O Atlantic Pride convoca a 4ª edición do Certame de Literatura LGTBIQ+

Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por cuarto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña

O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+

As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€)

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo de 2025), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios

As bases de participación do concurso poden consultarse na páxina web oficial do festival: www.atlanticpride.es/certame-literario


O Atlantic  Pride convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBIQ+. Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por cuarto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, un grupo de lectura que se reúne mensualmente desde o 2016 para ler e debater sobre cultura LGTBIQ+. O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€). 

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo de 2025), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival:

www.atlanticpride.es/certame-literario.  

REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Nun futuro, tentarase publicar un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.

TEMÁTICA, EXTENSIÓN E FORMATO

A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBIQ+. O texto presentarase a través da páxina web do festival www.atlanticpride.es, en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.

XURADO

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden. O xurado levantará acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBIQ+ e a orixinalidade da obra. 

PRAZOS

O 31 de maio de 2025 será o día de peche da recepción de obras. Durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo) anunciaranse as obras gañadoras e farase a entrega dos premios.

PREMIOS

Haberá tres galardóns en metálico (1º premio: 600 €; 2º premio: 300 €; 3º premio: 100 €).

SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

O Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo. Neste 2025, o festival regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Na cita non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBI+, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación. No cartel deste Atlantic Pride 2025 están xa confirmadas cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán A Coruña de cor e diversión cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións.

20250224-NP-Certame-Literario-Atlantic-Pride

”O ceo de Rosalía”, conferencia de Martin Pawley na Casa da Cultura de Vilalba

Culminando a programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a CONFERENCIA de MARTIN PAWLEY: “O CEO DE ROSALÍA”A presentación correrá a cargo da presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro.

O acto levarase a cabo o venres 28 de febreiro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA-INFORMATIVA-PALESTRA-MARTIN-PAWLEY

Andanzas do Suso de Lameliña. NA PROCURA DO ESQUECEMENTO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

NA PROCURA DO ESQUECEMENTO



Segundo esperta, de novo, como adoita sucederlle desde hai tempo, séntese atrapado por esa xa familiar congoxa que non o abandona desde hai anos. A depresión de cada mañá, esa cruel sentinela, arrástrao de volta a un mundo do que xa non agarda ren. Mais hai algo a celebrar: outro día máis queda atrás e con el un menos que resta no seu inexorable camiño.

Nin un mísero raio de sol entra no cuarto. Porta e xanela ben pechadas son as causantes de tal feito. Un costume que lle vén da infancia cando a súa nai obrigábao a durmir na máis completa escuridade.

Pensa en dar media volta e tentar volver durmir, pero xa non acouga no leito. Dirixe a man, trémula e torpe, cara a mesiña de noite e faise co móbil. As dez. Levaba varias noites sen apenas pegar ollo, pero esta foi completa; máis de doce horas de sono ininterrompido.

Acende a luz e fica mirando cara ao teito. Vénselle á cabeza a voz melódica de Serrat e a man de pintura que necesita o teito. Cre ver deseñado no mesmo un lagarto arnal e a infancia preséntaselle coa viveza dun soño. Canto lle gustaban aqueles animaliños, que atrapaba cun lazos feito de herbas e logo metíaos nunha gaiola, onde os cuidaba con agarimo!

Agora, el tamén se sentía un arnal encerrado na súa gaiola, o cuarto.

Érguese con pouco ánimo e arrástrase ao baño. Dálle medo o espello e, sen atreverse a ollar para el, levanta a tapa do retrete e senta. Leva dous días sen cagar e esta mañá, malia todos os esforzos, tampouco é capaz. Vou ter que tomar a pílula esta noite, murmura para si. 

Deixa o retrete e marcha cara ao lavabo, de esguello mira para aquela especie de verme noxento que lle devolve o espello. Hoxe é un verme, pero outras veces vese como unha cascuda, unha cobra, unha sapagueira… Correndo lava cara e mans e diríxese á cociña.

Abre a neveira, nin un cartón de leite queda. Na lacena só dúas madalenas e no froiteiro, unha laranxa medio manida. Tras dar boa conta do frugal almorzo regresa ao cuarto.

Non lle queda máis remedio que ir ao super, pero non lle apetece nada. Desde que o botaron do traballo a rúa conveteuse na súa maior enemiga. Comeza a desprenderse do pixama pero muda de propósito e regresa á cociña. Menos mal que aínda queda media botella de whisky; determina esquecerse deste mundo infame. E non impactará dunha vez o asteroide 2024YR4, e remata con este planeta sen necesidade de facelo sufrir tanto?, preguntase, mentres bota un bo grolo de líquido reparador e se mete de novo na cama. Tempo terá para facer a compra. Colle da mesiña “Sumisión” de Michel Houellebecq e disponse a rematar de ler o derradeiro capítulo: “A fin da viaxe”.

Santiago de Compostela acolle unha nova xuntanza da rede ILENIA

A iniciativa estatal creada para impulsar as linguas cooficiais no ámbito da intelixencia artifical, da que forma parte o Proxecto Nós, celebrou esta semana na Cidade da Cultura un encontro técnico para abordar os casos de uso que se están a desenvolver nas universidades e centros de investigación implicados

ILENIA, a iniciativa posta en marcha polo Goberno de España coa intención de impulsar as linguas na intelixencia artificial, celebrou esta semana na Cidade da Cultura a primeira xuntanza técnica de traballo deste 2025 cos grupos que integran a rede, entre os que se atopa o Proxecto Nós

O obxectivo principal do encontro, que tivo lugar os días 17 e 18 de febreiro e no que participaron máis de 30 profesionais, foi poñer en común o estado dos casos de uso -a meirande parte deles multilingües- que se están a desenvolver baixo o paraugas de ILENIA. Desta rede forman parte o Consorcio Barcelona Supercomputing Center Centro Nacional de Supercomputación (BSN-CNS), a Universidade de Alacante a través do Centro de Intelixencia Dixital (CENID), a Universidade do País Vasco a través do Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua (HiTZ) e a Universidade de Santiago de Compostela a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e do Instituto da Lingua Galega (ILG). Por parte destas dúas entidades, asistiron, respectivamente, Senén Barro e Elisa Fernández.

Da xuntanza de coordinación entre os distintos centros de investigación despréndese a intención de que os casos de uso (tamén coñecidos coma demostradores) que se están a desenvolver  poidan estar operativos este mesmo ano, coincidindo coa última anualidade do proxecto, financiado polo Ministerio de Transformación Dixital e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – Next Generation.

O vindeiro encontro presencial da rede ILENIA – que se celebran de xeito trimestral desde a posta en marcha do proxecto, mentres que os centros de investigación traballan de forma coordinada na distancia- celebrarase en maio en Alacante.

Proxecto Nós

Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego xunto coas linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.

En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade e de uso libre, algunhas das cales xa están á disposición e accesibles a través da web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o ILG e o CiTIUS.

Este sábado homenaxe a Rosalía con Eva Veiga e o grupo Ouriol na Casa-Museo Manuel María

A poeta e comunicadora Eva Veiga estará este sábado, día 22 de febreiro, véspera do día de Rosalía, na Casa-Museo Manuel María, para levar a cabo un marabilloso e emocionante recitado de poemas de Rosalía de Castro e Manuel María, baixo o título FIAR NA PALABRA.. Será ás 19 horas dentro dun espectáculo poético-musical-plástico titulado Fiar na palabra, en que estará acompañada polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o artista Alfonso Costa.

Os catro fan parte do grupo Ouriol, formación comprometida desde hai máis de vinte anos coa comunicación da poesía no noso idioma, tendo, desde os seus comezos, no seu repertorio os recitais dedicados á nosa poeta máis universal, Rosalía, como tamén ao propio Manuel María.

A realización do recital, cunha duración aproximada de cincuenta minutos, consistirá na recitación dunha escolla de poemas das obras de Rosalía e Manuel María, elaborada pola propia Eva Veiga. Un ritmo recitativo en avinza coa música improvisatoria interpretada por Bernardo Martínez –guitarra, saxo, percusión e xoguetes musicais- e Fito Ares –frauta e clarinete-. Sonoridades a crearen atmosferas igualmente constituídas en aparencia e intensidade por unha axeitada iluminación e por unha estética visual baseada na proxección das imaxes realizadas ex profeso polo artista Alfonso Costa.

A actividade é de entrada libre mais é necesario previamente facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621