Este sábado presentación do libro solidario CANTOS DE DOR E LIBERDADE na Casa-Museo Manuel María

PRESÉNTASE, ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, O LIBRO SOLIDARIO CANTOS DE DOR E LIBERDADE

Estarán presentes algunhas das poetas que colaboran nesta publicación, cuxos beneficios pola súa venda van destinados integramente á UNRWA para a axuda humanitaria á poboación de Gaza

 

Este sábado, 21 de setembro, ás 19,30 horas, preséntase, na Casa-Museo Manuel María, o libro solidario Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. Neste acto estarán presentes poetas que contribuíron coa publicación e que recitarán os seus propios poemas.

“Quere ser máis unha expresión da inmensa solidariedade galega co pobo palestino. Do mesmo modo que millares de persoas saen ás rúas da Galiza en protesta polo xenocidio que o sionismo está a cometer en Gaza, poetas e artistas alzan aquí as súas voces e as súas mans para deixar constancia da dor e da rabia por tanto crime e tanta infamia, mais tamén da esperanza dun futuro de Paz e Liberdade en toda a terra da Palestina”.

Esta proposta solidaria foi promovida por Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asociación Galaico Árabe Jenin e Pallasos en Rebeldía, coa colaboración de BDS-Galiza, da editora Tempo Galiza e das persoas autoras que cederon os dereitos das súas creacións. Os beneficios da venda desta publicación van destinados á UNRWA (Axencia de Nacións Unidas de Asistencia aos Refuxiados Palestinos no Próximo Oriente) para a axuda humanitaria da poboación de Gaza.

A entrada é libre.

SABELA arranca a súa xira por salas galegas o vindeiro sábado 28 de setembro na Sala Ruído de Ferrol

A artista de Ourol percorrerá Galicia a finais deste ano e comezos do 2025 cunha xira que xa conquistou algunha das grandes cidades de España

As entradas para estes concertos están á venta en sabelamusic.esenterticket.es

A gran xira de Sabela toca terras galegas despois do seu éxito percorrendo as salas de todo o estado e de arrasar co seu novo single “Hi, My Love”, comezando o vindeiro sábado 28 de setembro e continuando a finais deste ano e comezos do seguinte. Baixo o nome de “Hi, My Love Part”, Sabela fará un tour por 9 salas nas que presentará o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar a finais deste mesmo ano. A xira por salas galegas que empezará o vindeiro sábado en Ferrol pasará tamén por Vigo (sala Masterclub, 12 de outubro), Santiago de Compostela (sala Riquela, 25 de outubro), Lugo (sala Clavicémbalo, 26 de outubro), Melide (Pub Gatos, 9 de novembro), Ourense (sala Auriense, 30 de novembro), Vilar de Santos (sala A Arca da Noe, 1 de decembro), Boiro (sala A Pousada da Galiza Imaxinaria, 1 de febreiro de 2025) e A Coruña (sala Garufa Club, 8 de febreiro de 2025). Estas datas súmanse aos concertos xa celebrados este verán en territorio galego, onde conquistou grandes eventos como o Festival do Pasatempo, o Náutico de San Vicente e o festival SonRías Baixas. As entradas xa están dispoñibles na súa páxina web, sabelamusic.es, e en enterticket.es.

XIRA HI, MY LOVE PART”  

28/09 · Sala Ruído · Ferrol
12/10 · Masterclub · Vigo
25/10 · Riquela · Santiago de Compostela
26/10 · Clavicémbalo · Lugo
09/11 · Pub Gatos · Melide
30/11 · Auriense · Ourense
01/12 · A Arca da Noe · Vilar de Santos
01/02 · A Pousada Da Galiza Imaxinaria · Boiro
08/02 · Garufa Club · A Coruña

ENTRADAS

A artista galega chega a Galicia despois de levar o seu directo a algunhas das grandes cidades de España. En 2024, a de Ourol tocou en grandes salas de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, León, Valladolid, Xaén, Salamanca, Logroño, Ponferrada, Palencia e Tafalla. Tamén foi a protagonista de Galicia Escena PRO, a maior feira de artes escénicas de Galicia, cun concerto en Santiago de Compostela co que puxo fin á primeira parte da súa xira. Sumando as datas anunciadas, a xira de Sabela escala a 25 presentacións en vivo.

Nestes concertos, Sabela presentará o seu novo tema, “Hi, My Love”. Unha proposta ambiciosa de levar a súa xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. Este sinxelo é o primeiro adianto do seu novo EP, que espera ver a luz no medio do circuíto, a finais deste ano 2024.

MÁIS SOBRE SABELA

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan xa centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla entre outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o recoñecido O Son do Camiño. Sabela está mergullada neste 2024 nunha gran xira por todo o país, onde tamén fixo oco para levar o seu directo a festivais como o propio SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, publicado en maio de leste mesmo ano, é xa o seu primeiro single. Desta maneira culmina así un ano totalmente prolífico para a de Ourol.

A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable, aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Hi, My Love precede a temas como Cenizas, Ya No Me Quero Ir ou Cidade Desexo, que veñen de obter grandes números de escoitas. Este éxito afianzou unha carreira que conseguiu encandear ao público en directo e de lograr colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra, así como de alzarse con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.

Lugo acolle unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO

Compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra participan na proposta, que conta coa presenza de figuras como Patricia de Lorenzo, XRon, Marta Alonso Tejada ou Mounqup

Anxo Manoel, de Lucecús Teatro, recolle o II Premio Julio Peña, galardón que recoñece os valores de cooperación de CEN

Camiño Escena Norte terá este sábado, 21 de setembro, a súa primeira parada en Outes, coa función de novo circo La casa de los dedos

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebra esta semana no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. Trátase do espazo de convivencia do CEN onde as compañías dos cinco territorios participantes no proxecto entran en contacto, dun xeito más próximo, á fin de coñecer as liñas de traballo e propostas estéticas dunhas e doutras; mais tamén profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.

Habitación Peregrina PRO comezou este martes cun obradoiro sobre teatro accesible impartido polo Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), no que Patricia de Lorenzo e XRon partiron do traballo realizado na peza Helen Keller, a muller marabilla? Xa pola noite, tivo lugar a entrega do II Premio Julio Peña, outorgado a un profesional das artes escénicas polo seu compromiso e defensa dos valores de cooperación de CEN, e que este ano recaeu no galego Anxo Manoel, de Lucecús Teatro. A escultura foi realizada pola galega Esther Quintas. 

Na mañá deste mércores, as e os participantes en Habitación Peregrina PRO  recibiron a visitadaDeputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro; e da edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; en representación das institucións luguesas que colaboran no desenvolvemento de Camiño Escena Norte. 

Previamente, as e os asistentes tiveron ocasión de abordar o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible a través dun parladoiro impartido polas consultoras María Baqueiro e Arantxa Estévez, impulsoras do Pacto Cultura Sustentable. A formación continuará mañá, nunha sesión na que Patricia Hermida (presidenta AGEM e responsable de Dotbeat) impartirá un taller sobre cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día. Ademais da formación, este ano CEN promove a celebración de novos espazos de encontro informais no Habitación Peregrina PRO. É o caso da  actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!que conta coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.

Camiño Escena Norte chega a Outes por primeira vez

Este sábado, 21 de setembro, as funcións do ciclo itinerante Constelacións chegarán por vez primeira a Outes. A compañía cántabra El Conejo Salvaje, que aposta por unha creación interdisciplinar na que xunta as técnicas de clown, circo, comedia física e teatro cómico-xestual, interpretará o seu espectáculo La casa de los dedos. A peza, dirixida a público adulto, presenta a historia dunha barraca de feira que, mentres percorre distintas vilas de España, mostra o mundo sorprendente e extraordinario do oculto, do alén, das criaturas fantasmagóricas e inexplicables que viven entre a poboación, mais pertencen ao mundo dos mortos.  As entradas para a única función en Galicia -no marco de Camiño Escena Norte- de La casa de los dedos, que terá lugar o día 21 a partir das 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Outes, pódense adquirir a través da plataforma web www.bandoticket.com

20240918-CEN-en-Lugo-Habitacion-Peregrina-PRO

O cinema galego consolídase no XX London Spanish Film Festival coa proxección dunha decena de obras

      

A sección Letters from Galicia recunca este ano no encontro londiniense grazas aos esforzos do Galician Film Forum (GFF) e da plataforma PROXECTA e co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais

O corno de Jaione Camborda vaise proxectar o 22 de setembro e contará cun encontro coa súa actriz protagonista, Janet Novas

A proxección do documental Salvaxe, salvaxe será o 23 de setembro e terá tamén un coloquio co seu director, Emilio Fonseca

As curtametraxes protagonizan unha sesión especial composta por Habitar, Véxote, To bird or not to bird, Non te vexo, Queimar cando morra e Alguén me chamou serpe negra

Tamén está prevista a proxección da cinta de produción galega Justicia artificial o 18 de setembro

Por segundo ano consecutivo, o cinema galego volve contar cunha sección específica, Letters from Galicia, no London Spanish Film Festival (LSFF). Así, a XX edición deste encontro, escaparate do audiovisual estatal, acollerá a proxección da longametraxe de ficción O corno, o documental Salvaxe, salvaxe e unha sesión de seis curtametraxes. Esta programación en galego é posible grazas ao esforzo conxunto do Galician Film Forum (GFF) e da plataforma Proxecta e conta tamén co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ademais, dentro da sección atópase a cinta de produción galega Justicia artificial que se proxecta en versión orixinal en castelán.

O LSFF, que xa acolle desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 16 e 15 anos de vida, respectivamente, abriu a ventá galega por primeira vez no 2023. Desta volta, grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a sección é máis ampla, contando cun maior número de obras e de convidados que se desprazarán ata a capital londiniense para as actividades paralelas.

Así, o público poderá gozar da premiada O corno dirixida por Jaione Camborda o domingo 22 de setembro nos Riverside Studios e ao rematar haberá un coloquio coa actriz protagonista, Janet Novas. Un día despois, o luns 23, será a estrea en Londres de Salvaxe, salvaxe, tamén nos Riverside Studios, e nesta ocasión o público poderá departir co seu director Emilio Fonseca. En ambos os dous casos, o coloquio estará moderado por Adriana Páramo, cineasta e directora do Galician Film Forum.

O 24 de setembro no Ciné Lumière vaise proxectar unha escolma de curtas nunha sesión especial denominada Short Letters from Galicia. As seis obras seleccionadas son estrea no Reino Unido e están vinculadas pola busca persoal e a exploración emocional dos seus protagonistas. Esta sesión de curtas está integrada por Habitar, de Anxos Fazáns, Véxote de Óscar Pardo, To bird or not to bird, de Martín Romero e gañadora do Goya 2024 á mellor curta de animación, Non te vexo, de Xacio Baño, Queimar cando morra, de Inés Pintor, e Alguén me chamou serpe negra, de Borja Santomé.

Alén desta programación en lingua galega, a sección Letters from Galicia tamén inclúe a obra Justicia artificial, de Simón Casal, que se proxecta este mércores 18 no Ciné Lumiére. Ao rematar o filme está previsto un coloquio co director que será moderado por Joana Granero, directora do LSFF.

Alén disto, cómpre sinalar que o 22 de setembro e dentro da sección vasca, 15th Basque Window, está prevista a proxección da película de animación El sueño de la sultana, con coprodución galega.

Sobre as obras

O corno supuxo a primeira vez que unha obra en galego gañou o galardón Concha de Plata no Festival de San Sebastián no 2023. Dirixida pola cineasta vasca afincada en Galicia Jaione Camborda, conta a historia de María, unha muller que axuda nos partos e que tras un suceso inesperado vese obrigada a fuxir. En busca da súa liberdade, cruza a fronteira por unha das rutas contrabandistas entre Galicia e Portugal.

Salvaxe, salvaxe, dirixido por Emilio Fonseca, foi o documental gañador da Biznaga de Plata no Festival de Málaga de 2024 e eríxese como un ‘antidocumental’ que toma como punto de partida o rastrexo do lobo ibérico, interrogando a través da cámara a relación do humano coa natureza.

Justicia artificial é un thriller dirixido por Simón Casal ambientado nun futuro distópico no que Goberno español convoca un referéndum para decidir a implementación dun sistema de intelixencia artificial na administración de xustiza que se substituiría aos xuíces. Carmen Costa, unha recoñecida xuíza, traballa no proxecto ata que unha súpeta desaparición faille desconfiar.

Sobre o Galician Film Forum

O Galician Film Forum (GFF) naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

____________________________

PROGRAMA ‘LETTERS FROM GALICIA’

Justicia artificial

Mércores 18 setembro | 20.30 h | Ciné Lumière

Coloquio co seu director, Simón Casal, moderado por Joana Granero, directora do LSFF

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/justicia-artificial/

O corno

Domingo 22 setembro | 18.00 h | Riverside Studios [101 Queen Caroline St, London W6 9BN]

Coloquio coa actriz Janet Novas moderado por Adriana Páramo, directora do GFF

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/o-corno/

Salvaxe, salvaxe

Luns 23 setembro | 18.00 h | Riverside Studios [101 Queen Caroline St, London W6 9BN]

Coloquio co director Emilio Fonseca moderado por Adriana Páramo, directora do GFF

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/salvaxe-salvaxe/

Short Letters from Galicia

Martes 24 setembro | 18.30 h | Ciné Lumière [17 Queensberry Place, London SW7 2DT]

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/short-letters-from-galicia/

Programa:

·         Habitar (2023) de Anxos Fazáns

·         Véxote (2023) de Óscar Pardo

·         To bird or not to bird (2023) de Martín Romero

·         Non te vexo (2023) de Xacio Baño

·         Queimar cando morra (2024) de Inés Pintor

·         Alguén me chamou serpe negra (2024) de Borja Santomé

Web del London Spanish Film Festival (LSFF): http://www.londonspanishfilmfestival.com/

Unha nova edición do Encontro Paraíso, organizado polo Colectivo RPM, desembarca na Illa de San Simón esta fin de semana

Do 20 ao 22 de setembro, terá lugar a oitava edición da convivencia anual das Residencias Paraíso para a danza e as artes vivas, na que participarán as e os artistas seleccionada/os en 2024 nesta iniciativa pioneira no noso territorio, ademais de numerosa/os profesionais das artes escénicas convidada/os de dentro e fóra de Galicia

O encontro permite desenvolver durante toda a fin de semana, nunha contorna única, diferentes dinámicas de presentación e debate sobre os procesos artísticos, así como propoñer outras accións de carácter transversal, nunha convivencia de tres días con case corenta artistas e profesionais das artes vivas e a xestión cultural de distintas partes do mundo 

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como o apoio de Acción Cultural Española e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Esta fin de semana terá lugar unha nova edición do Encontro Paraíso na Illa de San Simón. Do venres 20 ao domingo 22 de setembro, o Colectivo RPM organiza a súa cita anual das Residencias Paraíso —un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio—, na que participarán as e os artistas seleccionada/os en 2024 na iniciativa, ademais de numerosa/os profesionais da danza e as artes escénicas convidada/os de dentro e fóra de Galicia.

Este Encontro Paraíso na Illa San Simón é unha convivencia de tres días que xera un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM e persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores nun espazo único: a Illa de San Simón. Esta contorna tan especial permite desenvolver durante toda a fin de semana diferentes dinámicas de presentación e debate sobre os procesos artísticos, así como propoñer outras acciones de carácter transversal. A posibilidade de durmir ofrece, ademais, un contexto de convivencia moi especial para o encontro. 

Deste xeito, o Encontro Paraíso na Illa de San Simón, que neste 2024 alcanza a súa oitava edición, é unha convivencia de tres días para atoparnos na intimidade dunha illa tan singular como a de San Simón. Participado por toda e todos as e os Artistas Paraíso 2024 —Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo—, xunto a case corenta profesionais das artes vivas e a xestión cultural de distintas partes do mundo, o encontro está pensado para compartir os procesos artísticos en residencia desenvolvidos durante este 2024 e, tamén, para xerar unha espazo de coñecemento conxunto. O programa deste Encontro Paraíso 2024 na Illa de San Simón pode consultarse en:

https://colectivorpm.gal/gl/residencias-artisticas/encontro-paraiso-illa-san-simon/2024

En paralelo, por segundo ano consecutivo, o Colectivo RPM amplía o seu Encontro Paraíso co desenvolvemento dunha residencia de investigación na propia Illa de San Simón nos días previos á convivencia. E faino en colaboración con Graner, o centro de creación de danza e artes vivas con quen, desde 2017, constrúe unha relación continua de colaboración entre Galicia e Cataluña.

As artistas que están a habitar a illa desde o pasado 11 de setembro e ata o vindeiro día 22 son Mar García & Javi Soler, que están somerxidas nun proceso de investigación entre o movemento e o son, en torno á representación e aos significados do bico escénico a través do imaxinario do ‘Ius Osculi’ ou o “dereito a bico” da Antiga Roma. Parte deste proceso poderase ver no Encontro Paraíso 2024 esta fin de semana: https://www.colectivorpm.gal/index.php/gl/artistas/mar-garcia-javi-soler.  

SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acolle 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvéronse desde o pasado mes de abril no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participan neste encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón. E conta co apoio de Acción Cultural Española.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. 

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.