O sábado 15 de marzo 1/2 HORA DE POESÍA con Beatriz Dourado en A Despensa do Saa


O vindeiro sábado, 15 de marzo ás 20 h., o local lucense A Depensa do Saa acollerá outra entrega da iniciativa cultural 1/2 HORA DE POESÍA. Nesta ocasión contará coa participación da escritora e poeta lucense Beatriz Dourado, que será presentada polo escritor chairego Martiño Maseda.

Estes seráns poéticos foron ideados polo escritor Manuel Vázquez, coa colaboración de Xosé Manuel Saa, propietario de A Despensa do Saa, o espazo onde se desenvolven ditos recitais. De periodicidade mensual, esta convocatoria poética pretende impulsar a literatura en galego grazas á achega creadora de voces poéticas como Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Beatriz Dourado, Martiño Maseda, Luis Valle, Ánxela Gracián, Xulio López Valcárcel, Xulio Pardo de Neyra, José Estévez, Ana Mar Fraga Rábade, Xesús Bermúdez Tellado, Toño Núñez ou Xesús Trashorras, e outras que se irán sumando segundo se vaia desenvolvendo este novo xermolo cultural na capital lucense.

Beatriz Dourado

A protagonista da 1/2 HORA DE POESÍA que se celebra neste mes de marzo, Beatriz Dourado, naceu en Barcelona. Filla e neta de emigrantes galegos. Na actualidade reside en Lugo. E exerce de profesora de Lingua e literatura galegas no IES da Terra Chá, Xosé Trapero Pardo. Feminista, defensora da igualdade, da xustiza social, dos dereitos civís fundamentais, amosa a súa actitude comprometida no día a día e a través da súa faceta como escritora. Características que xa podemos apreciar nese estourido poético que provoca intraGUERRAS, plaquette publicada por Editora Urutau, e coa que gañou o VII Premio de Poesía María Mariño. Ou noutras obras igualmente galardoadas en certames literarios coma o Premio Contos de verán de El Progreso, o Certame Literario Terras de Chamoso, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos de Redondela, o Certame de Microrrelatos de Vilalba, o Certame de Poesía Avelino Díaz, o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, o Premio Arume de Poesía infantil ou IV Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO. Salientando igualmente a súa participación e coordinación en proxectos literarios como MANIFESTO 25. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller (Alvarellos Editora, 2021) ou IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria (Alvarellos Editora, 2023).

Ademais da obra individual arriba citada, tamén deixa o seu trazo persoal nos seguintes volumes colectivos:

IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, publicada por Alvarellos Editora no 2023.
 Os Ancares en Outono, publicado en 2022 pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega.
– Historias no Camiño, publicada en 2021 pola editorial Elvira.
– Antoloxía 21 voces poéticas. 8 de marzo. Versos na Loita Común, publicada en 2020 nunha edición dixital en Culturalia GZ.
– Microrrelatos premiados no Iº e IIº Certame do Concello de Vilalba, publicada en 2020 por Alvarellos Editora.
– Certame de micro-poesía Vilariñas, publicada en 2019 por Nova Poesía Guitirica/Os Vilares Lareira de soños.
– Isidro Novo (1951-2018), publicada en 2019 polo Concello de Lugo.
– Os Viadutos. XVII Certame Literario de Relatos Curtos, publicada en 2017 por Editorial Galaxia.

*Información da autora recollida do seu espazo na AELG e da Galipedia

*Autoría imaxe da Beatriz Dourado: Distrito Xermar, 2024 (AELG)

Amoebo publica mañá venres, 7 de marzo, o seu novo álbum ‘Escándalo no escuro’

Escándalo no escuro é un ambicioso dobre LP no que unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros

O público pode facer xa a pre-garda do disco:

https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroA e https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroB 

A Sala Garufa Club da Coruña acollerá o concerto de presentación de Escándalo do escuro o venres 14 de marzo, a partir das 22.00h, con convidados moi especiais: French Riviera, hydn, Alfonso de Capital Voskov, Filloas e Mayra de Leria  


Este venres, 7 de marzo, ás 00.00h, Amoebo publica o seu novo disco, Escándalo no escuro, nas principais plataformas dixitais. Neste dobre LP, unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento explora os ritmos urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.

Escándalo no escuro é un dobre álbum do que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto. O público pode facer xa a pre-garda do novo traballo discográfico de Amoebo en:

https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroA e https://amoebo.lnk.to/EscandalonoescuroB.

Neste novo traballo producido por David Fernández (Daiv) conviven dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios. Os temas de Escándalo no escuro presentan, tamén, una gran carga explícita, onde non falta a ironía tan característica do seu frontman Aaron Valle. En palabras da banda, “este dobre LP promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que nos achega: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto”.

Sobre esta dualidade de Escándalo no escuro, Aaron Valle apunta tamén: “tanto o título como a estética, as letras e os sons son máis rockeiros e cañeiros, pero tamén máis urbanos e máis bailables. Hai sonoridades máis escuras e letras máis picantes, máis directas, máis explícitas. Pero tamén é un álbum sacado moito máis do peito, que amosa o momento no que nos atopamos. É incesante, enérxico e con moito corazón”. 

Escándalo no escuro é un cambio a nivel sonoro, pero Amoebo non está pechado a ningún estilo musical: “gústanos a brasa, o reguetón, o metal, o techno, todo o bailable… Inspirámonos un pouco en todo iso e tratamos de facer esa mestura que é a nosa identidade”, apuntan. E conclúen: “este novo álbum é un xiro de 360º no noso traballo, pero mantendo, sempre, a nosa esencia. Non esquezamos que Amoebo é para bailar, para gozar do show, para divertirse. Apostamos por un álbum con forza, que reflicte o que son os nosos directos”.

O novo LP está conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skitscada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B está tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual,  para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.           

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ESCANDALO NO ESCURO NA SALA GARUFA CLUB

O venres 14 de marzo, Amoebo presentará ao vivo o seu novo traballo discográfico na Sala Garufa Club da Coruña. No concerto, a banda estará arroupada por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos e bailables. 

Así, French Riviera encherá a Garufa cunha divertida viaxe ao anos 80 a golpe de funk e retroelectrónica, para dar paso á fantasía, o fogo e a escuridade da música urbana de hydn e o seu dark pop electrónico con influencias de rnb e outros sons. Pola súa banda, a potencia vocal de Alfonso, de Capital Voskov, chegará para dar boa mostra do seu pop denso, con coidadas texturas do indie e a urxencia do pop. Tampouco faltarán á cita o divertido pop urbano de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria.

A partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegan a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Como a propia banda remarca: “Escándalo no escuro é un disco para bailar sen parar, moi potente, de principio a fin. E o directo que estamos a preparar é potentísimo, cun ritmo desenfreado, cheo de coreografías, de guitarras e de posta en escena; moi intenso, que non deixa respirar”.

As últimas entradas para o directo están dispoñibles a través de Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS

Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.

O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en  escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez.Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de  Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ. 

Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para lanzar seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025.

20250306-NP-Amoebo-EScandalo-no-escuro

Castiñeiro Milenario organiza a FOLIADA DE INVERNO adicada ás CANTAREIRAS


Este ano o Día das letras Galegas está dedicado ás Cantareiras e desde Castiñeiro Milenario non podiamos deixar pasar a oportunidade para dedicarlles a Foliada de Inverno (15 de marzo) a esas mulleres, moitas delas anónimas, que foron as responsables de legar á posteridade, un dos grandes tesouros que temos, o inabarcable cancioneiro popular, cheo de coplas e melodías únicas. Por este motivo o obradoiro da Foliada vai estar dedicado ao estudo do xeito de tocar e cantar dos tres lugares das Cantareiras homenaxeadas este ano 2025: Agranzón, Mens e Vila da Igrexa. O obradoiro estará impartido por Roberto Rodríguez, mestre de pandeireta e gran coñecedor do canto e a percusión destas zonas. O obradoiro comezará as seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 10 euros para persoas non asociadas e de balde para asociadas.

O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse no noso correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com.

Despois do obradoiro teremos uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Inverno. Como sempre arrancarán a festa os grupos locais de Foliadeir@s do Castro e Treitoira. A continuación as pandeireteiras de Xaora e Asubíos da Chaira para rematar. Como sempre agradecemos aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ao Concello de Begonte por colaborar para facer esta gran festa na nosa cultura.

Esta foliada vai dedicada a Adolfina e Rosa Casás da Vila da Igrexa; a Eva Castiñeira de Agranzón e a Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandeireteiras de Mens e, por suposto, a todas esas mulleres que gardaron e transmitiron a tradición oral da nosa música popular, sen elas, o idioma, a música e o país no que hoxe vivimos non sería o mesmo.

Trécola Producións presenta o seu espectáculo de monicreques THE PICCOLE THEATRE na Casa-Museo Manuel María

TRÉCOLA PRESENTA ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O SEU ESPECTÁCULO DE MONICREQUES DE FÍO THE PICCOLE THEATRE

Este sábado, 8 de marzo, ás 17 hrs, poderemos disfrutar, na Casa-Museo Manuel María, dos monicreques de fío que nos traen Trécola Producións co espectáculo The Piccole Theatre. Un show protagonizado por grandes artistas de madeira e cartón pedra que realizan acrobacias, números musicais, de maxia ou cómicos.

Un espectáculo que sorprenderá, fará rir e participar os asistentes.

A actividade vai dirixida para nenas e nenos entre 4 e 11 anos e para asistir é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

O FIOT é o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024 segundo os seus xestores

O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade

O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea


O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, é o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024 segundo os seus xestores. O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade. O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea.

O BARÓMETRO DA CULTURA GALEGA

Iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, do Consello da cultura Galega (CCG) 

O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), no que o FIOT ocupa un meritorio posto 31, como primeiro festival de artes escénicas de Galicia.

A clasificación por sectores

Por sectores, o avance do Barómetro da Cultura Galega tamén salienta o bo momento do sector musical, que foi o que máis resposta reuniu nesta edición (57,3%). Dunha banda polo protagonismo dos festivais, que suman un 28,2% do peso total no conxunto entre os que se atopan, o xa mencionado Son do Camiño (12,5%), e outros como o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira (2,5%), o Resurrection Fest (2,3% que duplica o 1,1% da pasada edición), o PortAmérica (1,6%), o Sinsal (1%), o Festival da Luz (1%), Revenidas (0,7%) ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz (0,5%). Da outra pola mención individual de formacións e músicos como Fillas de Cassandra, As Tanxugueiras, Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, A Banda da Loba… máis tamén polo papel das bandas de música e os seus certames.

O libro e a literatura ocupan o segundo lugar, co 24,9% das mencións. Os premiados en 2024 como Manuel Rivas ou Chus Pato, destacan canda nomes como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo ou Paula Carballeira. O Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra (0,8%), a concesión dos Premios Follas Novas (0,3%) ou o labor editorial de Kalandraka (0,5%) figuran entre os citados.

En terceiro lugar sitúase o audiovisual co 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) ou o Festival de Cans e filmes que xa apareceran en 2023 como as As Neves, de Sonia Méndez (1,4%), O Corno, de Jaione Camborda (1,3%), Matria, de Álvaro Gago (0,8%), ou As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen (0,6%) ou series como Rapa de Jorge Coira (0,8%), a coprodución galego portuguesa Lume (0,3%) ou os traballos de Bambú Producciones (0,5%). Tamén hai espazo para intérpretes que repiten na clasificación como Luis Zahera (2,1%) ou Luis Tosar (1,5%), xunto con nomes novos como Lucía Veiga (0,5%). Entre os espazos de televisión, destaca de forma específica o Dígocho eu da TVG (0,6%). 

As artes escénicas sitúanse en quinto lugar, por detrás das institucións da cultura, e acadan un 13,8% das mencións. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, máis o seu espectáculo Somos criminais e punto final son os máis citados. O FIOT de Carballo (1,1%), a obra Iribarne (0,6%), o Centro Dramático Galego (2,1%) e as compañías Sarabela Teatro (0.7%) e Chévere (0.5%) destacan tamén na clasificación.


O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro


O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 33 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

20250305-NP-GAL-FIOT-Observatorio-Cultura-Galega