
A OFERTA PROMOCIONAL E LIMITADA ESTÁ XA DISPOÑIBLE DENDE 37€ EN FUMEGAFEST.COM E ENTERTICKET
O festival Fumega Fest vén de desvelar a distribución por días da súa segunda edición, seguindo coa súa aposta por traer ao Parque do Pasatempo de Betanzos a algún dos mellores nomes a nivel europeo do Stoner Rock e o Doom Metal, nun evento que terá lugar os próximos días 26 e 27 de xuño.
A primeira xornada estará marcada pola presenza da exclusiva banda británica Conan, que xunto a Burst (Suecia), Men Eater (Portugal), Luciférnaga (Vigo) e Travo (Portugal) abrirán por todo o alto o venres. Por outra banda, o sábado, derradeira xornada do festival, estará protagonizada pola presenza dos ucraínos Stoned Jesus, que compartirán escenario con bandas como Wet Cactus (Cantabria), Volcanova (Islandia), Moura (A Coruña) e Causa Sui (Dinamarca). Desta maneira, o evento segue afianzando o status como unha das grandes referencias do xénero na Península Ibérica, así como o principal evento do mesmo no estado español.
Os ritmos intensos, as guitarras distorsionadas e as atmosferas sonoras encherán de novo Betanzos tras o bo sabor de boca da súa primeira edición, celebrada o pasado verán. Recuperando o espírito rockeiro e metaleiro do Parque do Pasatempo, o festival busca seguir dando pasos cara asentarse como evento referencia na Península Ibérica para os xéneros saídos do rock e o metal alternativos.
ENTRADAS DE DÍA XA Á VENDA
Co anuncio da distribución por días do cartel, o festival ten xa á venda as entradas de día, cun prezo promocional e limitado de 37€, que se suman aos abonos dispoñibles dende 62€ na páxina web do festival, www.fumegafest.com e Enterticket.es. Tamén está dispoñible o acceso á acampada, que ten un custo de 22€ e acceso os dous días de festival.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, responsables de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Hugo Guezeta, Vimbio ou Sabela. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e a colaboración de Liporca.
COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST
VENRES 26
Un dos nomes máis exclusivos desta nova edición do Fumega Fest, Burst, será un dos principais reclamos da primeira xornada do festival. A banda sueca de metal progresivo que, tras anos de evolución e pausas indefinidas, volven para seguir vendo como medra a súa reputación e respecto na industria grazas a discos aclamados e directos poderosos, combinarán atmosferas expansivas, ferocidade metálica e grandes grooves no Parque do Pasatempo.
Xunto a eles, estará Conan, banda británica de doom metal formada en Liverpool, coñecida polo seu son extremo, distorsionado e afinacións profundamente baixas. Convertéronse nun referente absoluto do xénero, chegando a ser descritos como “títáns da escena doom metal”.
Por primeira vez no festival, haberá presencia do país veciño con dúas agrupacións portuguesas na xornada do venres, contando con Men Eater, banda punteira da escena rock/metal xa catalogada como unha das formacións máis impactantes do país. Xunto a eles, actuará Travo, outra das bandas máis potentes da escena rock, caracterizados polos seus sons que combinan psych rock, stoner, garage e enerxía punk.
Pechando esta primeira xornada estará unha das grandes agrupacións galegas, Luciférnaga, banda viguesa que destaca polos seus sons pesados e envolventes, que beben do doom e do stoner metal, explorando a escuridade humana a través de riffs densos e letras introspectivas.
SÁBADO 27
Un dos grandes nomes desta edición, que encabezará a xornada do sábado, é Stoned Jesus, banda ucraína formada en Kyiv en 2009. Cunha traxectoria de case 500 concertos por Europa e Sudamérica, compartiron escenarios con bandas lendarias como Black Sabbath, Deep Purple, Rammstein, Slayer ou Gojira. Sempre en evolución, Stoned Jesus continúa explorando novos camiños sonoros, consolidando un son propio que mestura doom, prog e grunge.
Xunto a eles estará Causa Sui, banda danesa que leva en activo dende o 2005. Tras dous primeiros discos de heavy-psych, evolucionaron cara sons máis experimentais e instrumentais, con influencias que van desde o Miles Davis eléctrico ou o stoner-rock americano. O seu estilo foi definido como unha gran onda que percorre cinco décadas de rock, creando paisaxes sonoras expansivas e hipnóticas que os consolidan como unha referencia esencial da psicodelia contemporánea.
O festival tamén contará nesta segunda xornada con algúns dos grandes nomes da escena estatal e galega como é Wet Cactus, banda cántabra que se move entre o stoner máis clásico e o grunge dos noventa, formada no verán de 2013, así como Moura, banda coruñesa que aposta pola fusión de rock progresivo, psicodelia e folclore tradicional, creando unha experiencia sonora case ritual.
A nota máis exótica, para pechar a derradeira xornada de festival, apórtana Volcanova, que chegarán dende Islandia co seu stoner rock cheo de fuzz, grooves poderosos e harmonías vocais a tres voces.
20260408-NP-GAL-CARTEL-POR-DIAS-FUMEGA-FEST-2026