O vindeiro venres 23 de maio no Museo Camilo José Cela de Iria Flavia (Padrón), terá lugar a actuación de peche do programa Letreseo, organizado pola Fundación Camilo José Cela e que este ano celebra unha edición especial, xa que se cumpre o trixésimo aniversario da concesión do Premio Cervantes ao autor iriense.
Antía Muíño é unha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut con case 2 millóns de reproducións e ela foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (New York).
O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, unha viaxe entre estilos perfectamente guiada pola súa máxica voz. Na súa aínda curta carreira, actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid) ou Os Xoves de Códax (Cambados), entre moitos outros, e colabora habitualmente con artistas como Baiuca ou Xabier Díaz.
Ao vivo, Antía acompaña a súa voz ás veces de guitarra clásica e ás veces de pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional. Completan o cuarteto Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco ás percusións e Yudit Almeida ao contrabaixo.
Neste concerto especial do LETRESEO, suma novo repertorio ás aclamadas cancións de “Carta Aberta”, como os seus máis recentes sinxelos e algunhas novas achegas da tradición oral.
Noia Harp Fest convoca a cuarta edición do Portus Apostoli, que aumenta a contía do premio, dirixido a ampliar o repertorio para arpa e orquestra de cordas
A creadora ou creador da obra gañadora do Premio Internacional de Composición promovido polo NHF da man do Concello de Noia recibirá 4.000 euros e o apoio do festival para e a súa estrea oficial no ano 2026
A duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 30 de xullo ao 2 de agosto e a súa programación oficial darase a coñecer publicamente o martes 3 de xuño
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, cuxa duodécima edición terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto, vén de publicar na súa páxina web as bases da convocatoria da cuarta edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador organizado polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, coa intención de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que de cara a esta nova edición ampliará a súa contía económica (a achega pasará de 2.500 a 4.000 euros), suporá tamén a estrea ao vivo da obra no ano 2026 co apoio do único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa. A convocatoria está aberta desde hoxe, martes 20 de maio, e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Na terceira edición do Portus Apostoli, da que resultou gañador o arxentino Federico Beilison coa peza Cuatro historias gallegas (o fallo deuse a coñecer o pasado mes de febreiro) presentáronse unha ducia de composicións chegadas de países como Alemania, Austria, Colombia, Estados Unidos ou Finlandia, entre outros. Nas vindeiras semanas o Noia Harp Fest dará a coñecer os detalles da estrea da obra do compositor e guitarrista arxentino, da que o xurado salientou “a súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa”, ademais de destacar os “múltiples recursos utilizados para corda” polo seu autor. A estrea mundial de Cuatro historias gallegas é unha das novidades que o festival dará a coñecer proximamente, alén da presentación oficial da súa programación ao completo, que terá lugar o martes 3 de xuño.
Bases para participar no Portus Apostoli
Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Os materiais (un arquivo comprimido coa partitura da parte de arpa e outra xeral, ademais dun ficheiro en .mp3 ou .wav) poderanse enviar até as 24 horas do 23 de decembro de 2025. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. Tanto a obra gañadora como a que se corresponda coa mención de honra (sen contía económica), daranse a coñecer o 15 de febreiro de 2026 e poderanse escoitar por vez primeira ao vivo nun concerto especial que se celebrará da man do Noia Harp Fest.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. Polo de agora, xa se coñecen os primeiros nomes que participarán nesta edición: Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill e a banda galega D’Súpeto, liderada polo arpista José Álvarez, que se estreará como formación no festival. O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
O dpmingo 25 de maio ás 16 h inaugurarase a exposición CORREDORES SAGRADOS, da artista canadense Lisa Tognon, coa colaboracion do IEU, a residencia de artistas palense O Picho e o concello de Palas de Rei. Contarase na inauguración coa intervención da escritora canadense Claire Varin. A exposición pèrmanecera aberta ata o 5 de xullo.
Das 18 ás 21 h O Picho invítanos a participar nas súas instalacións a un acto no que se presentarán outras obras de Lisa Tognon.
SOLE FELLOZA CONTA ESTE SÁBADO, EN DISTINTAS LOCALIZACIÓNS DE OUTEIRO DE REI, HISTORIAS ESCRITAS POR MANUEL MARÍA.
Este sábado, día 24 de maio, desde a Casa-Museo Manuel María convidan a un roteiro imaxinario por Outeiro de Rei e a Terra Chá da man da narradora oral Sole Felloza. Un roteiro imaxinario que que se realizará no transcurso dun paseo polo mesmo san Xoán de Outeiro de Rei, parroquia natal de Manuel María e onde se encontra a Casa-Museo. Durante a paseo faranse paradas no adro da igrexa, no campo de Santa Isabel, na desembocadura do regato do Cepelo no río Pequeno…, momentos en que Sole Felloza aproveitará para contar algún dos relatos escritos por Manuel María.
A actividade comezará ás 18 hrs, con saída da Casa-Museo. A dificultade é baixa en relación co itinerario da camiñada e vai dirixida para o público adulto e xuvenil.
Sole Felloza é actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén disto, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.
A actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.
Concerto de Faia no Teatro Principal de Santiago de Compostela Rocío Cibes 24/04/25
A cita, que comezará ás 20.30 h e que organiza a Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, será de acceso libre ata completar capacidade
A Coruña será a terceira cidade en descubrir en directo o novo traballo de FAIA que vén de ser nomeado finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional
FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, este xoves, 22 de maio na Coruña. A partir das 20.30 horas, na Sala Cubo de Normal, o público terá a oportunidade de descubrir un traballo complexo e sutil nun directo acústico no que FAIA estará acompañada pola arpista bretoaBleuenn Le Friec. O concerto, con entrada libre ata completar capacidade, está organizado pola Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2025.
Alvela consta de dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
FAIA recala na Coruña logo de presentar Alvela en Santiago de Compostela e mais Lugo. O segundo álbum de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. En abril presentou Alvela, o seu segundo traballo que é finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ NA CORUÑA
22 de maio de 2025, ás 20.30 horas
Sala Cubo de Normal [Paseo de Ronda, 47 – A Coruña]
Pascual, o fillo do taberneiro, foi o único da aldea que o viu marchar. Estaba á porta da tasca fumando, cando, ás once da mañá, hora na que o veciño adoitaba tomar o café con puntualidade británica, notou algo estraño. Xusto cando ía entrar para prepararllo, decatouse de que Xenaro, era así coma se chamaba, arrastrando unha maleta continuaba de largo sen tan sequera mirar para el nin saudalo. Estrañoulle o feito xa que era raro que saíra da aldea e menos cunha maleta de viaxe. Irá visitar os parentes de Santiago, pensou. Acabou de fumar e volveu para detrás da barra, quedaba aínda moita xornada por diante.
Pasaron os días e ninguén sabía nada del. Só o que Pascual lles contara daquela mañá en que o viu marchar. Na aldea tíñano coma unha persoa un tanto especial, un pouco rara. Era certo que falaba con todos os veciños cando se cruzaba con eles, pero o xusto, o suficiente para lle permitir levar unha vida solitaria e independente. A súa única rutina social consistía en tomar un café na tasca ás once da mañá e outro ás seis da tarde, sempre puntual. Dez minutos de conversa con Pascual e nada máis. Por iso, a súa ausencia apenas se notou e, co paso dos días, fóronse esquecendo del.
Xenaro era fillo dun médico moi apreciado polas xentes da bisbarra, completamente oposto ao seu fillo. Sociable e falangueiro, sempre estaba disposto a botar unha man a quen o necesitase. Se alguén precisaba dos seus servizos e non tiña recursos, non lle cobraba a consulta. Xenaro, acabou a carreira de dereito en Santiago, pero nunca exerceu de avogado nin se dedicou a outro oficio. A súa vida reducíase a dar longos paseos polos camiños e polo monte, ou a quedar na casa horas e horas lendo.
Á morte dos seus pais quedoulle unha boa fortuna coa que poder vivir o resto da vida sen traballar. O seu pai, como dixen, médico, e a súa nai profesora de Matemáticas no instituto de Melide, levaran unha vida sinxela e sen grandes gastos, deixándolle unha boa herdanza. Por outra parte, tampouco necesitaba moito, con ter para comer, para os cafés de mañá e tarde, e comprar de vez en cando un libro, xa lle chegaba. Gastaba o mínimo en roupa e outros caprichos e carecía de vicios.
Aquela mañá que Pascual o viu pasar por diante da taberna, Xenaro erguérase coma sempre ás sete da mañá. Despois de asearse e tomar o almorzo, soubo que aquel non ía ser un día calquera. Algo lle rondaba polo caletre desde ía uns días, e ao rematar de tomar o seu vaso de cola cao con galletas, foi consciente de que chegara o día, aos seus cincuenta e catro anos, de deixar a aldea de novo e saír polo mundo adiante. Preparou a maleta con só o imprescindible e ao aproximarse as once botouse a camiñar sen rumbo fixo. Tanto lle daba un destino como outro. Durmiría onde lle acaera mellor: hoxe nunha pensión, mañá nun pendello, pasado mañá ao ar libre.
Moitos meses antes de tomar esta decisión adicárase a memoriza todos os poemas de “Viaxe ao país dos ananos” de Celso Emilio Ferreiro, así coma a obra completa de “Cien años de soledad” de García Márquez. Inspirouse nos personaxes de Ray Bradbury en Fahrenheit 451, que, ao prohibirse os libros, decidiron aprender de memoria tantas obras como puideran para preservalas no futuro.
Porén, a motivación de Xenaro non era a mesma. Os libros aínda non estaban prohibidos, todo se andará. Quixo aprender estas dúas obras para, cando lle apetecese, recitalas e compartilas con quen quixese escoitalo.
E iso é o que fai agora. Chega a unha cidade, elixe un lugar axeitado e como os músicos ambulantes, pero sen guitarra nin acordeón levanta a voz. Deixa que os versos de Ferreiro e os capítulos de Márquez reverberen polas prazas, polas rúas ou calquera outro recuncho das vilas e cidades que visita.
O seu único recurso, unha lousa, onde todas as mañás ao erguerse escribe o programa da xornada, que comeza as once e remata sobre as oito da tarde, coas pausas para comer e descansar: