O venres 7 de febreiro de 2025 ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libroPaspartue,do coruñés Alex Pernas. Intervirán o propio autor, Alex Pernas, e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo sitúase na cuarta posición –xunto a Escenas do Cambio e The MOP Foundation– na listaxe de mellores iniciativas culturais galegas que anualmente elabora a prestixiosa Fundación Contemporánea
O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano
En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2023 acadou a 5º posición
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido una ano máis polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024,posto que comparte con outro festival, o de Escenas do Cambio de Santiago de Compostela, e con The MOP Foundation, coa súa exposición dedicada ao fotógrafo Irving Penn. Deste xeito, posiciónase, xunto a Escenas do Cambio, como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2024.
O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano. En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2023 acadou a quinta posición.
‘OBSERVATORIO DE LA CULTURA’
O mellor da cultura 2024
Fundación Contemporánea presentou este 29 de xaneiro os resultados da súa consulta anual correspondente ao ano 2024. O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano. O obxectivo principal de ‘Observatorio de la Cultura’ é visualizar a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de toda a xeografía española e en constante renovación, achegando o aval das e dos profesionais máis destacados do sector. Para facer esta consulta, enviouse un cuestionario a un panel conformado por 1.021 profesionais e figuras de primeiro nivel: escritoras, artistas, directoras e creadoras de todos os campos; responsables de fundacións, directoras de institucións culturais; produtoras e responsables de industriais culturais, comisarias de exposicións, directoras de festivais, xestoras culturais e profesionais do sector; así coma responsables de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal.
O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2025’ pódese descargar aquí:
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 33 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
Gala i Ovidio, o novo proxecto musical que une a Raül Refree, prestixioso músico e produtor e a Aida Tarrío, compoñente do recoñecido grupo Tanxugueiras, ve a luz co lanzamento de De maio a abril, primeira canción que dan a coñecer.
O proxecto rende homenaxe no seu nome aos fillos da escritora galega Rosalía de Castro. En 1871 a escritora galega Rosalía de Castro deu a luz en Lestrove aos xemelgos Gala i Ovidio. Aida e Raül atopáronse en 2021 no Pazo de Mariñán e pronto souberon que debían hermanarse nun proxecto musical.
Catro anos tardaron en darlle forma, entre procuras e gravacións, a Gala i Ovidio, un proxecto que se levou en segredo ata o día de hoxe. Os dous recoñecidos artistas coñecéronse para interpretar cancións tradicionais de Galicia e inspirados por elas foron atopando novos territorios onde a tradición intúese e os xéneros dilúense. A Raül gústalle dicir que Aida ten ás mulleres galegas dos últimos decenios na súa voz e que este arraigamento permítelles experimentar sen perder a identidade.
O primeiro adianto deste traballo conxunto recibe o nome de De maio a abril, unha canción composta e escrita polos dous compoñentes do proxecto e que é unha reafirmación da propia personalidade e maneira de ser fronte ás pequenas crises de identidade que nos axexan neste mundo dominado pola imaxe e o que dirán. A letra narra distintos episodios de intimidade cotiá nos que un se ve obrigado a reforzar a propia visión fronte ás forzas que nos empuxan a un pensamento único. A melodía, moi emocionante na voz de Aida, está arroupada por unha instrumentación onde o acústico vólvese electrónico e os ritmos que xorden da pel curada adquiren nova profundidade con malabarismos de produción. Aínda que pareza imposible, este dúo consegue que se den a man Oneothrix Point Never ou Kanye West con Dorothé Schubarth e a crueza dos seus arquivo para darnos unha nova visión que non necesita reivindicar a tradición para estar arraigada e emocionar como o facían as nosas avoas e como o farán os nosos netos.
Esta primeira canción, punto de partida de Gala i Ovidio, forma parte dun cancioneiro que compuxeron e escribiron a catro mans, xuntos, e que dará lugar diversos ep’s que sairán ao longo dos próximos meses.
Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.
Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”
Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.