
A ARTISTA OBTÉN ESTA NOMINACIÓN POLA SÚA CANCIÓN NON CHO PODO DAR XUNTO A MARÍA ESCARMIENTO NA CATEGORÍA DE MELLOR CANCIÓN EN GALEGO/ASTURIANU
A cantante galega Sabela volve a obter un novo recoñecemento a nivel estatal co anuncio de finalista a Mejor Canción en Galego/Asturianu por Non cho podo dar, o seu tema xunto a María Escarmiento, nos Premios de la Academia de la Música de España. Esta mañá déronse a coñecer os finalistas destes galardóns outorgados pola Academia, formada por artistas, autores, produtores, editores, xestores, promotores e outros profesionais do sector co fin de estimular e proclamar a excelencia, a solidariedade, o talento, o traballo e o esforzo entre a comunidade musical do estado.
Este recoñecemento é o segundo consecutivo nestes premios, tras ser recoñecida con Hi, My Love o pasado ano na mesma categoría. Nesta ocasión, a de Ourol comparte candidatura xunto coas seguintes artistas e cadansúas cancións:
- Tanxugueiras – As que nunca cantaron
- Fillas de Cassandra – Hibernarse
- Sen Senra – Padiante
- Tanxugueiras & Caamaño&Ameixeiras – Ghatiña Mansa
- Sabela & María Escarmiento – Non cho podo dar
O período de votación estará aberto dende o 10 de abril ata o 30 do mesmo mes, para que os membros da Academia con dereito a voto poidan seleccionar aos proxecto gañadores das 43 categorías.
Desde a súa primeira edición, celebrada en 2024, os Premios de la Academia de la Música de España teñen como fin celebrar e destacar o talento, o esforzo e a paixón dos profesionais da música. Os galardóns recoñecen un amplo espectro do sector, desde a música en vivo, ata disciplinas técnicas, como o deseño de álbums, a produción ou a enxeñería de son, converténdose así nos galardóns máis completos e representativos do panorama musical estatal. A gala de premiación desta terceira edición terá lugar o 26 de maio nunha cerimonia emprazada no Palacio de Congresos de IFEMA de Madrid.
NON CHO PODO DAR, FOCUS TRACK DO EP BRÍLLANCHE OS OLLIÑOS
Non cho podo dar foi a canción destacada de Bríllanche os olliños, último EP publicado por Sabela. Un tema que viu a luz en colaboración con María Escarmiento. Esta unión entre dúas amigas deu como resultado un tema de pop con sons máis ambientais e retrousos instrumentais, pero cun ton moito máis directo. Nel, Sabela e María xogan coa idea de amar fóra do socialmente establecido, reivindicando que sentir nunca é un erro, por moito que desafíe as normas impostas. O tema nace desa capacidade inmensa de amar máis alá do permitido, de amar sen culpa; desa honestidade que leva a cuestionarse se o problema está en quen sente ou en quen impón os límites. Ao longo do tema extráense referencias aos mitos das sereas: mulleres libres, temidas e xulgadas por ser diferentes.
Este novo nomeamento non fai máis que redondear un proxecto que está obter recoñecemento en numerosos premios. Baixo o EP de Bríllanche os olliños, a cantante obtivo o Premio Martín Códax da Música 2025 na categoría Pop/Indie, así como foi finalista nos Premios de la Academia de la Música 2025 na categoría de Mejor Canción en galego/asturianu/bable ou nos Premios Mestre Mateo en 2025 e 2026 por Hi, My Love e Non cho podo dar respectivamente. Acumulando xa máis de medio millón de escoitas en plataformas, Sabela está presentar este novo traballo en directo cos primeiros concertos do seu Brillante Tour, que xa pasou por Bruxelas (Bélxica) no marco do recoñecido Festival EmigraSon e que xa ten as seguintes datas anunciadas:
XIRA BRILLANTE TOUR
09/05 · La Conservera · Viveiro (Lugo)
26/06 · Galicia Fest · Vigo
29/08 · Festival de la Luz · Boimorto (A Coruña)
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, Sabela presenta o seu novo EP, Bríllanche os olliños, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti, A quen ignora e Non cho podo dar, en colaboración con María Escarmiento, son os temas que o compoñen.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Bríllanche os olliños, último traballo discográfico de Sabela, vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.
20260407-NP-GAL-SABELA-FINALISTA-PREMIOS-DE-LA-ACADEMIA-DE-LA-MUSICA
