, regresaría para competir na primeira tempada de Drag Race España: All Stars, onde obtivo por segunda vez o título de Miss Simpatía. 

Samantha formou parte da xira nacional do Gran Hotel de las Reinas. Ademais, en decembro de 2022, foi cabeza de cartel, xunto a Marina, da festa Una fantasía, da Sala Razzmatazz de Barcelona. Durante as tempadas tres e catro de Drag Race España foi a presentadora do programa Sí lo digo, en Atresplayer, no que comentaba cada capítulo con outras drags de pasadas edicións. O seu nome vén de Samantha Jones, o personaxe da serie de televisión Sex and the City, ao que se sumou o apelido máis tarde, xa que a ela encantáballe a famosa marca de whisky.

Kelly Amethyst

Sábado 12 de xullo

Kelly Amethyst é unha artista que empezou o seu camiño no drag alá polo ano 2011 baixo o nome de Kellyocha Myself, cando experimentaba no mundo de YouTube con parodias dos videoclips de Lady Gaga. En 2012 decidiu deixar atrás o drag para dar comezo á súa transición, pero, dez anos despois, en 2022, regresou xa rebautizada como Kelly Amethyst para converterse nunha das drags máis queridas da cidade herculina.

Desde entón, non se baixou do escenario do local Claro Boba!, o cal considera a súa casa. Ademais, formou parte da casa drag Haus of Hell, participou no Atlantic Pride en 2023, por terceiro ano estará no Pride de Espasante e deixouse ver en festas como Lvst ou Drag Night, entre outras. Defensora dos dereitos trans, defínese a si mesma como unha vedette do século XXI e quere demostrar que as mulleres tamén poden facer drag.

GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO E ICONAS LGTBIQ+ NO ORGULLO DO NORTE 2025

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.

Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria: https://atlanticpride.es/certame-literario/.

Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está xa confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla. A elas súmanse, agora, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ. Moi pronto, o festival anunciará novos nomes para completar o seu line up este 2025. 

SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 

20250423-NP-drags-Atlantic-Pride-2025-2

DEMIURXIA “Libros e outras intimidades” Patricia Torrado Queiruga

Biblioteca do Mosteiro do Escorial


DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

LIBROS E OUTRAS INTIMIDADES

Hoxe, coma todos os días, pero se cadra máis aínda, facemos esa gran festa dos libros. Que sería da especie sen o milagre da escritura e, por ende, da lectura?

Cando o ser humano decide que hai cousas que teñen que perdurar no tempo porque a sabedoría acadada é maior e non pode fíar todo á memoria ou á transmisión do coñecemento de xeito oral, aparece a escritura, aló nos albores “da humanidade” -e deixádeme que isto último o poña entre comiñas, que coa que temos enriba…

Escribimos muros, louza, papiro, vitela, o que se nos puxese por diante e precisamos logo do marabilloso invento da imprenta porque non nos chegaba a nada tanto soporte se non podiamos trasladar os textos cuneiformes do imperio acadio ou os muros do templo de Luxor ao longo e ancho do globo.

A mañá levoume a pensar non só neste caos de inicios, de soportes, de necesidades, en lugares e personaxes imbrincados en determinadas obras que todos coñecemos, senón no que hai antes ou despois. Nesa pulsión de quen che agasalla un libro ou de a quen agasallas un libro. Hai algo máis íntimo e valente nesa escolla individual? Case todos os libros que inundan os andeis da miña casa son unha escolla propia para a lectura ou unha escolla que alguén fixo para min. Conste que algo de refugallo tamén se xunta, pero igual é só un tres por cento do total.

E cada libro que me escolleron garda dentro das súas páxinas un re-cordis, con toda a etimoloxía da palabra latina, ollando en fite para min. O lugar no que me fixeron ese agasallo, a persoa que o fixo, a relación entrambas, un sentimento, unha despedida, un reencontro, un bico, un perfume, unha ilusión, un soño, unhas letras… E volvín pasar pola man todas esas lembranzas que son eu e son a outra persoa.

E volvín á voz da avoa cando me contaba o conto de Genoveva de Bravante para que comese algo; ás mans do avó, cando me ensinou o libro de ebanistería que herdara do seu pai -e este, á súa vez, do del-; aos meus doce anos e ao aburrimento inmenso dun verán no que, ás tres da tarde, non podías baixar á praia por ser cedo de máis, e aproveitei para apañar aquel volume de teatro de Shakespeare que ulía tan ben… Volvín á aquela mañá na que esta que agora escribe, tan infinitamente tímida, se achegou á súa profesora de literatura para suplicarlle que lle mudara o libro de lectura que lles puxera na aula porque non era capaz de pasar da páxina 20 -co tempo lino, por superalo,  e certamente non pagaba a pena-.  A Os dous de sempre, unha tarde e o número de teléfono de alguén a quen quero de marca páxinas. A aquel primeiro soldo como camareira, que recibía nun comezo por días, e do que gastara dez euros nunha edición de peto de Los pilares de la tierra do meu querido Follett.

Transitei por aqueles libros que eran compendios sobre outras civilizacións extintas que podían mercarse no todo a cen. Recuperei a ollada de repelús que me dedicara aquel mozo que me dixera, aos meus dezasete anos “pero tú lees mucho, ¿no?”. A aquel amor de universitaria que tivo a ben regalarme un libro de Sebastião Salgado vendo que quedara prendada daquel exemplar nunha caseta na Feira do Libro da Coruña.

A Xosé Antonio e todos os libros cos que traficamos e nos queremos. A Manuel e aquel libro de Wittgenstein que me toleou da cabeza e que segue en garda e custodia.

E volvín á ilusión de Laura Rey, que gardaba As mans da terra entre as súas coma protexendo un paxariño feble. Á ousadía de Rodrigo Costoya, que un día se puxo a escribir e, cando compendiou a vida do seu Pedriño en Portosanto descubriu que se lle fora das mans tanta impetuosidade. Ao síndrome da impostora e á indecisión de María del Carmen Rey, cando comezou a ceibar Escapados e Mulleres tras dos valos. Á necesidade de darlle voz a tantas historias acaladas da man de Rosario Regueira, ás Tardes de domingo de Ramona Giráldez, a ollar tras A fiestra aberta de Juan Parcero. E volvín a Arancha Nogueira, a Xosé María Vila Ribadomar, a cada unha destas persoas que un día soñaron e nós con elas.

Volvín a aquel primeiro libro ao que lle ilustrei a capa e que me uniu á persoa coa que hoxe comparto vida.

Ao libro que tan amorosamente me regalou o meu irmán por un aniversario e que… non fun nin quen de abrir porque me horrorizaba o autor, falecido hai nada.

Volvo á ollada do meu fillo cando lle lía A tartaruga que quería durmir, e, ao rematar, lle contaba aquilo de “e axiña quedou durmida” e el ollaba o debuxo e sinalaba a un mosquito e dicía, “Axiña debe ser esta”.

Volvo a quen lle dediquei libros, as amigas e aos amigos que escribides e que nalgún intre me agasalláchedes un libro, unhas letras nun pano de mesa, un recordo que merece quedar entre as páxinas dun libro, porque… a literatura dende sempre salvou vidas.

‘No Puedo’, o novo e espido sinxelo de Gala i Ovidio, ve a luz

ESTA NOVA CANCIÓN É O SEGUNDO ADIANTO DO SEU SEGUNDO E PRÓXIMO EP

No puedo é o novo single de Gala i Ovidio situado dentro do segundo EP do grupo, que espera ver a luz a principios de maio. Esta canción, íntima e profunda, mostra unha nova cara compositiva da banda formada por Aida Tarrío e Raül Refree. Tras o lanzamento do seu primeiro EP, Un final, o dúo avanza sen descanso cos primeiros adiantos do seu segundo traballo discográfico, nunha constante experimentación musical que desdebuxa e transcende os xéneros.

Sen elementos rítmicos, espida e tremorosa, esta peza narra a imposibilidade de materializar un desexo palpitante. Nela, e por primeira vez na traxectoria da banda, o piano de cola toma o protagonismo sobre a electrónica para acompañar á voz, que con coros coros e vocoders que a arroupan, profunda dunha forma moi emocionante na paixón non consumada. No puedo acaba cunha preciosa sección instrumental onde se oen unha risa de lonxe e o son dun proxector de cinema, porque mesmo nos momentos máis complicados podemos lembrar os momentos felices da nosa memoria.

Fotografía: Pol González Novell

Aida Tarrío

Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.

Raül Refree

Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”

Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.

A “Pub Rock Tour” de Ruxe Ruxe chega a Lalín

A próxima parada da banda será en La Beltane o vindeiro venres 21 ás 22h

Este venres 21, Ruxe Ruxe fan parada en La Beltane, na capital do Deza, nesta xira na que presentan “Xabral”, o novo disco da banda de Aríns, que está sendo toda unha revelación e unha declaración de principios.

Tal como contan eles, “a idea de facer isto naceu do relato de “Pub Rock”, que recunca no concepto de resistencia; de recoller cable fronte á realidade musical imperante. De sacar músculo e convicción e ser infantería pura nunha realidade mediática musical da que xa non nos interesa moito ser parte.”

Así nolo contan desde a súa “aldea gala” particular, onde a calidade da proposta, o amor á música en xeral e ao rock en particular ten que poñerse no valor preciso. Entendendo o rock como conexión directa, espida e lonxe do brilli brilli, da superprodución, da sobredimensión, das ínfulas de artista, do festifval de pulseira e artificio, dos desexos retorcidos de búsqueda do éxito popular e de confundir, precisamente, éxito con popularidade ante un público que decote vivimos aturdido diante das pantallas das novas tecnoloxías e a dictadura do “like”.

Vindeiras datas:

31/01 Casa das Crechas (Compostela)
01/02 Casa das Crechas (Compostela)
15/02 Fundación Artabria (Ferrol)
22/02 A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro)
07/03 Krazzy Kray (Cambados)
21/03 Sala Jagger (Lugo)
11/04 Pub Gatos (Melide)
25/04 La Beltane (Lalín)
10/05 Sala Rebullón (Mos)