
A montaxe escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Andrés Lima chega este sábado a Carballo en estrea en Galicia, xunto a outras interesantes propostas como Cosas pequeñas, de PSiRC, e Doce metros cuadrados de piel, de La Rueda Teatro Social
Do mércores 14 ao domingo 18, o FIOT ofrecerá teatro, creación experimental, micro-escenas, propostas para a mocidade e o público familiar, ademais dunha homenaxe a Manuel Lourenzo e actividades de encontro coa comunidade
No marco das Residencias Paraíso de RPM, este xoves 15 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, con acceso libre, chegará o ‘work in progress’ Asoballada por fentos, do artista e investigador galego Álvaro Corral Cid, unha revisión crítica da memoria folclórica
O X Certame de Micro-Escenas M² continúa este sábado 17 con novas propostas de microteatro en espazos non convencionais, mentres que o FIOTeen ofrecerá este mércores 14 unha función escolar do multipremiado espectáculo Caballito de mar
No marco das actividades paralelas do festival, o sábado 17 o FIOT festexará unha sentida homenaxe a unha figura fundamental do teatro galego, coa inauguración dunha exposición e unha conversa Arredor de Manuel Lourenzo. A pegada que continúa
Todos os detalles desta 35ª edición do FIOT poden consultarse na páxina web do festival, www.fiot.gal, mentres que as entradas para as diferentes liñas da programación aínda dispoñibles poden adquirise a través de Ataquilla.com
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, afronta a súa cuarta semana de programación cunha axenda que, do mércores 14 ao domingo 18 de outubro, volverá reunir en Galicia destacadas propostas da escena contemporánea, creación emerxente e actividades para públicos de diferentes idades. Un dos grandes momentos chegará este sábado coa representación de Libres!!!, unha montaxe escrita por Esther F. Carrodeguas, dirixida polo Premio Nacional de Teatro Andrés Lima e protagonizada por Alba Flores, que se poderá ver por primeira vez en Galicia da man do FIOT.
A semana contará tamén coa estrea en Galicia de Cosas pequeñas, de PSiRC, unha proposta multidisciplinar que combina circo contemporáneo, teatro de obxectos e poesía visual; e con Doce metros cuadrados de piel, de La Rueda Teatro Social, unha interesante creación de teatro comunitario e interxeracional arredor dos corpos, os afectos e a sexualidade. O programa complétase con novas propostas do OTNI, o FIOTeen, o Certame de Micro-Escenas M² e o FIOT en Ruta, ademais dos obradoiros en paralelo e unha homenaxe a Manuel Lourenzo.
O FIOT35 continúa así cunha resposta moi positiva do público, que xa desde os inicios do festival agotara máis do 90% do aforo dispoñible para as súas propostas escénicas e de mediación nesta 35ª edición. O FIOT quere agradecer a confianza e a fidelidade das persoas espectadoras que, desde finais de setembro, están a acompañar esta nova entrega do ‘corazón do teatro en Galicia’ e a contribuír a converter Carballo nun punto de encontro arredor das artes escénicas.
ALBA FLORES PROTAGONIZA UNHA REIVINDICACIÓN DA UTOPÍA E DA LIBERDADE
O sábado 17 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, o Programa de Sala recibirá Libres!!!, de Teatro del Barrio e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, unha montaxe que chega a Galicia por primeira vez.
A obra recupera a memoria de Mujeres Libres, a organización anarcosindicalista que, durante a Guerra Civil, defendeu a emancipación feminina, o antifascismo e a revolución social. Nun presente saturado de discursos de colapso e distopía, a dramaturga galega Esther F. Carrodeguas reivindica a potencia da utopía alegre e trae ao escenario a aquelas mulleres ousadas e rebeldes que desafiaron as normas e loitaron pola liberdade e a igualdade.
Con dirección do Premio Nacional de Teatro Andrés Lima e coa actriz Alba Flores á fronte do elenco, a proposta constrúe un cabaré anarcosicalíptico no que se mesturan humor corrosivo, música e cancións para recuperar a memoria dunha loita colectiva e preguntarse que queda hoxe daquela rebeldía, daquela alegría de vivir e daquela vontade de cambiar o mundo.
Xunto a Alba Flores, forman parte do reparto Laura Galán, Nüll García e Eva Valdelomar. Libres!!! conecta así coa liña temática do #FIOT35, que baixo o lema «Cando todo cae, ven ao teatro» propón mirar o colapso non só como unha caída, senón tamén como unha oportunidade para imaxinar outras realidades e transformar o presente.
O OTNI ACHEGA ‘ASOBALLADA POR FENTOS’, DA MAN DO COLETIVO RPM
O xoves 15 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura, o ciclo OTNI presentará o ‘work in progress’ Asoballada por fentos, no marco das residencias Paraíso de RPM, do artista e investigador galego Álvaro Corral Cid, unha mostra aberta do proxecto desenvolvido durante a súa residencia artística en Carballo.
A proposta, situada entre o concerto e a conferencia performativa, combina arquivo e performance co acompañamento musical de Gabi Reboredo para convidar o público a revisar os materiais da memoria folclórica galega e os arquetipos construídos arredor da identidade cultural. A través de elementos como as muiñeiras, os bordados ou os noticiarios cinematográficos, Corral Cid investiga a instrumentalización das músicas, as danzas e o folclore durante o franquismo e a súa proxección nos modos contemporáneos de reproducir culturas enxebres.
Asoballada por fentos representa o espírito do OTNI, unha das liñas máis singulares do FIOT, dedicada a propostas que exploran os límites da creación escénica e que permiten ao público achegarse a procesos artísticos en desenvolvemento. A entrada é gratuíta.
‘COSAS PEQUEÑAS’, CIRCO CONTEMPORÁNEO E POESÍA VISUAL NO OTNI
O venres 16 de outubro, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, será a quenda de Cosas pequeñas, de PSiRC, unha proposta que chega por primeira vez a Galicia e que combina circo contemporáneo, teatro, teatro de obxectos, microcine e poesía visual.
Nun soto cheo de pantallas e cámaras ocultas, un home de corenta e tantos anos, cámara fracasado e malabarista líquido, observa o mundo a través das súas lentes dixitais e analóxicas. Ante o avance das máquinas e o poder dos algoritmos, propón unha reinvención e unha nova maneira de mirar. A pregunta que atravesa a peza é tamén unha das grandes cuestións do noso tempo: mentres as máquinas aprenden a pensar, que nos fai verdadeiramente humanos?
Interpretada por Adrià Montaña, a montaxe constrúe un universo íntimo e inquietante que combina movemento, humor delicado e experimentación visual. PSiRC conta cunha sólida traxectoria no circo contemporáneo, con espectáculos premiados e xiras por Europa e América.
O X CERTAME M² CONTINÚA CON ‘FOGAR’ E ‘A CASA DO AVÓ’
O sábado 17 de outubro, o FIOT volverá levar as artes escénicas a espazos cotiáns de Carballo coa segunda xornada do X Certame de Micro-Escenas M², unha iniciativa pioneira en Galicia que aposta polos formatos de pequeno tamaño, a experimentación e a proximidade entre artistas e espectadores. Entre as 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas, poderán verse dúas novas pezas finalistas, ambas en estrea absoluta.
No Xardín Rosalía de Castro, a compañía La Tercera presentará Fogar, unha creación colectiva que parte da historia de Claudia, unha muller farta da cidade que decide mudarse ao campo. Alí atópase con personaxes e situacións inesperadas que lle permiten cuestionar os prexuízos e estereotipos asociados ao choque entre o rural e o urbano. A través da comedia, as máscaras e o teatro físico, a compañía propón mirar os demais desde unha perspectiva diferente.
Na tenda de segunda man Buy & Sell, Candil Teatro presentará A casa do avó, de Jimmy Núñez. A peza parte da venda dos obxectos dunha casa familiar tras o falecemento do avó para reconstruír a historia dunha familia rota por unha herdanza e dun home que trata de comprender o pasado mentres carga co peso das lembranzas. A través dos obxectos que atopan —ou non— un novo dono, a montaxe convida a reflexionar sobre a memoria, o consumo e as vivencias que permanecen nos bens aos que damos unha segunda vida.
O Certame M² reafirma así a aposta do FIOT pola creación emerxente e polas experiencias teatrais inmersivas, que sitúan o público a poucos metros da escena e transforman os espazos habituais da vila en lugares para a ficción.
UNHA HOMENAXE A MANUEL LOURENZO E A PEGADA QUE CONTINÚA
O sábado 17 de outubro, ás 17.00 horas, no vestíbulo do andar 0 do Pazo da Cultura, inaugurarase a exposición Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, unha homenaxe a unha figura fundamental do teatro galego.
A mostra enmárcase nas actividades paralelas do FIOT e súmase ao recoñecemento da traxectoria dun dramaturgo, actor e director cunha profunda pegada na creación escénica e na cultura galega. A exposición poderá visitarse durante os días de programación, xunto á mostra Zoom FIOT 2025, que continúa aberta de 17.00 a 21.00 horas.
‘CABALLITO DE MAR’, SOBRE A DIVERSIDADE, OS AFECTOS E A LIBERDADE DE SER
O mércores 14 de outubro, ás 11.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, o FIOTeen ofrecerá unha función escolar de Caballito de mar, de Flyhard Produccions, unha proposta que aborda a diversidade, os afectos e a liberdade de ser.
Martí ten vinte anos e iniciou a súa transición hai un ano, cando comezou a tomar testosterona para modificar o seu corpo. A súa vida dá un xiro inesperado cando descobre que está embarazado. Mentres toma unha decisión, reflexiona sobre o seu corpo, a súa transición e os códigos de xénero establecidos.
Escrito por Pau Coya e dirixido por Rebeca del Fresno, este monólogo interpretado por Marc Torres vai máis alá do embarazo adolescente non desexado e da visibilidade das identidades non cisheteronormativas para converterse nunha celebración de todos os corpos. Ao remate da función haberá un encontro coa compañía, unha oportunidade para afondar nas cuestións que suscita a obra e favorecer o diálogo co público mozo.
‘AS AVENTURAS DE NABIZA GIRL’ E ‘DOCE METROS CUADRADOS DE PIEL’, TAMÉN NO FIOT
O domingo 18 de outubro concentrará dúas propostas que, desde linguaxes moi diferentes, convidan a cuestionar os modelos sociais e a mirar o mundo desde outras perspectivas.
Ás 18.00 horas, no Centro Social de Verdillo, o FIOT en Ruta recibirá As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante, de Isabel Risco. A superheroína galega regresa acompañada do seu inseparable Don Galizo para enfrontarse a unha nova misión: salvar a cultura. Interpretada por Isabel Risco e Alberte Bello e dirixida por Fran Rei, a proposta mergulla o público nunha sucesión de situacións disparatadas nas que o humor, a retranca e a sátira serven para reivindicar o feminismo, a lingua e o medio ambiente. Unha comedia irreverente que confirma o regreso dunha das heroínas máis singulares do teatro galego.
Xa ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, será a quenda de Doce metros cuadrados de piel, de La Rueda Teatro Social, unha montaxe que chega por primeira vez a Galicia e que explora os misterios do corpo, o desexo, a sexualidade e a identidade ao longo das distintas etapas da vida.
Seis persoas, tres novas e tres maiores, comparten historias, humor, praceres, cicatrices e experiencias para reflexionar sobre como habitamos os nosos corpos e como cambian os afectos co paso das décadas.
A proposta nace do proxecto de mediación e creación interxeracional Morderse la lengua, arredor da sexualidade, e conta coa participación de persoas de diferentes idades. A función en Carballo incorpora así o traballo desenvolvido coa comunidade, nunha experiencia escénica que busca abrir espazos de diálogo sobre cuestións que atravesan todas as xeracións.
MÁIS DO 90 % DAS ENTRADAS XA ESGOTADAS DESDE PRINCIPIOS DE OUTUBRO
O FIOT quere agradecer a grandísima resposta e a fidelidade do público, que está a acompañar o festival desde o inicio desta 35ª edición e que confirma, un ano máis, a súa vinculación coas artes escénicas e co proxecto cultural de Carballo.
A 8 de outubro, o festival tiña postas á venda 5.479 entradas correspondentes a 28 dos 43 espectáculos programados. Nese momento soamente quedaban dispoñibles 516 entradas, o 9,42 % do total, un indicador da boa acollida que está a ter a programación, con máis do 90% do aforo xa esgotado cando aínda restaban catro semanas de programa. Cabe mencionar que parte da programación conta con acceso gratuíto ou libre, polo que non está incluída neste cómputo de entradas.
O FIOT quere lembrar, tamén, que, aínda que as entradas estean esgotadas, en practicamente todos os espectáculos poden aparecer algunhas localidades adicionais na billeteira do Pazo da Cultura, aberta 90 minutos antes do inicio da función. Trátase dun número moi reducido de entradas procedentes de reservas de protocolo anuladas pola compañía, de abonados que comunican que non poderán asistir ou de butacas reservadas para persoas con discapacidade que finalmente non foron adquiridas e poden volver poñerse á disposición do público. Por iso, o festival anima as persoas interesadas a consultar a dispoñibilidade de cada espectáculo e, cando corresponda, achegarse á billeteira antes da función.
Máis aló da dispoñibilidade de entradas, o FIOT inclúe propostas con entrada gratuíta ou libre, entre elas as seis pezas do Certame Micro-Escenas M², as actividades do FIOTeen e o work in progress de Álvaro Corral Cid, así como as catro propostas de Teatro de Rúa e outras actividades puntuais. Deste xeito, o festival continúa ofrecendo diferentes vías de acceso á creación escénica e de participación na vida cultural da vila.

UNHA COIDADA SELECCIÓN CO MELLOR DA ESCENA ACTUAL EN CARBALLO
“Cando todo cae, ven ao teatro”. Baixo este lema, chega unha nova entrega do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que celebra a súa 35ª edición do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026. Un ano máis, o festival busca reunir o mellor da escena actual en Carballo ao longo de cinco semanas, nun cartel ecléctico no que hai Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2.
No rpograma da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo danse cita nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.
En total, ‘o corazón do teatro en Galicia’ achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).
Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións, gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, un homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono a Antonio Porteiro.
Toda a información de horas e venda de entradas está dispoñible na web do festival en www.fiot.gal. O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.
SOBRE O FIOT: 35 ANOS CREANDO TEATRO
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 35 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona.
Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 34 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 360 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez, El Brujo, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval, Pablo Remón, Andrés Lima…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
2026.10.13.NP-cuarta-semana-FIOT35