A ODISEA da Companhia do Chapitô e a adaptación á escena do fenómeno literario LAS GRATITUDES, con Gloria Muñoz á fronte, protagonizan a terceira semana do FIOT

A compañía portuguesa regresa este venres a Carballo cunha particular revisión cómica da epopea de Homero, mentres Gloria Muñoz protagoniza o sábado a estrea en Galicia de ‘Las gratitudes’, de Delphine de Vigan, dirixida por Juan Carlos Fisher
Do 8 ao 12 de outubro, a 35ª edición do FIOT ofrece propostas para públicos de todas as idades, desde o circo de ‘Domte’ ata o teatro documental de ‘Vidas enterradas’ e o OTNI ‘Yo nací en un surco de judías’, de almealera, Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo
Dani Blanco –que ven de gañar o premio a o mellor espectáculo de rúa pola peza ‘Crunch2!’, da Compañía MUU, nos Premios Manu Lago de Novo Circo Galego celebrados onte– e a súa compañía asSircópatas presentan a estrea absoluta de ‘Oh! Onde deterse a mirar’, o luns 12, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura, para toda a familia
O X Certame de Micro-Escenas M² estrea o sábado 10 as súas primeiras pezas deste ano, mentres que a Rúa dos Contos suma novas propostas de humor e improvisación
Todos os detalles desta 35ª edición do FIOT poden consultarse na páxina web do festival, www.fiot.gal, mentres que as entradas para as diferentes liñas da programación aínda dispoñibles poden adquirise a través de Ataquilla.com
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, entra na súa terceira semana de programación cunha axenda que, do xoves 8 ao luns 12 de outubro, volverá levar as artes escénicas a diferentes espazos de Carballo e tamén ás parroquias. A programación estará marcada por dúas grandes citas do Programa de Sala: o regreso da portuguesa Companhia do Chapitô, este venres 9, coa súa particular e hilarante revisión da Odisea, e a estrea en Galicia de Las gratitudes, o sábado 10, adaptación do fenómeno literario de Dephine de Vigan, con Gloria Muñoz como protagonista e dirección de Juan Carlos Fisher.
A semana ofrecerá tamén OTNI, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Micro-Escenas M2, FIOTiño e FIOTeen, con circo contemporáneo, narración oral, teatro documental, creación experimental e propostas para os públicos máis novos. Entre elas, destacan Domte, de Nacho Flores; Vidas enterradas, de L’Om Imprebís, Micomicón Teatro, Teatro Corsario e Teatro del Temple; Yo nací en un surco de judías, de almealera, premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo ; e a estrea absoluta ‘Oh! Onde deterse a mirar’, de AsSircópatas, con Dani Blanco, que terá unha función escolar no FIOTeen e outra aberta ao público no FIOTiño.
Tampouco faltarán á cita as primeiras pezas curtas do X Certame de Micro-Escenas M², un taller-laboratorio con Torta Torta e as últimas propostas da Rúa dos Contos (Pequenos pero faltón, El famoso Trino, O show e DJ Maikel), nunha semana especialmente intensa que permitirá comprobar unha vez máis a diversidade de formatos, linguaxes e públicos que caracterizan o #FIOT35.
CHAPITÔ REGRESA AO FIOT COA SÚA PARTICULAR ‘ODISEA’
O venres 9 de outubro, ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, a Companhia do Chapitô regresará ao FIOT para presentar Odisea, unha revisión libre, artesanal e profundamente cómica do clásico de Homero.
Todo comeza no Olimpo, nesa familia disfuncional de deuses que pon en marcha unha sucesión de aventuras, naufraxios e malentendidos arredor de Odiseo, o heroe máis cansado da mitoloxía grega. Monstros, deuses de mal xenio, astucia, teimosía e resistencia danse cita nunha viaxe na que a épica queda sometida ao particular universo da compañía portuguesa.
A Companhia do Chapitô, un dos grandes referentes do teatro portugués contemporáneo, desmonta a solemnidade do mito e constrúe unha Odisea baseada no xogo teatral, a comedia de equívocos, a mitoloxía e o absurdo. A peza está interpretada por Jorge Cruz, Pedro Diogo e Pedro da Silva e dirixida por José C. García. A troupe mantén así a súa relación co FIOT, onde xa presentou outras das súas particulares revisións dos grandes clásicos da literatura e do teatro.

GLORIA MUÑOZ PROTAGONIZA ‘LAS GRATITUDES’, ESTREA EN GALICIA
O sábado 10 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, chegará unha das grandes citas do Programa de Sala desta semana: Las gratitudes, de Producciones Teatrales Contemporáneas, en estrea en Galicia.
A obra parte da aclamada novela de Delphine de Vigan para construír unha historia sobre a memoria, os coidados, a vellez e esas palabras de gratitude que ás veces quedan sen dicir. Michka, unha muller maior que ve como a afasia vai apagando lentamente a súa voz, ingresa nunha clínica onde un logopeda traballará con ela mentres Marie, vinculada afectivamente á protagonista, tenta acompañala nese proceso.
A través da relación entre Michka, Marie e Jérôme, a proposta aborda con delicadeza a perda da linguaxe, a memoria e a necesidade de expresar o que sentimos antes de que o esquecemento ou o paso do tempo nos impidan facelo. A montaxe está protagonizada por Gloria Muñoz, Macarena Sanz e Rómulo Assereto e conta coa dirección do peruano Juan Carlos Fisher, un dos directores máis recoñecidos da escena contemporánea latinoamericana.
Las gratitudes chega ao FIOT como estrea en Galicia e reafirma a aposta do festival por combinar grandes nomes da escena con textos contemporáneos e propostas de referencia internacional.
‘DOMTE’: CIRCO, EQUILIBRIO E POESÍA NO PARQUE DO ANLLÓNS
Antes da función de Chapitô, o venres 9, ás 19.30 horas, o Parque do Anllóns converterase nun gran escenario de circo contemporáneo coa proposta Domte, de Nacho Flores.
Quen doma a quen? Esta é a pregunta que atravesa unha creación na que troncos e táboas van construíndo pouco a pouco un enorme ser en equilibrio, unha escultura viva que desafía a física e a mirada do público.
Inspirada nun imaxinario mitolóxico, a peza acompaña a transformación dun protagonista obsesionado con controlar todo o que o rodea e que acaba descubrindo que a verdadeira forza nace do equilibrio compartido. A música en directo e a colaboración do público no movemento das estruturas forman parte dunha proposta que viaxa entre minotauros, cabalos de Troia, quimeras e liberdade.
Creado e interpretado por Nacho Flores, Domte combina escultura, equilibrio, teatro físico e circo contemporáneo para crear unha peza visual, poética e cómica, tan delicada como espectacular, que reivindica a colaboración fronte á dominación individual.
O X CERTAME M² ESTREA AS SÚAS PRIMEIRAS MICRO-ESCENAS
O sábado 10 de outubro chegará tamén unha das citas máis singulares do FIOT: o X Certame de Micro-Escenas M², unha iniciativa pioneira en Galicia que leva o teatro a espazos cotiáns e non convencionais e sitúa o público a moi poucos metros dos intérpretes.
Entre as 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas, poderán verse dúas das pezas finalistas desta décima edición, ambas en estrea absoluta.
Na Conserxería do Pazo da Cultura, Iván Dávila presentará wOHrk, unha peza de clown e humor absurdo que parte da historia dun conserxe que recibe candidatos que buscan emprego e, tamén, un lugar onde vivir. A creación mergúllase na precariedade e nas fronteiras cada vez máis difusas entre a vida e o traballo.
Na Pastelaría Zuccaro, a Compañía Humana presentará A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, unha peza de teatro de obxectos na que un doutor convertido en sacarrollas, unha protagonista que é un queixo de tetilla e unha nai-cigarro se rebelan contra os estereotipos de xénero e a discriminación das mulleres na sanidade.
As seis pezas finalistas do X Certame M² —cinco delas estreas absolutas— foron seleccionadas entre 25 propostas recibidas. O certame mantén o seu carácter de laboratorio para experimentar con novos formatos, linguaxes e relacións entre espazo, artistas e espectadores.
A RÚA DOS CONTOS DESPÍDESE ENTRE A NOVA RETRANCA E O HUMOR
A Rúa dos Contos terá dúas novas citas esta semana. O xoves 8, ás 21.00 horas no Valle Inclán Café, Adrián do Regenco e Pablo Alvite presentarán Pequenos pero faltóns, unha hora de humor na que os dous intérpretes e creadores combinan monólogos, improvisación e interacción co público. A infancia dos anos 90, a tecnoloxía, as tradicións, as relacións persoais e as pequenas contradicións da vida cotiá son algúns dos temas que percorre esta proposta da nova retranca galega.
O sábado 10, ás 23.00 horas na Bombonera, chegará El Famoso Trino, en estrea en Galicia. O fenómeno viral das falsas noticias cargadas de humor, retranca e sátira salta aos escenarios da man de Trino García, que recupera os personaxes e situacións máis coñecidos dos seus vídeos para construír un espectáculo de monólogos, sketches e improvisación.
E o domingo 11, ás 22.30 horas en A Reserva, será a quenda de O show, de Fábrica de Impro, unha proposta na que nada está escrito. As palabras e ideas que o público introduce en tarxetas convértense no punto de partida de historias que nacen e medran sobre o escenario sen guión nin rede de seguridade. Cada función é, polo tanto, irrepetible.
A noite continuará ás 00.00 horas con DJ Maikel, tamén en A Reserva, prolongando a programación da Rúa dos Contos máis alá do escenario.
FIOT EN RUTA: TEATRO DOCUMENTAL PARA RECUPERAR MEMORIAS SILENCIADAS
O domingo 11 de outubro, ás 12.30 horas, o FIOT en Ruta achegarase á contorna do cemiterio de Bértoa con Vidas enterradas, unha coprodución de L’Om Imprebís, Micomicón Teatro, Teatro Corsario e Teatro del Temple. Fotografías, cartas, cadernos e recordos compartidos serven para devolver o nome e a historia a persoas asasinadas durante a Guerra Civil e o franquismo. Os seus fillos, veciños e compañeiros son os encargados de romper o silencio e rescatar unhas vidas que quedaron fóra da historia oficial.
A proposta nace dunha premiada serie radiofónica de Javier del Pino, Conchi Cejudo e Gervasio Sánchez para a Cadena SER e reúne a seis dramaturgos —Mafalda Bellido, Juan Mayorga, Juan José Millás, Alfonso Plou, Laila Ripoll e Pepe Viyuela— e catro compañías de referencia da escena española.
A través dun caleidoscopio de relatos e monólogos, ‘Vidas enterradas’ constrúe un profundo mapa emocional sobre a memoria e sobre un silencio que comeza a romper.
‘LUBBERT’, UN UNIVERSO SURREALISTA EN CANCES
O domingo continuará a programación do FIOT en Ruta. Ás 18.00 horas, no Centro Social de Cances, Inda Pereda presentará Lubbert, un espectáculo de teatro físico e comedia xestual inspirado no enigmático universo de O xardín das delicias, de El Bosco.
Lubbert Dash é presentado como o primeiro bosquexo dun ser humano na Terra, un personaxe inocente e disparatado ao que lle encanta explorar mundos imaxinarios no seu xardín. Desde aí, o público mergúllase nun universo de situacións absurdas, imaxes surrealistas e criaturas grotescas.
Clown, mimo, teatro físico e humor bufonesco mestúranse nun espectáculo visual que, entre gargalladas, convida tamén a mirar o medio ambiente que maltratamos e as contradicións da condición humana.
O OTNI ACHEGA A CARBALLO COA PREMIADA ‘YO NACÍ EN UN SURCO DE JUDÍAS’
O domingo 11, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, o OTNI presenta Yo nací en un surco de judías, de almealera, unha peza de teatro documental que pon no centro as voces de agricultoras e gandeiras e a relación coa terra.
A creadora Laura Santos percorreu 3.600 quilómetros para escoitar diferentes testemuños e transformar esas historias nunha peza sobre a agricultura, a gandería, a memoria e o futuro do mundo rural. Unha localizadora de cine que se fai labrega, unha nena que explica na escola como realiza a transhumancia na serra de Ávila, unha neorrural que se enfronta á burocracia da agricultura ecolóxica ou unha neta de campesiños que recupera uns bancais son algunhas das historias que compoñen o espectáculo.
Obxectos, ilustracións e relatos reais constrúen un universo poético arredor dunha pregunta: por que cada vez menos persoas queren traballar na agricultura e na gandería? O espectáculo nace do proxecto científico FARM, do CSIC, que investiga as causas da falta de relevo xeracional no sector e a súa relación co despoboamento, a masculinización e a sustentabilidade.
Yo nací en un surco de judías recibiu o Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo.
‘OH! ONDE DETERSE A MIRAR’, PARA O PÚBLICO MÁIS NOVO
A programación desta semana terá tamén unha importante presenza para os públicos máis novos coa proposta Oh! Onde deterse a mirar, de AsSircópatas.
O espectáculo poderá verse o xoves 8, ás 11.00 horas, nunha función escolar do FIOTeen, e regresará o luns 12, ás 18.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, dentro do FIOTiño, para ofrecer unha función aberta ao público familiar.
A proposta de AsSircópatas forma parte das liñas específicas do FIOT dedicadas a achegar as artes escénicas aos públicos máis novos e combina circo e música nunha experiencia pensada para mirar, descubrir e conectar coa escena desde a infancia. O espectáculo figura no programa do festival tanto dentro do FIOTeen como do FIOTiño.

UNHA SEMANA TAMÉN PARA A CREACIÓN E O ENCONTRO
A programación desta terceira semana complétase o sábado 10 de outubro, de 10.00 a 13.00 horas no Pazo da Cultura, cun taller-laboratorio con Torta Torta, que se suma ás actividades de formación, creación e mediación que acompañan a programación escénica do festival.
Estas actividades forman parte da aposta do FIOT por ofrecer unha experiencia que vaia máis alá da exhibición dos espectáculos e por xerar espazos de encontro entre artistas, público e comunidade.
UNHA COIDADA SELECCIÓN CO MELLOR DA ESCENA ACTUAL EN CARBALLO
“Cando todo cae, ven ao teatro”. Baixo este lema, chega unha nova entrega do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que celebra a súa 35ª edición do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026. Un ano máis, o festival busca reunir o mellor da escena actual en Carballo ao longo de cinco semanas, nun cartel ecléctico no que hai Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2.
No rpograma da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo danse cita nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.
En total, ‘o corazón do teatro en Galicia’ achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).
Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións, gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, un homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono a Antonio Porteiro.
Toda a información de horas e venda de entradas está dispoñible na web do festival en www.fiot.gal. O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.
SOBRE O FIOT: 35 ANOS CREANDO TEATRO
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 35 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 34 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 360 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez, El Brujo, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval, Pablo Remón, Andrés Lima…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
2026.10.06.NP-tercera-semana-FIOT35