O evento cultural, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca no arquipélago, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea mais estimulante do momento
A programación musical do venres 25, ao coincidir cunha xornada festiva, estenderase ao longo de todo o díaO Sinsal, recoñecido por tercer ano consecutivo como o festival de música máis destacado de Galicia polos profesionais da cultura
Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros sonoros máis singulares do panomara musical estatal, celebrará a súa nova edición os días 25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). O evento cultural, cuxo cartel é secreto para o público ata que este desembarca no arquipélago de San Simón e Santo Antón, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento a través da participación de numerosas bandas e solistas chegadas de diversas rexións de todo o mundo. Como novidade, ao coindir a xornada festiva do 25 en venres, este ano a actividade estenderase ao longo de todo o día, no lugar de ser unicamente en horario de tarde.
Sinsal SON Estrella Galicia, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia e SON Estrella Galicia, é unha iniciativa cultural que naceu para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén abriu o espazo para acoller a numerosas para creadoras e creadores do ámbito internacional: en cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América. Todos os anos os abonos e as entradas esgótanse axiña.
A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón – como os roteiros Descubre San Simón,Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar– ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos; -e que no 2024 supuxo a redución nun 30% do volume dos mesmos-; ou mesmo da recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.
Sinsal, o festival de música mellor valorado en Galicia
O ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea vén de sinalar no seu informe ‘Lo mejor de la cultura 2024’ ao Festival Sinsal como a proposta musical máis destacada do país por terceiro ano consecutivo, ademais de manter -tamén desde 2022- o posto como segunda iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. Desde a dirección do festival, esta nova é acollida con gratitude e agradecemento ás compañeiras e compañeiros da cultura por ter presente a Sinsal -un evento modesto e limitado a 800 persoas ao día- nas súas valoracións.
A nivel estatal, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, Sinsal tamén sube de novo por tercer ano consecutivo e se sitúa no 6º posto, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que no 2024 reforzou coa posta en marcha da iniciativa #SinsalSenRastro.
Os recoñecementos chegan tamén nos Iberian Festival Awards, os premios da industria dos festivais de España e Portugal, un evento no que o Festival Sinsal SON Estrella Galicia é finalista nas categorías Mellor Programa Cultural, Contribución á igualdade -galardón que se lle outorgou no 2023-, Mellor Aloxamento e recepción e Mellor Promoción Turística. O 15 de marzo daranse a coñecer os gañadores nunha gala.
Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición para participar na súa sétima edición, que terá lugar do 12 de setembro ao 26 de outubro
O programa de intercambio cultural estenderase neste 2025 ata un sexto territorio da Península Ibérica: A Rioxa
As compañías de artes escénicas galegas que desexen presentar os seus espectáculos para xirar polos escenarios de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa poderán achegar as súas propostas desde hoxe mesmo e ata o 21 de febreiro a través do espazo web www.escenanorte.com
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural por medio das artes escénicas que conecta a produción de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebrará a súa sétima edición do 12 de setembro ao 26 de outubro de 2025. A nova tempada deste proxecto, que abrangue entre outras iniciativas unha programación itinerante de espectáculos de teatro, danza e artes do movemento e novo circo, chega ademais cunha importante novidade a nivel territorial coa incorporación d’A Rioxa.
Hoxe mesmo Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición para que as compañías presenten as súas candidaturas para ser parte da sétima edición do proxecto a través do seu eixe central: o Itinerario Constelacións, unha programación que ofrece varias funcións de cada peza polos distintos territorios que conforman o programa cultural. As propostas pódense presentar ata o vindeiro 21 de febreiro a través da páxina web do CEN, www.escenanorte.com.
Tal e como se expón na propia web de Camiño Escena Norte, os criterios de selección dos espectáculos -a través de comisións territoriais con 5 persoas expertas por comunidade- estarán baseados na calidade, diversidade de linguaxes e estéticas e valor cultural dos mesmos, pois CEN nace precisamente coa intención de mostrar o mellor das artes escénicas de cada un dos territorios que conforman o proxecto.
Un total de 30 expertas en artes escénicas traballarán de xeito colexiado. Nun proceso transparente e garantista, cada experta realizará unha selección previa para, despois, en común, realizar unha clasificación conxunta da que sairán tanto os 18 espectáculos (3 por territorio) que formarán parte do Itinerario Constelacións, como os 36 (6 por comunidade) que formarán o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte. Este documento é unha ferramenta que, desde 2023, serve de promoción e apoio ás profesionais das artes escénicas para favorecer a distribución das súas creacións en todo o territorio estatal, alén do propio ámbito do CEN.
Logo dunha edición de resistencia, Camiño Escena Norte regresa con forza grazas á incorporación de A Rioxa. Trátase do sexto territorio que conforma o programa, nado no 2019 coa intención de visualizar, difundir e distribuír as artes escénicas profesionais galegas, asturianas, cántabras, vascas e narravas alén das súas fronteiras. Así, a asociación AESCENA e o Goberno da Rioxa súmanse a unha iniciativa da que xa forman parte as asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Eskena e ESNA, ademais de gobernos autonómicos, provinciais e forais.En Galicia, Camiño Escena Norte conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic.
Ademais do Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte desenvolve toda unha inxente actividade paralela a través do Camiño Expandido. É o caso do citado Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte, así como do evento profesional Habitación Peregrina PRO, os encontros das compañías co público e outras iniciativas que se darán a coñecer nas semanas previas ao inicio da sétima edición.