O Instituto de Estudios Chairegos dá comezo a actividade cultural do ano 2025 organizando, coa colaboración do Concello de Vilalba, o Concerto CARTAS ALÉN-COMPROMISO E CORAXE, a cargo do grupo SON DE CORDA, previsto para o sábado día 18 de xaneiro de 2025no Auditorio Municipal de Vilalba.
Coñecéranse no Hospital da Coruña, entón chamado Juan Canalejo en honor ao militar falanxista. Coincidiran na mesma habitación atendendo dous doentes.
María coidaba unha veciña súa de Monte Alto, que caera polas escadas abaixo e fracturara a cadeira. Pola súa banda Santiago estaba alí, por súa curmá, acabada de operarse de apendicite.
—Apetéceche un anaco ? —preguntoulle ela, ofrecéndolle un par de onzas dunha tableta de chocolate con améndoas.
—Non, grazas, non che son moi larpeiro. Teño un chourizo e un cacho de pan —respondeu Santiago, amosándolle unha bolsa que estaba enriba da mesiña—. Logo acompañareino cunha cervexa, pero agora aínda é cedo e non teño fame.
Logo virían as preguntas de rigor para darse a coñecer. E como adoita suceder neste casos, pronto saíron a luz amizades comúns. Nada raro, por outra parte. Ela vivía no barrio de Monte Alto da Coruña e el era dunha aldea do concello de Carballo.
Aqueles días de convivencia forzosa tiveron o seu froito: saíron dalí como dous namorados adolescentes e iso que xa non fervían na primeira auga. El achegábase aos sesenta e ela rondaba os cincuenta.
María, viúva desde había catro anos, vivía soa nunha pequena vivenda onde criara dúas nenas e un neno. O seu marido, un bo albanel, pero que tmorrera de cirrose, e ben que estaba aló, pensaba ela. Traballaba dous días para despois gastar todo en bebida e, ao chegar a casa, descargar a súa frustración mallando na pobre muller.
Santiago, solteiro, era o irmán máis novo de seis. Fillo de labregos, quedara na casa, mentres os outros marcharan polo mundo adiante: Vigo, Madrid, Barcelona. Pero o campo non era o seu. Íalle máis andar de troula de festa en festa e traballar o mínimo e en diversos labores: arranxando estradas, coidando doentes, desbravando no monte… Non paraba en ningún traballo.
Nunca tivera moza e iso que ganas non lle faltaban. Pero quen ía querer ao badanas de Santiago? Non era mal home, e beber non bebía, algo bo tiña que ter, pero a súa fama de non acougar en ningún traballo, tiraba para atrás as mozas do lugar. E por riba non era nada agraciado. A súa figura esmirrada e algo corcovada, cunha faciana marcada por profundas enrrugas que lle engadían anos aos seus, tampouco contribuía a que se fixasen nel.
—Pois si. Son dunha casa bastante boa. Temos case unha ducia de vacas e moitas hectáreas de prados e leiras para mantelas —chufábase diante de María.
E era verdade, ou mellor dito, media verdade. A casa era boa, mais quen realmente gobernaba alí era a súa irmá maior, que traballaba de enfermeira en Barcelona. Levaba o control da que fora casa dos pais a través dun matrimonio de caseiros que se encargaban de todo. Pero encargouse que diso María non soubese nada. Ela pensaba que o verdadeiro dono era el.
María, pobre muller, necesitaba desesperadamente compañía. Ademais, o seu fillo menor saíralle un pouco lacazán. Daquela, aínda que estaba casado e tiña dous fillos, a súa relación coa muller non era boa. Finalmente, Santiago e María acabaron casando e el marchou vivir coa coitada de María. O matrimonio, marcado pola adversidade e a necesidade de apoio mutuo, durou ata que Santiago faleceu hai un ano.
Pouco despois da voda, Fermín, o fillo máis novo, regresou á casa materna. A súa muller xa non o puido soportar máis e botouno da casa. Ai, Fermín! É boa verdade que os cachos tiran ás ondas. Aínda que era mellor persoa, nalgúns aspectos era moito peor. Unha auténtica desgraza para a súa nai. Con frecuencia, aparecía a policía pola casa e levaban a Fermín dereito ao caldeiro.
A etapa máis estable da súa vida foi cando comprou unha atracción de lanchas e percorreu Galicia enteira de festa en festa. Pero non durou moito, así como noutros traballos, niso parecíase ao seu padastro. Entón era cando tiña que recorrer a cometer pequenos delitos, principalmente furtos ou algún “trapicheo” con droga. Pero, o peor era cando se emborrachaba. Entón saíalle a vea do seu pai e aparecía no centro da Coruña buscando liortas. Foron famosas as súas irrupcións aos Cantóns montado a cabalo e entrando nos bares sen desmontar. Como a tarde que na coñecida cafetería O Salón, onde na porta había un indio de madeira, entrou berrando dicindo que era o “sheriff” e que viña impartir orde.
O outro día acudín ao cabodano de Santiago, tocábame algo na familia. Estando ás portas da igrexa San Xosé de Monte Alto, topeime con Fermín. Dicir, que ultimamente leva unha vida máis ordenada, agás cando se excede coa bebida. Saudámonos e comezamos a falar.
—E logo non entras? —pregunteille— quedáramonos fóra media ducia de asistentes.
—Aí? Non oh! Non teñas medo —contestou botándose a rir—Xa ves, o cura é negro. Claro, agora aquí como non hai, téñenos que ir buscar a África.
Logo seguiu maldicindo e xurando en contra dos curas e da igrexa.
—Aínda o outro día, co negro non, co cura de toda a vida, coincidin en Guitiriz nunha casa de putas. Mal raio o parta!, e despois di que foder é pecado. Para nós, claro, para el, non.
Rematou o enterro e achegouse a nós a súa nai. Estaban empeñados en que fose tomar algo. Coa desculpa que se me facía tarde, logrei librarme. Coñezo a Fermín, e sabe Deus, como podía acabar a noite. Collín o coche e regresei a Lugo.
Quixérao pronunciar pero árdeme na boca. E cando o verbalizo xa só é cinza.
O que ocorre xa é un todo en dilución, unha secuencia de procesos anuladores.
Quizais sentir sexa só iso. Lanzar un barco de papel ao baleiro. Deixar caer no alcatrán unha semente inútil. Percibirse a un mesmo como a pluma do paxaro que se solta do animal e pousa na cuberta dun barco abandonado. Unha pluma que aínda canta o que aprendeu do paxaro.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza o evento XA CHEGOU A APALPADORA!, un espectáculo infantil para gozar en familia, a cargo do grupo VELAÍSCA.
O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 27 de decembro de 2024, ás 17:00 horas.
Ao máis puro estilo shakespeariano, Eduardo Alonso firma e dirixe unhatraxedia aderezada de comedia e ironía para entreter concienciando
O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso
Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio
Teatro do Noroeste desembarca coa estrea absoluta do seu novo espectáculo, Guerra, no Teatro Principal de Santiago de Compostela o venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20.30h. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, será a peza encargada de abrir a programación de artes escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre de 2025. Trala representación do sábado 18, o público poderá gozar cunha conversa postfunción co equipo artístico de Teatro do Noroeste.
Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices. Tal é a premisa de Guerra, onde as innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución. O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso.
FOCO TEATRO DO NOROESTE
Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. As entradas para ambos espectáculos están xa dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra.
SOBRE O ESPECTÁCULO
“A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunha é unha solución, senón o máis grande dos erros”.
Ao máis puro estilo shakespeariano, Guerra é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. Teatro do Noroeste amosa unha realidade actual a través dunha alegoría eterna e substancial. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso:
“Guerra é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta “guerra” de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.
E continúa: “o teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, nos rodean e mesmo se instalan no corazón de Europa. O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar, desde a maior humildade, pero, tamén, desde a ambición máis saudable. E iso é o que pretende esta obra: entreter concienciando”.
SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.
A nova creación da banda de hip hop máis emblemática do país marca o inicio dunha etapa na que DKTC ampliará o seu repertorio e percorrerá numerosos escenarios durante os vindeiros meses
O novo tema, que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip dirixido por Xaime Miranda
Dios Ke Te Crew publicará o vindeiro venres 13 de decembro o seu novo sinxelo, Déjà Vu. Trátase do primeiro tema que a formación lanza tras o EP En que ano estamos? (2022), que contén o himno O.G., e o álbum recompilatorio Tremendos Anos 20 (2023),o disco-fanzine publicado fai agora un ano co gallo da celebración das dúas décadas de traxectoria de DKTC.
O lanzamento de Déjà Vu marca o despegue da banda nunha nova etapa, na que a mítica formación de Ordes, conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, regresa ao estudio para ampliar o seu repertorio e ofrecer, de cara ao 2025, unha intensa e potente xira na que percorrerán ducias de escenarios.
Déjà Vu poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do venres 13. O sinxelo, que se publicará co selo Raso Estudio e distribuirá a compañía Altafonte, acompañarase dun videoclip. A peza audiovisual contará coa sinatura do realizador Xaime Miranda, quen traballa habitualmente coa formación. Desta quenda presentará un video de estética cinematográfica cunha atmósfera enigmática e atrapante, ateigado de elementos con forte carga simbólica, e que se poderá ver, tamén a partir do venres 13, na canle oficial de DKTC.
DKTC
Dios Ke Te Crew é a banda máis emblemática do hip hop galego. Desde a súa formación no 2003, o grupo conformado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Numerosos LP, EP e himnos para distintas xeracións dan boa conta da pegada de DKTC no rap do país.
A banda festexou as súas dúas décadas de traxectoria co lanzamento de Tremendos Anos 20, unha obra multidisciplinar en formato disco-fanzine, no que participaron máis de 40 recoñecidos artistas gráficas e musicais. No 2025, DKTC ofrecerá unha intensa xira de directos na que dará a coñecer novo repertorio e revisará os seus grandes éxitos, que se acompañarán dunha potente posta en escena creada por A.L. Crego, quen tamén asina a portada do sinxelo Déjà Vu.