Espectáculo “Aurora Boreal” no Teatro Principal de Santiago

Paula Quintas estrea a súa última obra, Aurora Boreal, no Teatro Principal de Santiago, para conmemorar os dez anos da compañía

  • Será o mércores 30 de abril ás 20:30h. Entradas por dez euros dentro do ciclo Compostela Cultura.
  • A peza plasma unha reflexión sobre a fugacidade da vida e a forza vital.

Paula Quintas presenta o vindeiro mércores 30 de abril ás 20:30h no Teatro Principal de Santiago Aurora Boreal, a súa última creación, coa que celebra os dez anos da súa compañía. As entradas están á venda por dez euros a través de Compostela Cultura.

A peza de danza contemporánea convida á contemplación e á reflexión sobre a fugacidade da vida e a súa conxelación fronte a unha sociedade de consumo fugaz. A obra crea un espazo onde o movemento e a atmósfera se entrelazan para ofrecer ao público unha experiencia sensorial e poética.

Cunha estética nórdica e unha forte inspiración nas luminosidades fugaces das xeografías do norte, Aurora Boreal explora tamén a velocidade e a serenidade do efémero. As luces que iluminan o escenario imitan a intensidade das auroras boreais, un fenómeno que só se manifesta en determinados momentos do ano e que, ao ser tan breve, deixa unha sensación de serenidade que se esfuma rapidamente. Este é un convite a experimentar a beleza do tránsito da vida e da natureza. Un espazo para a reflexión, a paciencia e a admiración por aquilo que é breve pero significativo.

FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA

Aurora Boreal é un proxecto apoiado pola Agadic a través das axudas á creación.

Dirección: Rut Balbís.

Asesoria de movemento: Tanit Cobas.

Interpretación: Paula Quintas.

Vestiario: Jandro Villa.

Iluminación: Octavio Mas.

Composición musical: Macarena Montesinos e Nacho Muñoz.

Composición audiovisual: Carla Andrade.

Asesoría artística: Manu Lago- Galicia Danza Contemporánea.

Distribución: Lilian Portela- AMARELO Distribución Escénica.

Foto: Alberte Peiteavel.

Audiovisual: Miramemira.

Colaboradores: Concello de Carballo, Teatro Ensalle, A casa Vella, Ifgae, Fundación Granell, Paso a dos, Concello da Estrada, LaboGo Donosti, Centro coreográfico Galego, Arturo Cobas, Xacobo Torres, Javier Quintana.

SOBRE PAULA QUINTAS

PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural cunha sólida traxectoria nacional e internacional. Dirixe Paula Quintas-Cía, compañía con máis dunha década de creación escénica onde hibrida danza e circo. A súa obra destaca pola investigación corporal, a estética do risco e a creación de experiencias escénicas únicas.

É directora artística do Festival 6 Coreógrafas e directora adxunta do Abanea Festival. Vicepresidenta da entidade española de espazos non convencionais RedAcieloabierto, é vogal da Asociación de Compañías de Danza Emprendo Danza, ocupou a vogalía de Danza e artes do movemento en Escena Galega (2020-2024) e participa activamente no impulso do sector profesional.

Licenciada en Historia da Arte e graduada en danza e circo por Trinity Laban e o National Centre for Circus Arts, é doutoranda na Universidade de Vigo. Especialista en Técnica Laban, combina a creación co ensino na escola Danza Alfaia, ubicada en Santiago de Compostela.

‘100 Frases’, o novo himno “anti mainstream” de de Hugo Guezeta

POR SORPRESA, SEN FRASES REPETIDAS NIN RETROUSO E REFLEXIONANDO SOBRE A INDUSTRIA MUSICAL ACTUAL, ASÍ É O NOVO SINXELO DE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta volta con forza cun novo e sorpresivo sinxelo. Sen anuncios estridentes e promoción, o rapeiro publica 100 Frases, un novo tema no que critica a situación da industria musical máis mainstream, e no que non conta con retrousos nin versos repetidos. Facendo propio o título, a canción componse de 100 frases, nun exercicio do rapeiro por estimular a súa versatilidade e destreza na escritura.

Nun beat creado por Peter Petrowski, o seu produtor durante esta etapa musical, afastado deses sons máis clásicos de rap que caracterizaron o comezo da súa andaina, Hugo mergúllase para reflexionar nas moitas cousas que están mal hoxe en día nunha industria que, segundo o rapeiro, antepón a promoción antes que a propia música. O tema, ademais conta con este novo selo persoal do proxecto, que son as guitarras de Arón Ferreiro (AROI). Xuntos buscan facer música e nada máis que iso. Traballar por publicar a súa música porque lles gusta, non por fama ou recoñecemento.

Este novo tema, xunto co lanzamento do EP de versión acústicas que publicou fai escasas semanas, supón a constatación do bo facer do rapeiro, que está experimentando un desenvolvemento expoñencial do seu proxecto. Tras encher tres das primeiras datas de presentación do seu novo disco, Hugo está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver ao rapeiro en directo serán o 17 de maio en Ferrol (Centro Social Artábria), 6 de xuño en Redondela (Festival Millo Verde), entre o 5 e o 6 de setembro en Salvaterra do Miño (Festival da Poeasía no Condado) e entre o 11 e o 14 de setembro en Vilaxoán (Festival Revenidas).

XIRA O NOSO TEMPO

17/05 · Centro Social Artábria · Ferrol

06/06 · Millo Verde · Redondela

05-06/09 · Festival da Poesía no Condado · Salvaterra do Miño

11-14/09 · Revenidas · Vilaxoán

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.

As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.

O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.

Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, con dous dos tres concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.

LODE pon en marcha o directo do seu proxecto na sala Capitol

LODE arranca a estrea en directo do seu proxecto e comezo da súa xira cun concerto de presentación que terá lugar nunha das mellores salas de toda Galicia, a Sala Capitol de Santiago de Compostela. Desta maneira, o artista exporá a súa novidosa proposta, nunca antes vista no xénero urbano en Galicia, no que será o punto de partida do seu tour de 2025. O próximo domingo 4 de maio o artista naronés subirá ao escenario da Capitol cun espectáculo que combinará a súa versatilidade vocal e musical coa súa destreza no baile, que dotará ao show dunha posta en escena moi diferencial dentro da escena. As entradas para este concerto están á por 10€ en www.salacapitol.com.

MÁIS SOBRE LODE

LODE é o futuro do xénero urbano. Cun estilo versátil e multidisciplinar, o artista galego está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras o seu éxito en redes sociais e o seu paso por programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, o de Narón presenta un ambicioso proxecto no que conflúen o seu talento como cantante coa posta en escena que desprende grazas ás súas capacidades como bailarín. A súa presenza non pasou desapercibida dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.

Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando o seu novo traballo discográfico, que verá a luz este ano baixo o formato de EP e que conta xa cos adiantos de Carita de ÁngelTres TragosTKILARecuerdoEngaño e Malo será. A presentación do mesmo terá lugar o domingo 4 de maio nun dos mellores recintos de concertos de Galicia, a histórica sala Capitol de Santiago de Compostela. Nel deixará patente a súa versatilidade e capacidade vocal, aos que se lles sumará o seu talento coreográfico e posta en escena, nun espectáculo nunca antes visto no xénero urbano en Galicia.

INFO DO CONCERTO

Domingo, 4 de maio – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Capitol

Apertura de portas: 18:30 h.

Concerto: 19:30h.

Prezo: 10€ anticipada / 15€ billeteira

Venda online: www.salacapitol.com

Presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de Carlos Callón, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media, de CARLOS CALLÓN, publicado por Edicións Xerais.

Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro.

A presentación levarase a cabo o martes 29 de abril de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA-INFORMATIVA-LIBRO-CARLOS-CALLON

Presentación de ‘Alvela’, o segundo LP de Faia, no Teatro Principal de Compostela [Galería Fotográfica]

Concerto de Faia no Teato Principal. Rocío Cibes 23/04/25

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu a presentación ao vivo de ‘Alvela‘, o segundo LP de Faia. Un espectáculo coidado, íntimo e vibrante sorprendeu ao público asistente, que esgotou as entradas hai semanas. 



A artista deu a coñecer ao vivo os dez temas que conforman este novo traballo discográfico, mais tivo tamén ocasión de revisar pezas do seu primeiro álbum, ‘Ao cabo leirín’, e compartir escenario con Lolo Castro, as súas compañeiras de De Vacas e a súa nai, Tareixa Novo. 

Faia tamén contou coa colaboración da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (violín/viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). 

Velaquí a galería fotográfica