Este sábado homenaxe a Rosalía con Eva Veiga e o grupo Ouriol na Casa-Museo Manuel María

A poeta e comunicadora Eva Veiga estará este sábado, día 22 de febreiro, véspera do día de Rosalía, na Casa-Museo Manuel María, para levar a cabo un marabilloso e emocionante recitado de poemas de Rosalía de Castro e Manuel María, baixo o título FIAR NA PALABRA.. Será ás 19 horas dentro dun espectáculo poético-musical-plástico titulado Fiar na palabra, en que estará acompañada polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o artista Alfonso Costa.

Os catro fan parte do grupo Ouriol, formación comprometida desde hai máis de vinte anos coa comunicación da poesía no noso idioma, tendo, desde os seus comezos, no seu repertorio os recitais dedicados á nosa poeta máis universal, Rosalía, como tamén ao propio Manuel María.

A realización do recital, cunha duración aproximada de cincuenta minutos, consistirá na recitación dunha escolla de poemas das obras de Rosalía e Manuel María, elaborada pola propia Eva Veiga. Un ritmo recitativo en avinza coa música improvisatoria interpretada por Bernardo Martínez –guitarra, saxo, percusión e xoguetes musicais- e Fito Ares –frauta e clarinete-. Sonoridades a crearen atmosferas igualmente constituídas en aparencia e intensidade por unha axeitada iluminación e por unha estética visual baseada na proxección das imaxes realizadas ex profeso polo artista Alfonso Costa.

A actividade é de entrada libre mais é necesario previamente facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

De Ninghures publicará ‘Feira’, o seu novo álbum, o 25 de febreiro

O público xa pode pregardar o LP nas principais plataformas dixitais e descubrir en Spotify o nome dos temas que formarán parte do mesmo, no que se inclúe o seu grande éxito Morena

A banda experimenta neste segundo disco, producido por Juan de Dios, tanto coa electrónica coma con novos efectos e instrumentos

A publicación dun dos traballos máis agardados da escena da música galega xa ten data marcada no calendario: Feira, o novo traballo discográfico de De Ninghures, verá a luz o vindeiro martes 25 de febreiro nas principais plataformas dixitais. O álbum, no que a banda de multiinstrumentistas segue a revisitar e actualizar o patrimonio musical galego e que contará con edición física, presentarase ao vivo o xoves 13 de marzo na Sala Capitol, que se convertirá nun moderno recinto feiral.

Ao igual que as feiras populares se transformaron co tempo, De Ninghures evoluciona neste segundo LP na súa sonoridade e bebe, alén da tradición galega, de influencias latinas ou árabes. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), o grupo experimenta coa electrónica, coa utilización de novos instrumentos -ou usos renovados na súa instrumentación habitual- e a incorporación de efectos nas composicións. Este disco é, como o seu nome indica, a carta de presentación dunha Feira do século XXI.

Feira (editado por Tremendo Audiovisual e distribuído por Altafonte) é un álbum conformado por dez cancións nas que De Ninghures traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual. Así, e coa incorporación de novas líricas, músicas e sonoridades, a agrupación revisita, actualiza e reivindica o patrimonio cultural do país. 

Ás xa coñecidas Corazón AlionadoA BurriñaO Último Baile ou En fin, que máis dá – tema no que colabora Xoel López nas guitarras-, publicadas nos últimos meses como avances do LP, únense Aquí, Descolorido, Feira e Punteada; mais tamén forman parte do disco temas con retrousos moi celebrados entre o público do país, como o exitoso Morena -galardoado como Mellor Música do Ano 2023 en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou Poço -producida por David Vieites, ‘Hevi’-.

Feira na Sala Capitol

De Ninghures presentará Feira ao vivo, por vez primeira, na Sala Capitol o xoves 13 de marzo. Será toda unha festa na que a formación contará con distintas artistas convidadas referentes tanto do eido tradicional como da música urbana galega; e as últimas entradas dispoñibles para a ocasión están á venda (desde 15 euros máis gastos de xestión) a través da web www.salacapitol.com Antes, o sábado 22 de febreiro,De Ninghures viaxará a Bruxelas para ofrecer, no marco do Emigrason, o derradeiro concerto da anterior xira e no que haberá sorpresas para o público asistente.

Lista de cancións de Feira

  1. Aquí
  2. Corazón Alionado
  3. O Último Baile
  4. Poço
  5. Descolorido
  6. Morena
  7. Feira
  8. A Burriña
  9. Punteada
  10. En fin, que máis dá 



Enlace pregarda Feira

Enlace pregarda Feira en Spotify

20250218-De-Ninghures-Feira-publicarase-o-25-de-febreiro