O arxentino Federico Beilinson gaña o III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli

O arxentino Federico Beilinson gaña, coa obra ‘Cuatro historias gallegas’ o Premio de Composición Portus Apostoli

O uruguaio Gabriel Bussi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia, recibe a mención de honra pola creación ‘Folías Celtas’

A terceira edición do certame, organizado polo Noia Harp Fest coa colaboración do Concello de Noia, recibiu unha ducia de propostas chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia


O III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, impulsado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia e o Concello de Noia, xa ten obra gañadora. O xurado outorgou a distinción á creación Cuatro historias gallegas, do compositor e guitarrista arxentino Federico Beilinson. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra da man do NHF.

O Premio Portus Apostoli é  un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra, e nesta terceira edición recibiu 11 propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia. O tribunal, conformado pola directora de orquestra Isabel Rubio, a catedrática de arpa do Real Conservatorio Superior de Madrid Susana Cermeño, o compositor Fernando Buide e a arpista Alba Barreiro -como secretaria sen voto-, decidiu declarar gañadora a obra Cuatro historias gallegas “pola súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa”, ademais de destacar os “múltiples recursos utilizados para corda” do seu autor.

Federico Beilinson (Arxentina, 1981) é un compositor, guitarrista e docente arxentino con amplo coñecemento da música folclórica arxentina, recoñecido tanto polo seu papel de  divulgador (con textos editados pola Biblioteca Nacional do seu país) como pola edición de numerosos discos. Na actualidade é mestre da Escola de Música Popular de Avellaneda. Segundo Beilinson, a obra Cuatro historias gallegas propón “unha viaxe, tanto a través do carácter sonoro como da súa estrutura rítmica” e ten dous eixes fundamentais: aspectos que, para o autor, “sempre lle gustaron da cultura galega, como as historias fantásticas e a súa riqueza musical, cun importante arraigamento nas melodías directas e sintéticas e nos xogos rítmicos e percusivos”.

Beilison tamén destaca o papel da arpa “e do amplo abano de posibilidades que esta ofrece”. Así, tentou xerar en Cuatro historias gallegas “un diálogo dinámico entre a arpa e a orquestra, tanto como bloque ou como instrumentos individuais de carácter intimista”.

Mención de honra

Nesta ocasión, ademais, o xurado decidiu destacar coa mención de honra a obra Folías Celtas, que resultou ser unha creación do compositor e violinista uruguaio Gabriel Bussi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia. O tribunal do Portus Apostoli destacou “a escritura moi profesional e a boa técnica instrumental da arpa e das cordas”.

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único evento no noroeste peninsular dedicado a este instrumento e celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, -e que conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña-, é unha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. 

O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.

20250215-GAL-Premio-Portus-Apostoli

resaca emocional publica ‘de amor’, un álbum con himnos que gardar no corazón

Este 14 de febreiro chega o primeiro disco do colectivo sonoro e visual, un traballo conformado por dez creacións que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas

o álbum debut do colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional, xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Dez temas ‘cuquis’, ateigados de son pop, naive e sensíbel con picos de baile nos que resaca emocional, cuxa banda musical conforman Ash Diz, Berto, Brais Iriarte e Lorena Cachito, explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.


resaca emocional aborda en de amor, desde a vulnerabilidade e a intimidade, o querer, os afectos e os coidados. Faino desde un espazo atravesado polas diversidades no que se representan os diferentes tipos de amor desde unha ollada naif, linda e cálida, sempre apoiado por unha sonoridade pop envolvente e característica, unha produción meticulosa e todo un universo audiovisual que acompaña o seu relato. Ao cabo, o disco é unha pata máis do propio proxecto: resaca emocional é un colectivo que se constrúe desde os coidados, poñendo en valor o traballo, inquedanzas e inspiracións de cada integrante ao  traballar de forma colaborativa na creación de pezas musicais, audiovisuais e de deseño gráfico. É xogo, creatividade sen fronteiras e búsqueda deliberada de inocencia. RSK achega as súas ansias de amosar o máis puro que nos poida ofrecer, de non poñerse límites e de entenderse coma unha exploración continúa. Un discurso que o colectivo presenta en forma de dez himnos bailables que gardar no corazón.

Así, de amor (editado polo selo Tremendo Audiovisual e distribuído por Altafonte) parte do nacemento dunha relación afectiva, como é o caso do de  sae o sol -o tema de apertura do disco-; e avanza con luminosidade pola intensidade inicial con a fin do mundo ou ondas sonoras de xúpiter (24/7) -peza na que colabora Juana-, mentres que con mario crush explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; para dar paso a xogar contigo, cupido, a frecha ou bolboretas, que reflicte a tensión entre o desexo contido e a catarse; ata incluso abordar o medo, as inquedanzas ou a perda, como é o caso de trapecista emocional e o único medo que teño, temas que pechan do álbum. Dez cancións de pop electrónico -acompañadas doutras tantas pezas visuais de Zeltia Iglesias- que, desde a vulnerabilidade e a intimidade, afondan con honestidade no universo emocional dunha xeración nova con todo por explorar.  

Lista de cancións de de amor

  1. sae o sol
  2. a fin do mundo
  3. ondas sonoras de xúpiter (24/7) -con Juana-
  4. mario crush
  5. xogar contigo
  6. cupido
  7. a frecha
  8. bolboretas
  9. trapecista emocional
  10. o único medo que teño


Escoita de amor en https://links.altafonte.com/deamor-resacaemocional

Que é resaca emocional?

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde. 

  • Ash Diz: composición, voz, percusión tradicional, teclado, vídeo.
  • Berto Mira: composición, voz, guitarra, produción musical. 
  • Brais Iriarte: baixo, guitarra, voces en directo.
  • Diana Montserrat: danza.
  • Gala Rodriguez: escenografía, vídeo, foto.
  • Lorena Cachito: percusión, voces en directo. 
  • Noelia Mato: danza.
  • Rocio Campoy: debuxo, maquillaxe.
  • Zeltia Iglesias: deseño do logo, cartelería e tipografía.


Escoita ‘de amor’: dispoñible desde o 14.02.25

resaca emocional ao vivovídeo desde La Luthería