
A compañía asturiana Saltantes Teatro porá en escena este sábado 17 no Auditorio Gustavo Freire La balada del norte, baseada na aclamada novela gráfica de Alfonso Zapico
Oito intérpretes dan vida a máis dun cento de personaxes nunha montaxe con música en directo sobre a memoria histórica e o conflito social das concas mineiras
O circuíto de intercambio cultural a través das artes escénicas Camiño Escena Norte (CEN) regresa na súa oitava edición á cidade de Lugo. Este sábado 17 de outubro, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá, ás 20.30 horas, a representación de La balada del norte, da compañía asturiana Saltantes Teatro.
Adaptada e dirixida por Luis Alija a partir dos catro tomos da novela gráfica de Alfonso Zapico (Premio Nacional do Cómic 2012 por Dublinés), a obra traslada ao escenario unha epopea coral sobre a Revolución de outubro de 1934 nas concas mineiras asturianas. Oito intérpretes encarnan máis de cen personaxes e percorren máis de cincuenta localizacións grazas a unha escenografía de módulos móbiles. A música en directo, a cargo de David Varela, e un espazo sonoro xerado case na súa totalidade en escena polo propio elenco envolven unha montaxe de 120 minutos que aborda o conflito social, o amor, a perda e a memoria colectiva a través do destino cruzado dos seus protagonistas.
As entradas para asistir á función do sábado 17 en Lugo están á venda a través de www.entradaslugo.es (ao día seguinte, a obra poderase ver no Salón Teatro de Santiago de Compostela). A presenza de Camiño Escena Norte na provincia completarase odomingo 25 de outubro no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo co espectáculo de ilusionismo 3 Elementos, da compañía navarra Hodei.
Sinopse La balada del norte
La balada del norte recrea os tempos convulsos de grandes desigualdades da Revolución asturiana do 34. O protagonista, Tristán Valdivia, un xornalista sen xornal, abandona Madrid en 1933 para regresar ao norte, onde o espera o seu pai, o marqués de Montecorvo. En medio do ruído das minas de carbón e da negrura dos vales asturianos, xorden personaxes luminosos mentres os vellos e os novos tempos chocan frontalmente. Coa folga xeral revolucionaria, a dinamita mineira, o fracaso da Revolución e a posterior represión, Tristán une o seu destino ao dos perdedores da Historia. A montaxe retrata a fuxida polas montañas de Asturias nun frío inverno de derrota, nunha historia que evoca a casa en ruínas e o fogar baleirado pola Guerra Civil española de 1936.
Saltantes Teatro
Saltantes Teatro naceu en 2013 da man de Luis Alija e Nerea Vázquez, ambos licenciados en Arte Dramático pola ESAD de Asturias. En máis dunha década levou aos escenarios máis dunha ducia de producións de estilos moi diversos, do teatro familiar ao musical, o terror psicolóxico ou o teatro histórico. Entre os seus últimos traballos figuran Misery (Premio Oh! 2023 á mellor produción), El Gorrumbu (Premiu Nel Amaro 2023) e El Chigre Menguante (Premios Oh! 2024 á mellor escenografía e á mellor autoría). Con La balada del norte continúa a liña dos seus últimos espectáculos arredor da identidade do norte peninsular.

Camiño Escena Norte
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo.
Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.
AXENDA DE CAMIÑO ESCENA NORTE EN LUGO
17.10.2026, 20:30 h | Lugo. Auditorio Municipal Gustavo Freire
La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias)
Teatro · Público adulto (a partir de 16 anos) · 120 minutos
Venda de entradas: www.entradaslugo.es.