Inauguración da exposición CORREDORES SAGRADOS, de Lisa Tognon, no Castelo de Pambre

O dpmingo 25 de maio ás 16 h inaugurarase a exposición CORREDORES SAGRADOS, da artista canadense Lisa Tognon, coa colaboracion do IEU, a residencia de artistas palense O Picho e o concello de Palas de Rei. Contarase na inauguración coa intervención da escritora canadense Claire Varin. A exposición pèrmanecera aberta ata o 5 de xullo.

Das 18 ás 21 h O Picho invítanos a  participar nas súas instalacións a un acto no que se presentarán outras obras de Lisa Tognon.

http://ieu.gal/exposicion-de-lisa-tognon-no-castelo-de-pambre-5-maio-ao-5-de-xullo-de-2025/

Sole Felloza contará para público adulto e xuvenil historias de Manuel María


SOLE FELLOZA CONTA ESTE SÁBADO, EN DISTINTAS LOCALIZACIÓNS DE OUTEIRO DE REI, HISTORIAS ESCRITAS POR MANUEL MARÍA. 

Este sábado, día 24 de maio, desde a Casa-Museo Manuel María convidan a un roteiro imaxinario por Outeiro de Rei e a Terra Chá da man da narradora oral Sole Felloza. Un roteiro imaxinario que que se realizará no transcurso dun paseo polo mesmo san Xoán de Outeiro de Rei, parroquia natal de Manuel María e onde se encontra a Casa-Museo. Durante a paseo faranse paradas no adro da igrexa, no campo de Santa Isabel, na desembocadura do regato do Cepelo no río Pequeno…, momentos en que Sole Felloza aproveitará para contar algún dos relatos escritos por Manuel María.

A actividade comezará ás 18 hrs, con saída da Casa-Museo. A dificultade é baixa en relación co itinerario da camiñada e vai dirixida para o público adulto e xuvenil.

Sole Felloza é actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén disto, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.

A actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.

FAIA presentará ‘Alvela’ este xoves, 22 de maio, no espazo Normal da Coruña

Concerto de Faia no Teatro Principal de Santiago de Compostela Rocío Cibes 24/04/25

  • A cita, que comezará ás 20.30 h e que organiza a Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, será de acceso libre ata completar capacidade 
  • A Coruña será a terceira cidade en descubrir en directo o novo traballo de FAIA que vén de ser nomeado finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional 


FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, este xoves, 22 de maio na Coruña. A partir das 20.30 horas, na Sala Cubo de Normal, o público terá a oportunidade de descubrir un traballo complexo e sutil nun directo acústico no que FAIA estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec. O concerto, con entrada libre ata completar capacidade,  está organizado pola Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2025. 

Alvela consta de dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. 

FAIA recala na Coruña logo de presentar Alvela en Santiago de Compostela e mais Lugo. O segundo álbum de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. En abril presentou Alvela, o seu segundo traballo que é finalista dos Premios Martín Códax 2025 na categoría de Música Tradicional. 

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ NA CORUÑA 

22 de maio de 2025, ás 20.30 horas 

Sala Cubo de Normal [Paseo de Ronda, 47 – A Coruña] 

Acceso libre ata completar capacidade 

WEB FAIA | https://faia.gal 

ESCOITA ‘ALVELA’ | https://open.spotify.com/intl-es/album/0Dk1zYqcNxoDFNgGK6473u 

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc 

20250519-FAIA-presenta-ALVELA-na-Coruna

As pandeireteiras apostan pola comunidade e pola creación colectiva para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas

Somos Pandeireteiras aposta pola comunidade e pola creación colectiva como ferramentas fundamentais para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas


O Auditorio de Galicia acolleu este sábado 17, Día das Letras Galegas, a segunda xornada pública Somos Pandeireteiras, na que un cento de tocadoras puxeron sobre a mesa e debateron arredor do seu papel como transmisoras da lingua galega e das súas falas

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrou este sábado, Día das Letras Galegas, unha xornada pública de encontro e foliada na que un cento de mulleres tocadoras abordaron o seu papel como transmisoras da lingua galega e das falas e trazos dialectais de cada territorio. Sobre o escenario da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, as pandeireteiras, chegadas de distintos puntos do país, trataron en colectivo os retos comúns como tocadoras e integrantes de asociacións, e a cuestión de como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua.

A presidenta da asociación Somos Pandeireiteiras, Gisela Sanmartin, foi a responsable de dar a benvida á xornada cunha intervención na que comezou dando as grazas “a todas as mulleres pandeireteiras que mantiveron vivas as nosas falas; pois non temos unha soa, senón tantas como as aldeas e lugares que habitaron e seguen a habitar”. Neste sentido, salientou a presenza nesta xornada de Dina e Otilia, tocadoras de Chaín, así como das pandeireiteiras bergantiñás Carmen e Ermitas, que participaron na primeira edición de Somos Pandeireiteiras celebrada en Carballo no ano 2021. “Grazas a vós, e as que nos precederon, hoxe falamos galego”.

Deseguido, a vicepresidenta de Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón, tomou a palabra para expoñer o marco e as cuestións que se tratarían ao longo da xornada. Partindo da afirmación de que as tocadoras foron e son transmisoras de lingua galega, o cento de participantes analizou e compartiu as problemáticas que atopan á hora da transmisión das coplas e especialmente das falas, as metodoloxías que se poden empregar, ferramentas para favorecer a transmisión e o papel da educación e da divulgación nas escolas e nos escenarios. “Hoxe xuntámonos porque queremos saber cales son as mellores prácticas e ferramentas para manter viva a creación colectiva. Queremos crear un marco de como poderiamos facer unha transmisión o máis didáctica e amorosa posible tanto coa lingua galega como con todas as falas”, expresou Peón. 

A continuación, a xornalista Pilar García Rego moderou unha conversa coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas), na que se abordaron os retos individuais e colectivos como tocadoras, e na que se expresou “a necesidade de tecer redes e comunidade”, así como co desexo de que “este subidón de ferreñas por mor do 17 de maio non oculte os preocupantes datos sobre o descenso de galegofalantes”. 

As históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez foron as seguintes en conversar con Pilar García Rego sobre o seu sentir como pandeireiteiras, e salientar experienccias como tradición local das Festas das Casas, logo de botar unhas coplas que emocionaron ás asistentes da xornada.

O encontro, celebrado co apoio do Concello de Santiago co apoio de Compostela Cultura, continuou con catro mesas redondas moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) e nas que participaron as escritoras Lucía Aldao, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Estas foron as responsables de pechar a xornada coas conclusións tomadas arredor dela e que se poderán ler, proximamente, nunha publicación; e dar paso, a unha gran foliada aberta á cidadanía, celebrada no interior do Auditorio de Galicia. 

Máis información: www.somospandeireteiras.gal

20250517-Somos-Pandeireteiras

Presentación do libro CEREIXAS ROUBADAS na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba e da Editora Alvarellos, a presentación do libro CEREIXAS ROUBADAS, do Colectivo COMADRES DAS LETRAS, con limiar de Marga do Val.

O acto terá lugar o vindeiro venres 23 de maio de 2025, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, e contará coa presenza de escritoras do Colectivo Comadres das Letras. Presentará o evento Sabela Figueira, vicepresidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-COMADRES-DAS-LETRAS