A Sala Garufa Club acollerá o concerto de presentación do novo disco de Amoebo, Escándalo no escuro, que verá a luz o 7 de marzo
As e os amantes da boa vibra xa poden marcar en vermello o venres 14 de marzo no seu calendario: a partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxee moito baile para presentar na Coruña os temas do seu novo traballo discográfico
As entradas para o directo, que contará cun convidado moi especial, French Riviera, están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:
Provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor… Escándalo no escuroserá un dobre álbum con 14 novas cancións, das que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto e nas que Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros
Unha das propostas máis destacadas e deshinibidas da escena emerxente galega xa ten data para presentar ao vivo o seu próximo traballo discográfico: a Sala Garufa Club da Coruña acollerá a posta de largo de Escándalo no escuro, o novo disco de Amoebo, que verá a luz o vindeiro 7 de marzo.
As e os amantes da boa vibra xa poden marcar en vermello o venres 14 de marzo no seu calendario: a partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegarán a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor, e das que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto. En Escándalo no escuro, Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.
As entradas para o directo, que contará cun convidado moi especial, French Riviera, e moitas outras sorpresas, están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:
ESCÁNDALO NO ESCURO, UN DOBRE ÁLBUM QUE DARÁ QUE FALAR NESTE 2025
Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz o venres 7 de marzo e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto: música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop de culto dos 80 aos 2000.
O novo LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B estará tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual, para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.
AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS
Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.
O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez. Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.
Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para preparar o lanzamento do seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025.
O sábado 22 de febreiro a partir das 19 horas na Casa da Cultura de Begonte, a A. C. Castiñeiro Milenario, en colaboración co Concello de Begonte, organiza a charla-exposición As máscaras de Entroido, a cargo de Xosé Manuel Seixas, experto no mundo do Entroido e das súas máscaras.
Velaquí unha breve descrición do que será este acto nas propias palabras do autor:
“O conxunto de máscaras das que falarei son, maioritariamente, do Entroido, aínda que hai algunha do ciclo das mascaradas de inverno fóra do tempo do Entroido. Non son unha colección nin foron feitas para expoñer ou vender. Representan un estudo sobre o Entroido, a celebración máis importante e rica do ano, unha complexísima festividade ritual imposible de abarcar na súa totalidade e na que eu quixen traballar desde un dos seus numerosos aspectos: o da máscara. En total son 25 pezas de diferentes lugares, estéticas e materiais, na que as diferentes persoas que as realizan na actualidade con máis, menos ou ningunha variación das facían quen as precederon, amósannos como representan e ven as aldeas, pobos ou vilas, iso que está pasando en miles de lugares de Europa, e fóra de Europa ao mesmo tempo. É un mesmo cadro pintado de xeito diferente, a maxia de como unha pequena aldea é quen de engrandecer o puzzle da diversidade e da riqueza cultural da Humanidade durante os momentos de crise no ciclo do ano no que o ser humano precisa realizar os correspondentes rituais que aseguren que esa roda siga xirando para que volte a luz, a vida, a fertilidade da terra. E aí, a aldea máis afastada de Galicia cóllese da man das súas irmás, por moi lonxe que estean fisicamente, para vencer con rituais, traxes ou máscaras, tan similares e tan diferentes ao mesmo tempo, ao inverno, ao frío, á escuridade e espertar á Natureza. Este é o traballo de 26 anos visitando artesáns, para aprender a facelas máscaras, e intentar entendelas. Están feitas algunhas, nas súas casas, outras, no meu taller, tras traer comigo eses coñecementos transmitidos a eles/as e agora a min cunha xenerosidade emocionante. Xente, case nunca profesional, que traballa de xeito altruísta para que esas máscaras sigan presentes no ritual. Noutros casos son técnicas aprendidas de artesáns, que inda que non teñan vinculación directa co Entroido, aprendéronme a traballar nas técnicas que precisaba. Resumindo, o que aquí hoxe imos ver é o que aprendín de moita, moitísima xente boa e xenerosa coa que gocei moito escoitando as súas historias e á que lle debo todo o que sei do suceso máis marabilloso do mundo. O Entroido.“
O novo sinxelo, que estará dispoñible desde as 00.00h do día 7 nas principais plataformas dixitais, é un tema producido por Juan de Dios Martín que conta coa participación de Xoel López como guitarrista
‘En fin, que máis dá’ é unha sorte de canto á vida e á amizade, “unha viaxe para gozar” e que se inspira no Tishoumaren (Desert Blues) e no pobo Tuareg
O grupo vendeu en menos dunha semana máis do 50% das entradas dispoñibles para o concerto de presentación de ‘Feira’ na Sala Capitol, que terá lugar o 13 de marzo
“Unha viaxe para cantar e gozar”. Así defineDe Ninghures o seu novo tema, En fin, que máis dá, peza que se estreará este venres 7 de febreiro ás 00.00h nas principais plataformas dixitais e que supón o cuarto e último avance deFeira, o LP que o grupo dará a coñecer ao vivo nun concerto moi especial, ateigado de artistas convidadas, o 13 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
En fin, que máis dá, producido por Juan de Dios Martín e que conta co artista coruñés Xoel López nas guitarras, é un canto á amizade e á vida que se inspira tanto no Tishoumaren (tamén coñecido como Desert Blues) e no pobo nómada Tuareg como nunha muiñeira de Florencio López. Así, desta quenda, e nunha nova volta ao concepto da revisión da tradición desde a contemporaneidade, o grupo captura nunha peza o espírito do compañeirismo, a imaxe das estradas e dos camiños interminables, ou mesmo maxia do instante. Ideas que, dalgún xeito, tamén se incorporarán á creación audiovisual dirixida por Lorenzo Negueruela e que o público poderá ver o mesmo venres 7 na canle de Youtube do grupo.
De Ninghures propón un tema que, entre a ledicia e a melancolía, fía unha ruta na que as voces se mesturan entre harmonías envolventes. A música flúe para xerar unha atmósfera cálida e poderosa; mentres que as guitarras, tanto as gravadas por Xoel López como pola banda, dialogan coa esencia da percusión tradicional galega, o clarinete, o violín e a gaita. E deste xeito cunha lírica asinada pola formación, En fin, que máis dá ergue enerxicamente o espírito e os coros, cheos de forza e complicidade, convidan a cantar en comuñón.
En fin, que máis dá é o cuarto e derradeiro avance de Feira, o novo traballo discográfico da formación e que o publico poderá descubrir -á vez que saca puntos raros- ao vivo na Sala Capitol o 13 de marzo. Alí, canda numerosas artistas convidadas, a formación dará a coñecer os temas dunha Feira que, ademais de nomear o traballo, impregna todo o universo simbólico do álbum e dos directos. Desde que se activou a venda de entradas o pasado xoves 30 de xaneiro, en menos dunha semana o grupo vendeu máis do 50% dos billetes dispoñibles (15 euros máis gastos de xestión) a través de www.salacapitol.com.
De Ninghures
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, no primeiro trimestre deste 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen Corazón Alionado, A BurriñaeO Último Baile.
O ‘Orgullo do Norte’ achegará á Coruña os temas máis bailables destas cinco grandes divas do pop español de diferentes xeracións, artífices dalgúns dos sons máis recoñecibles e celebrados dos anos 2000 ata a actualidade
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
Neste 2025, o Atlantic Pride regresa para celebrar a súa 6ª edición como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comezo do verán ao longo da Península e no que, durante oito xornadas, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos, que pouco a pouco se irán desvelando
Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do Certame Literario de Literatura LGTBI+
O Atlantic Pride quenta xa motores para a súa 6ª edición, coa confirmación dos primeiros nomes de artistas que formarán parte do seu cartel neste 2025. Cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, encherán A Coruña de cor e diversión cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións.
Unha das figuras máis destacadas na neotradición musical actual, Judeline, aterrará nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina o venres 11 de xullo co seu célebre pop experimental, do que son seguidores os mesmísimos Rosalía e Bud Bunny, que fai referencias aos estilos máis diversos, como o flamenco, o trap, o R&B ou o reguetón. Antes de visitar A Coruña, Judeline levará o seu cautivador Joropo a Coachella este mes de abril, onde compartirá escenario con estrelas mundiais como Lady Gaga, Charli XCX ou Travis Scott.
Tamén o venres 11 de xullo fará a súa aparición no Atlantic Pride unha das promesas da nova onda pop española, Paula Koops, cun son propio que lembra con nostalxia a unha fusión dos estrañados anos 2000 coas tendencias musicais actuais.
O sábado 12 de xullo, chegaralle a súa quenda a Edurne, con temas pegadizos de dance e pop de reminiscencias ‘dousmileiras’, do seu actual éxito Éxtasis ao eurovisivo Amanacer, cos que a representante de España en Eurovisión 2015 e participante de Operación Triunfo fai 20 anos demostrará que atópase no seu mellor momento de forma.
Pola súa banda, o xoves 10 de xullo, tamén nos Xardíns de Méndez Núñez, Merche poñerá a bailar ao público ao son de himnos pop como Abre tu mente ou No me pidas más amor. O mesmo xoves 10 de xullo, a gañadora de Operación Triunfo 2020, Nia, non defraudará aos seus fans co seu pop latino, xa sexa melódico ou de vangarda, para presentar os temas do seu álbum PALOSANTO.
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.
Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBI+, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación.
BIOGRAFÍAS DAS PRIMEIRAS ARTISTAS CONFIRMADAS PARA O ATLANTIC PRIDE 2025
Judeline
Lara Fernández (Xerez da Fronteira, 2003) parece que viva no futuro, pero canta como ninguén a tradición do presente. Co seu proxecto Judeline entende tan ben o pop que é capaz de estirar os seus límites, tocando desde as herdanzas territoriais ata a dixitalización dos medios. Nesta época neo-tradicionalista os pícaros cruzan Xibraltar e as tonadilleiras son poliamorosas. Ninguén como ela soubo integrar no lugar onde tiña que estar. Criada no edén de Caños de Meca, nunha familia que entendía o valor da música, aprendeu a tararear antes que a balbucir. Hábil co piano, a guitarra e o catro vernezolano, pero tamén sobre os beats e co ‘pitcheo’. Sexa facendo unha versión a Lola Flores, sampleando a Antonio Carmona ou traballando con produtores da talla de Tainy ou Alizzz, mantén o seu pulso ao tempo e con todo o nivel.
Desde os 17 anos vive en Madrid, onde visitou todas as jam sessions e estudos de gravación que se lle puxeron ao toque. Co seu tándem de produtores Tuiste e Mayo, publicou un primeiro EP, de la luz (2022), recomendado polos mesmísimos “popes” do novo pop, Rosalía e Bad Bunny, que, como ela, entenden a experimentación como parte do proceso ao mainstream.
Desde entón, o name-dropping de recoñecementos foi de escándalo. É a Up Next España de agosto de 2023 en Apple Music, forma parte do programa DSCVR Artists To Watch de Vevo e é a primeira artista española en aparecer na serie Spotify Singles, versionando a Shakira, Alejandro Sanz e a Yahritza e a súa Esencia. Marcas como Adidas ou El Corte Inglés fixérona anfitrioa das súas campañas e protagonizou o vídeo Un tren de Navidad, de Vogue España, celebrando a súa vinculación coa moda e as novas tendencias.
Despois de gañarse o ceo da audiencia coas súas cancións Canijo e 2+1, abre esta nova etapa cunha xira europea teloneando a J Balvin. E, por suposto, coa súa xa esperada posta de longo, un álbum coproducido con Rob Bisel (SZA, Tate McRae…), Mayo, Tuiste e Drummie, do que xa nos adiantou o chill-house de mangata. Agora dirán que as tradicións só as dita o tempo, pero Judeline ten todas as cartas na súa baza para ser a que lidere a actual xeración.
Edurne
Falar de Edurne é falar de profesionalidade e dunha carreira de éxitos. Desde o seu paso por Operación Triunfo, hai 20 anos, non parou de traballar e cultivar logros ao longo da súa traxectoria.
Un total de oito discos con estilo ‘dosmileiro’ avalan á artista madrileña. Disco de Ouro polos seus álbumes Edurne e Amanecer, número uno en vendas con Catarsis e máis de dez anos de promocións e xiras. O seu tema Demasiado tarde converteuse nun dos maiores éxitos nacionais de 2019 e unha das cancións máis radiadas do país, acumulando máis de 11 millóns de views en Youtube e preto de 8 millóns de streams en Spotify.
En 2024 edita o seu oitavo disco de estudo, Éxtasis, e convértese rapidamente no primeiro número 1 en vendas oficial de España da carreira da artista. Con máis de catro meses na lista dos máis vendidos, este álbum posiciona a Edurne musicalmente no mellor momento da súa carreira.
Ademais, falamos dunha artista multidisciplinar con longo percorrido en televisión, a cargo de importantes. Formatos como Got Talent (Tele 5), Tu cara me suena (Antena 3) e Idol Kids (Tele5). Ademais, foi representante de España en Eurovisión en 2015. En 2025 incorpórase como coach no maior formato de éxito musical da televisión do noso país: La Voz Kids (Antena 3), onde compartirá panel de xuíces con Lola Índigo, David Bisbal e Manuel Turizo.
Nia
Natural de Las Palmas de Gran Canaria, en 2020 preséntase a Operación Triunfo e convértese na gañadora. Despois lanza o seu primeiro EP, Cuídate, que conta con máis de oito millóns de escoitas en Spotify. Aválanlle colaboracións con artistas da talla de India Martínez, Blas Cantó, Edurne, Nino Vargas, Gente de Zona, Daniel Me estás Matando, Rocco Hunt, Lennis Rodríguez ou María Peláe; colaboracións que terminaron por asentar a proposta musical de Nia tanto nacional como internacionalmente.
Nia foi, ademais, a persoa máis votada polo público e a favorita por excelencia en Tu cara me suena, polas súas grandes interpretacións e espectaculares imitacións. Tamén participou en Dúos increíbles da man de Antonio Carmona. A carreira de Nia segue imparable e, grazas á súa talento multidisplinar, en 2022 foi a protagonista, xunto a Sebastian Yatra e Asier Etxeandia, da primeira serie musical de Netflix España, Érase unha vez… pero ya no.
En 2024 lanza o seu álbum debut PALOSANTO, que se converte rapidamente nun éxito de crítica e público, aguantando tres meses entre os discos máis vendidos do país e logrando nomeamentos a multitude de premios nacionais e internacionais.
A súa versión de Lágrimas negras, xunto á voz orixinal da lenda da música cubana Celia Cruz, lévana a cruzar o charco e converterse nunha das poucas españolas en cantar en formatos de renome internacional como Despierta América, en Estados Unidos.
Merche
Nada en Cádiz e ligada aos escenarios desde que era unha nena, Mercedes Trujillo Callealta, Merche, é unha das cantautoras máis coñecidas deste país, publicando 10 álbums inéditos ata a data.
Despois de conseguir numerosos éxitos ao longo da súa carreira con cancións como No me pidas más amor, Abre tu mente, Le deseo, Eras tú, Cal y arena, Si te marchas… entre outros, con seis discos de platino e catro de ouro, un nomeamento aos Grammys, numerosos premios recibidos ao longo dos seus 21 anos de carreira e os máis de 1.300 concertos dados por todo o país, a carreira de Merche converteuse nunha das máis consolidadas do panorama musical español.
Actualmente atópase promocionando o seu último single Soy superviviente, terceiro capítulo do seu novo proxecto Después de un tiempo, o seu novo proxecto, que consiste na publicación dunha serie de cancións inéditas baseadas nalgúns dos temas máis importantes da súa carreira e que contan como evolucionaron esas historias pasados os anos. Nesta ocasión esta historia é a continuación da historia da canción Abre tu mente.
Paula Koops
Paula Koops é unha xoven cantante, música e compositora que non deixa indiferente a ninguén coas súas cancións. En tan só un ano na industria musical, a artista posicionouse como unha das promesas da nova onda pop española. Os seus temas suman máis de 23 millóns de streams en Spotify, acumula preto de 700.000 oíntes mensuais en plataformas dixitais, as súas cancións e vídeos vólvense virales en TikTok e posicionouse como Artista Radar Global de Spotify.
Paula Koops atopou un son propio, que lembra con nostalxia a unha fusión dos estrañados anos 2000 coas tendencias musicais actuais. As súas letras plasman as súas experiencias persoais, o que lle fixo achegarse a toda unha xeración que ansía conectar cos seus artistas favoritos e verse reflectida nas súas cancións.
Co lanzamento do seu álbum debut, Motel, Paula Koops converteuse na artista revelación de 2025, protagonizando os festivais máis importantes e cunha extensa xira ao redor de España, colgando o cartel de ‘sold out’ na maioría das súas datas, como na mítica sala Riviera de Madrid.
SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’
Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar ácidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.