Os Premios PALCO elixen a The Rapants como Artista do Ano e á Fundación Paideia como Persoa do Ano 2026

A directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais decidiu outorgar á banda de Muros o Premio a Artista do Ano 2026 porque representa unha das realidades máis estimulantes da música galega actual e é embaixadora dunha escena musical galega viva, contemporánea e con moito que dicir, ademais de ser un exemplo de como a conexión co público pode converterse nunha das grandes fortalezas dun proxecto 

Na categoría de Persoa do Ano, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora desta segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia xunto á Xunta de Galicia, seleccionaron á Fundación Paideia polo seu compromiso sostido coa industria musical galega e pola súa labor de acompañamento, formación e profesionalización cuxo valor é difícil de cuantificar, contribuíndo, desde un proxecto sin ánimo de lucro, a que o talento emerxente galego poida desenvolverse e atopar o seu lugar no sector

Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como proxecto gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2026, mérito que o festival pontevedrés acada por segundo ano consecutivo

A Asociación Galega de Empresas Musicais organiza así a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do martes, 3 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores no resto de categorías e se entregarán os galardóns a todos os e as premiadas

Os II Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, impulsados por AGEM e a Xunta de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, veñen de anunciar aos proxectos seleccionados pola Xunta Directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2026 nesta segunda edición dos galardóns. AGEM decidiu outorgar a The Rapants o Premio ao Artista do Ano 2026, mentres que, na categoría de Persoa do Ano 2026, foi elixida a Fundación Paideia.

Paralelamente, o público seleccionou por votación popular ao Surfing The Lérez como proxecto gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2026. A votación en liña finalizou o pasado martes, 27 de outubro, ás 23.59 horas, e a iniciativa máis votada nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi o festival pontevedrés, que acada o mérito por segundo ano consecutivo, seguida en número de votos por outros queridos proxectos como Gulliver Fest e Osa do Mar. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais busca recoñecer aqueles festivais, concertos, salas e proxectos musicais que destacan pola organización, a atención ao público, a accesibilidade, os servizos, o ambiente ou o coidado de cada detalle, poñendo ás persoas espectadoras no centro e ofrecendo unha vivencia inesquecible.

En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a The Rapants co galardón ao Artista do Ano nesta segunda edición dos Premios PALCO, os Premios da Industria Musical de Galicia, porque representan unha das realidades máis estimulantes da música galega actual”. 

E engade: “Coa creación de The Rapants Club, a banda de Muros foi quen de construír algo que vai moito máis alá dun disco ou dun concerto: unha comunidade na que o público se recoñece, coa que se identifica e da que quere formar parte. Encher o Multiusos Fontes do Sar cun proxecto propio, desde Galicia e cunha proposta dirixida especialmente a unha xeración nova, é un fito que merece ser celebrado e recoñecido. Demostra a capacidade do talento galego para mobilizar milleiros de persoas, crear referentes propios e conquistar espazos tradicionalmente asociados a grandes artistas estatais e internacionais”. 

Finalmente, destaca: ”The Rapants son hoxe embaixadores dunha escena musical galega viva, contemporánea e con moito que dicir, ademais dun exemplo de como a conexión co público pode converterse nunha das grandes fortalezas dun proxecto artístico”. 

Josiño Carballo anunciou, tamén, que “desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora de PALCO xunto á Xunta de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2026 á Fundación Paideia”, confirmando que este recoñecemento “responde ao seu compromiso sostido coa industria musical galega e a un labor de acompañamento, formación e profesionalización cuxo valor é difícil de cuantificar. Desde unha posición sen ánimo de lucro, Paideia leva anos ofrecendo ferramentas, oportunidades e apoio a artistas e proxectos emerxentes, contribuíndo a que o talento poida desenvolverse e atopar o seu lugar no sector”. 

“A achega da Fundación Paideia vai moito máis alá da formación: representa unha guía constante para quen comeza, unha oportunidade para adquirir capacidades profesionais e un impulso decisivo para que novas propostas musicais poidan medrar, gañar visibilidade e construír unha traxectoria”, engadiu Carballo. E concluíu: “Recoñecer á Fundación Paideia é recoñecer tamén a importancia de traballar colectivamente polo futuro da música galega, investindo nas persoas, no talento e nas condicións que fan posible unha industria máis sólida, preparada e sostible”.

Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional composto polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto ás e aos gañadoras e gañadores da pasada edición dos premios, seleccionou un total de 42 proxectos finalistas nos Premios PALCO 2026, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios. A noite do martes, 3 de novembro, daranse a coñecer os proxectos gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.

FINALISTAS DOS PREMIOS PALCO 2026

Iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas categorías xerais dos Premios PALCO 2026:

Mellor deseño de iluminación

Álvaro Moreno (The Rapants)

Gabriel Alvarado (Treixadura)

Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio)

Mellor implementación de son

Nerea Bello (Bala)

Ricardo Barroso (The Rapants)

Rubén Montes (Carlos Ares)

Mellor produción de servizos

Emsac  

Global Setup    

Kachet

Mellor profesional de produción

Adela Otero 

María Galdón

Olalla Camaño                                                

Mellor manager                                                         

Aitana Cuétara (Luneda)

Álvaro Creo (Off Stage)            

Alberto Lora & Carles Montalt (Galunk) 

Mellor produción discográfica

Dani Cornes e Crnds (Aquí sempre tes casa, Dani Cornes)       

Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras (O Cuarto, Tanxugueiras)   

Xoel López e Adrián Seijas (Oniria Popular, Xoel López)           

Mellor posta en escena

As dúas e punto (Tertúlia, Fillas de Cassandra)

Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio)        

The Rapants crew (Rapants Club)         

Mellor promotor / programador

Alberto Alfonso (Art Music Agency)      

David Pedrouzo (Todomedre)  

Suso Santamaría e Iván Viturro (A Pousada da Galiza Imaxinaria)          

Mellor proxecto de comunicación                                                    

EmigraSON 

Lucía Pita (Tertúlia, Fillas de Cassandra) 

PortAmérica     

Mellor identidade visual                                                                   

Julia Salgado Barca, Mar Suárez e Agustina Shuan (Anfibia por veces, Antía Muíño)

Melania Freire (De Ninghures)  

Zeltia Iglesias (Mondra)

Mellor videoclip                                                        

Daniel Pérez, El Membrillo (subir subir, Karmento & Mondra ft. El Nido)

Daniela Rey Faraldo (Simplemente, Candela Liste)

Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane (Non sei como, The Rapants)

Mellor evento cultural / musical                                                       

AC Fanto Fantini – Osa do Mar

PortAmérica

Resurrection Fest         

Mellor espazo musical                                                          

A Cofradía Taberna Cultural

Mardi Gras

Sala Rebullón   

Mellor proxecto de sustentabilidade

Arteficial          

PortAmérica

Sinsal

SOBRE THE RAPANTS, ARTISTA DO ANO NOS PREMIOS PALCO 2026

The Rapants é talento, actitude e diversión. Nada en Muros (A Coruña) no 2018, a banda do momento da escena galega surfea entre o pop, o garage e o disco cun directo “sen descanso”, coa intención de facer bailar, sen prexuízos, ao público.

A adrenalina que desprende The Rapants durante os seus concertos é unha das grandes bazas e clave do éxito do cuarteto, que nos últimos meses levou as melodías de herdanza disco e rock de La máquina del buen rollo (2024) -Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego-, por escenarios de toda a Península Ibérica. 


Logo de consolidar a identidade e a enerxía “rapante” tanto en salas de concertos coma en grandes festivais, o cuarteto muradán regresa con Rapants Club, un álbum que leva a súa música a outro nivel. Variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e retrousos pegadizos conflúen nun traballo que amosa a evolución do grupo, á vez que mantén, máis viva que nunca, a identidade rapante. 


(Rapants Club 2026)

La máquina del buen rollo (2024)

O corasón como un after (2023)

Cariña de raposo (2019)

The Rapants (EP) (2018)

SOBRE A FUNDACIÓN PAIDEIA, PERSOA DO ANO NOS PREMIOS PALCO 2026

A Fundación Paideia Galiza traballa na profesionalización da industria musical galega, impulsando iniciativas que promoven o talento emerxente e o acompañamento a artistas nas distintas etapas da súa carreira profesional. A través de Estudios Mans, ofrece formación, mentorías, gravación e promoción musical, contribuíndo ao desenvolvemento de novos proxectos e á súa consolidación na escena musical.

QUE É PALCO?

PALCO é o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, a través da Agadic e os Concertos do Xacobeo, co apoio do Ministerio de Cultura del Gobierno de España na organización de GALICIA CONECTA, da Deputación da Coruña na organización dos Premios PALCO e Mondo Sonoro Noroeste como medio oficial.

Terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro e reunirá a profesionais da industria musical arredor dunha programación pensada para compartir coñecemento, descubrir proxectos, atopar novas conexións e facer que xurdan oportunidades. 

Ademais do encontro, que se desenvolverá no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia os días 4 e 5 de novembro, PALCO acollerá, a velada do martes, 3 de novembro, na Sala Capitol de Compostela, a gala da segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO.

Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades para a música feita en Galicia, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento.

Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. 

Toda a información do proxecto pode consultarse na web www.palco.gal.

EQUIPO ORGANIZADOR DE PALCO

PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM –entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo– e a Xunta de Galicia. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.

SOBRE OS PREMIOS PALCO

No marco de PALCO, o primeiro encontro da industria musical que se celebrará en Galicia do 3 ao 5 de novembro, terá lugar, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.

Esta segunda edición dos Premios PALCO terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela a noite do martes 3 de novembro, a partir das 19.30 horas. Será un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega. 

Neste 2026, os Premios PALCO regresan dar resposta ao gran momento que está a vivir a música galega, cunha madurez e unha diversidade extraordinarias. En palabras de AGEM e a Xunta de Galicia: “queremos celebralo e agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o crecemento da nosa industria e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten o sector nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia. Un ano máis, os Premios PALCO pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico”.

Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.

AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.

Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia.

Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.

O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.

2026.10.29.NP-Premios-PALCO-2026-ARTISTA_PERSOA

O rock de Barcelos cruza a raia: Glockenwise presentan disco en Galicia esta fin de semana

Glockenwise estrea en España Vale tudo para chegar a algum lado con dous concertos en Vigo e Santiago

A banda rock de Barcelos presenta en directo o seu sexto LP este venres 30 de outubro en La Fábrica de Chocolate (Vigo) e o sábado 31 en Riquela Club (Santiago de Compostela)

Tras a estrea do disco no Theatro Circo de Braga, o cuarteto trae a Galicia as súas primeiras datas en España, nas que estará acompañado de Guilherme Zapata

Un traballo entre o art-pop e o rock que parte da Guerra do Caulino para preguntarse polos futuros que nos prometeron

Estrea do novo álbum de Glockenwise no Theatro Circo de Braga o 10 de outubro © Lais Pereira

▶︎  Escoita ‘Vale tudo para chegar a algum lado’

Glockenwise cruzan a raia para presentar por primeira vez en España Vale tudo para chegar a algum lado, o seu sexto LP. A banda de Barcelos, unha das máis salientables da escena rock portuguesa actual, ofrecerá esta fin de semana dous concertos en Galicia: o venres 30 de outubro en La Fábrica de Chocolate (Vigo) e o sábado 31 en Riquela Club (Santiago de Compostela). En ambas as citas, o grupo estará acompañado de Guilherme Zapata.

Os directos galegos chegan despois do concerto de estrea do álbum no Theatro Circo de Braga, o pasado 10 de outubro, e antes da presentación en Lisboa, na Culturgest, o 16 de decembro. Para Glockenwise son tamén un regreso a un público que xa os coñece: a banda tocou en Galicia en citas como o Festival Sinsal SON Estrella Galicia ou Osa do Mar.

Estrea do novo álbum de Glockenwise no Theatro Circo de Braga o 10 de outubro © Lais Pereira

Publicado o pasado 23 de setembro co selo da propia banda, Vida Vã, Vale tudo para chegar a algum lado chegou precedido dos sinxelos Vai dar e Guerra do Caulino. O disco continúa a viaxe do grupo polo art-pop sen renunciar á enerxía que os fixo coñecidos, e toma como punto de partida a Guerra do Caulino, o conflito veciñal que mobilizou a Barqueiros (Barcelos) arredor da explotación deste mineral, e que coincidiu no tempo co nacemento dos membros da banda.

A partir dese marcador cronolóxico, Glockenwise reflexionan sobre o futuro, as expectativas colectivas e a capacidade, ou a impotencia, de cadaquén para darlle forma. Así o explica o grupo: “Condenados a vivir nunha sala de espera, queremos indagar sobre o futuro. Queremos saber se somos o que no pasado proxectamos para o futuro, ou o que aínda estamos a tempo de intentar ser”. O álbum está dispoñible en todas as plataformas dixitais e en vinilo a través do Bandcamp da banda. As entradas para os dous concertos xa están á venda.

Glockenwise © Renato Cruz Santos

Glockenwise

Glockenwise é unha banda de Barcelos composta por Nuno Rodrigues (voz e guitarras), Rafael Ferreira (guitarras), Rui Fiusa (baixo) e Cláudio Tavares (batería). Nos seus quince anos de traxectoria actuaron nos principais festivais e salas do seu país (Paredes de Coura, MEO Kalorama, Tremor), pero tamén en grandes citas europeas. Ademais de Vale tudo para chegar a algum lado (2026), teñen editados Building Waves (2011), Leeches (2013), Heat (2015), Plástico (2018) e Gótico Português (2023).


Concertos de Glockenwise en Galicia

Vigo · Venres 30 de outubro

La Fábrica de Chocolate · 22:00 h · 15€ anticipada (18€ na billeteira)

Santiago de Compostela · Sábado 31 de outubro

Riquela Club · 21:00 h ·15€ anticipada (18€ na billeteira)

Entradas presentación ‘Vale tudo para chegar a algum lado’

Estrea de NA OUTRA BANDA, proposta gañadora do programa Da Man 2026, no Auditorio Municipal de Cangas

Na outra banda, a primeira creación escénica de formato completo de Chechu Riquelme, estrearase o vindeiro 14 de novembro, ás 20.00 h, no Auditorio Municipal de Cangas

Na outra banda é unha obra de danza contemporánea con música en directo que nace da experiencia migratoria e da necesidade de construír unha identidade lonxe da terra de orixe. A través do encontro entre a danza contemporánea, o baile tradicional galego e o folclore arxentino, a peza percorre tres momentos —A viaxe, A ferida e A convivencia— para reflexionar arredor do desarraigo, a memoria, a pertenza e a construción de comunidade.

Esta proposta foi a gañadora do programa Da Man 2026, unha iniciativa de acompañamento á creación emerxente en danza impulsada por Amarelo en colaboración co Centro Coreográfico Galego, dependente da AGADIC.

A creación está dirixida e interpretada por Chechu Riquelme, coa coreografía de Daniela López Álvarez, coreógrafa arxentina, e a música en directo de Xandre Outeiro. Conta tamén coa colaboración de Márcia Vázquez como ollada externa no proceso coreográfico, co deseño de iluminación de Héctor Pazos e coa distribución de Amarelo.

NOTA-DE-PRENSA-·-ESTREA-Chechu-Riquelme-_Na-outra-Banda

Gala-Concerto do Vº Concurso Manuel María de Composicións Musicais

Gala-Concerto da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais


A Casa-Museo Manuel María celebra o sábado, 31 de outubro, ás 17.30 hrs, a gala-concerto da fase final da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A esta fase final accederon cinco pezas seleccionadas entre o conxunto das presentadas a concurso: “Agora, que gastei os meus outonos”, de David Cuevas Sánchez; “Anceio”, de Marcel Chirilov Chirilov; “Morte” de Julio Montero Rodríguez; e “Agora, que é o tempo de soñar” e “Bolboreta”, ambas de Saúl Aguado de Aza.

A gala contará como intérpretes convidados os músicos galegos Patricia Rodríguez Rico, soprano, e Daniel Leiro Castro, pianista. O seu concerto constará de dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco pezas finalistas do certame, mentres que na segunda -ao tempo que o xurado estea a deliberar para determinar a canción gañadora- o público asistente poderá desfrutar dunha serie de pezas dos compositores Marcial del Adalid, Xoán Montes, Eduard Toldrà, Juan Durán e Antón García Abril baseadas en poemas de Fanny Garrido, Aureliano Pereira, Rosalía de Castro, Antonio Noriega Varela, Xosé Neira Vilas e Álvaro de las Casas.

Esta Gala-Concerto é de acceso libre e gratuíto até completar o aforo, mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.

Intérpretes:

Patricia Rodríguez Rico (soprano), titulada en Grao Medio de Piano e Superior na especialidade de Canto Lírico, completou a súa formación académica con tres títulos de Mestrados enfocados ao ámbito docente. Perfeccionou a súa formación vocal cos repertoristas Manuel Burgueras e Malcolm Martineu, e coas mestras Alicia Nafé, Ann Murray e Mariella Devia, entre outras. A súa versatilidade como solista abrangue a ópera, o oratorio e a zarzuela, cooperando tanto na Tempada Lírica da Coruña, como en diversas óperas representadas en San Martiño Pinario, en varias zarzuelas galegas en colaboración coas Bandas Municipais de Coruña e Santiago de Compostela, e tamén en grandes obras sacras como o Requiem de Fauré, A Mortuis Resurgere de Jorge Grundman ou As sete palabras de Cristo na Cruz de Dubois, entre outros. Actualmente compaxina os seus recitais cun sólido labor na docencia vocal, tanto solista como coral.

Daniel Leiro Castro (piano), iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Posteriormente formouse no Centro Superior de Música do País Vasco, especializándose en música de cámara. Ampliou a súa formación nos Países Baixos, onde realizou un Mestrado de Interpretación en Codarts, Universidade para as Artes de Róterdam. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional principalmente na música de cámara e a docencia, alén de contar cunha ampla traxectoria como pianista acompañante de coros en España e nos Países Baixos.

Camiño Escena Norte despídese de Galicia con dúas funcións en Arzúa e Vimianzo mentres o teatro galego continúa a súa xira

El gato con botas de agua representouse o venres 16 en Negreira © Miguel Lamas / CEN

O venres 30 de outubro, El Callejón del Gato e Tartean Teatroa pechan o Itinerario Constelacións en Galicia, que levou propostas escénicas de cinco comunidades a nove localidades da Coruña e Lugo

Teatro de Ningures, Teatro O Cubo e Ártika Cía. completarán en novembro as súas xiras por Navarra, Cantabria, Asturias e Euskadi

Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, pecha esta semana a súa programación en Galicia cunha dobre cita o venres 30 de outubro. A oitava edición, baixo o lema Latexos Escénicos, despídese despois de levar teatro, monicreques e ilusionismo a nove localidades das provincias da Coruña e Lugo.

A primeira das funcións terá lugar en Arzúa, onde a Capela da Madanela acollerá ás 18.00 horas El gato con botas de agua, da compañía asturiana El Callejón del Gato, Premio Oh! 2025 ao mellor espectáculo para a infancia. A partir do conto clásico, a montaxe combina teatro visual, monicreques e obxectos para reflexionar sobre os dereitos fundamentais da infancia. A entrada é libre ata completar a capacidade e, ao remate, haberá un encontro posfunción coa compañía.

Ese mesmo día, ás 20.30 horas, o Auditorio Municipal de Vimianzo recibirá ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa. Escrita e dirixida por Jokin Oregi, a obra parte da historia de Maddi, unha nena de oito anos que desde hai tempo mostra sinais de que algo non vai ben, para construír un retrato coral dos adultos que a rodean e unha reflexión sobre as presións que recaen na infancia. Os personaxes infantís nunca aparecen en escena: os adultos interactúan con eles, pero o público non os ve. As entradas están á venda (5€) na plataforma Woutick.

¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa, presentarase o venres 30 en Vimianzo
 

O teatro galego xira ata o 15 de novembro

Mentres CEN se despide de Galicia, as tres compañías galegas seleccionadas nesta edición continúan a súa xira polo Itinerario Constelacións. Teatro de Ningures levará As gardiás, ou o nó do tecelán, Premio da Crítica de Galicia 2025, a Zizur Mayor (Navarra) o 6 de novembro, a Unquera (Cantabria) o 7 e a Villaviciosa (Asturias) o 8. O 15 de novembro, data de peche da edición, Teatro O Cubo representará Voo en Sopela (Euskadi) e Ártika Cía. porá en escena Non pasarán en Corvera (Asturias). 

Toda a programación de Camiño Escena Norte está dispoñible na web oficial escenanorte.com, onde tamén se pode consultar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, que reúne 36 producións dos seis territorios.

Teatro O Cubo presentou Voo a semana pasada en Xixón © Pablo Albalá / Danza Xixón

Camiño Escena Norte

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo. 

Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.


CAMIÑO ESCENA NORTE · ÚLTIMAS FUNCIÓNS EN GALICIA

30.10.2026, 18:00 h | Arzúa. Capela da Madanela

El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias)

Teatro e monicreques · Público infantil e familiar (a partir de 2 anos) · 42 min

Entrada libre ata completar capacidade · Encontro posfunción co público

30.10.2026, 20:30 h | Vimianzo. Auditorio Municipal

¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi)

Teatro e novas linguaxes · Público adulto · 90 min · Función en castelán

Entrada: 5 € · Venda: Woutick

Sinopse El gato con botas de agua

Un barco de pesca en alta mar, unha tormenta e un rescate… A trama intemporal dun conto pode axudarnos a pasar a noite e chegar felizmente a porto. El gato con botas de agua é unha adaptación do conto clásico que reflexiona sobre os dereitos fundamentais da infancia: o dereito a un nome e a unha nacionalidade, á protección e ao coidado, á alimentación e a unha vivenda digna.

Sinopse ¿Dónde están los niños?

“Os nenos non lembran o que tratamos de ensinarlles. Lembran o que somos” (Jim Henson). 

Maddi, que é como se chama a nena da nosa historia, leva unha longa tempada amosando sinais de que algo non vai ben. Está inapetente, as súas notas na escola empeoraron considerablemente e na casa móstrase esquiva ante os intentos dos seus pais por saber que lle pasa. Finalmente deciden levala á consulta de Leire, a psicóloga. Porén, unha grave crise obriga a todos a enfrontarse ao acontecido. Sobre estes feitos aséntase unha dramaturxia que revela a presión á que son sometidos os nenos e nenas por unha sociedade crebada, cruelmente esixente e absolutamente depresiva.

Roteiro literario AIRE NEGRO o sábado 7 de novembro

O Instituto de Estudos Chairegos, a Biblioteca “Agustín Fernández Paz” do IES Basanta Silva e a Escola de Teatro, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan o Roteiro AIRE NEGRO, un paseo literario polos espazos do concello nos que transcorre a novela de Agustín Fernández Paz, dentro da Iniciativa 2026-2027: MIRADAS SOBRE AGUSTÍN.

O inicio do Roteiro terá lugar ás 10:00 horas do sábado 7 de novembro a carón da Biblioteca Municipal “Agustín Fernández Paz” de Vilalba, para proseguir polo barrio de As Fontiñas e por outros lugares do concello polos que transcorre a novela. Unha parte do percorrido será a pé, e outra, en autobús (posto polo Concello para facilitar os desprazamentos).

De regreso a Vilalba, terá lugar o xantar no restaurante NOVA RUTA, cun menú literario recollido das novelas de Agustín: CALDO, TROITAS FRITIDAS CON XAMÓN E CON VERDURAS, PATACAS E ENSALADA, QUEIXO CREMOSIÑO CON MARMELO. PREZO 35€.

NOTA-INFORMATIVA-ROTEIRO-AIRE-NEGRO