O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) foi admitido para participar no Programa “Coñece a túa Provincia’2025”, convocado pola Deputación de Lugo, co seguinte CONTIDO (sempre suxeito a algún cambio):
A viaxe terá lugar o mércores 9 de abril de 2025, con saída dende a Casa da Cultura de Vilalba ás 9,00 horas.
Ás 10:00 terá lugar unha visita ao Paza de San Marcos.
A continuación levarase a cabo o Programa da Ruta concedida:
RUTA 22 (RIBAS DO SIL E QUIROGA): Visita á abadía de San Clodio e ao centro de interpretación da minería aurífera en Ribas de Sil. Visita ao Xeomiradoiro de Campodola. Visita a unha adega.
Servizos incluídos:A excursión será de balde e incluirá transporte, guía acompañante, xantar (menú pechado cun primeiro prato, segundo prato, sobremesa, café ou infusión e as bebidas indicadas o propio día da excursión), entradas aos lugares de visita e seguro de viaxeiros.*Recoméndase a todas as persoas participantes levar roupa e calzado cómodo/deportivo para a xornada de excursión.
PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN
PRAZAS CONCEDIDAS: 23
PRAZAS QUE SE POÑEN A DISPOSICIÓN DE SOCI@S E NON SOCI@S: 20
Nº DE PRAZAS RESERVADAS: 3 (PARA A ORGANIZACIÓN)
PRAZO DE INSCRICIÓN: DO 22 DE MARZO AO 1 DE ABRIL DE 2025 (ata as 18:00 horas)
DATOS OBRIGATORIOS DE CADA PERSOA SOLICITANTE: NOME, APELIDOS, DNI E TELÉFONO (SE HAI ALGÚN MENOR DE IDADE HAI QUE FACELO CONSTAR) (TAMÉN SE PODE FACER CONSTAR ALGUNHA NECESIDADE ESPECIAL -alerxia alimentaria, etc-)PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN
AS 20 PRAZAS SERÁN ADXUDICADAS MEDIANTE SORTEO PÚBLICO ENTRE AS SOLICITUDES PRESENTADAS (sempre que se sobrepase dita cantidade)
LEVARASE A CABO NO LOCAL DO IESCHA (NA CASA DA CULTURA) O MARTES 1 DE ABRIL DE 2025, A PARTIRES DAS 18:15 H.
TERÁN ABSOLUTA PREFERENCIA NO SORTEO OSSOCIOS E AS SOCIAS DO IESCHA.
O RESULTADO DO SORTEO SERÁ COMUNICADO A CADA SOLICITANTE MEDIANTE UNHA MENSAXE AO CORREO ELECTRÓNICO USADO NA INSCRICIÓN.
A banda Vimbio segue publicando nova música, desta vez cun EP titulado Ao vivo Rock in Río Tea 2024, no que o grupo presenta a interpretación en directo de Perseidas, Epicuro e Mayday durante a súa actuación no festival ponteareá. Coa presentación da versión en vivo dun dos seus temas máis recoñecidos, Mayday, de Perseidas, e do ata agora inédito Epicuro, o grupo pon enriba da mesa a carta de presentación ao seu enérxico e contundente directo.
Tras o lanzamento do seu máis recente éxito, Eu non quero traballar, Vimbio asenta neste 2025 as bases da súa carreira presentando a súa nova música e un directo co que espera marcar o ritmo da fusión entre o rap e o metal na escena galega. Con este EP a banda resalta a súa aposta por trasladar unha presentación en vivo demoledora dos seus temas, cunha posta en escena á altura do seu son. A banda presentará as seguintes datas da súa xira en 2025 proximamente.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.
Fillas de Cassandra publica Hibernarse, unha chamada á pausa fronte ao desenfreo do capital, e no que o dúo reclama espazo para levar o seu propio compás e compoñer desde a súa verdade
O primeiro avance do seu EP multiformato evidencia tamén a evolución da identidade das artistas, tanto a nivel sonoro como discursivo
María SOA e Sara Faro reclaman neste tema tempo para a “confección dun novo traxe”, que exemplifican a través de novos rexistros para as súas voces ou na experimentación coas texturas
Hibernarse, o primeiro “fascículo” do universo homónimo, é un chamado á pausa fronte á velocidade imposta polo “frenesí da industria e do fast-todo do capital”, o que vén sendo a esixencia de facer, con urxencia, todo dun xeito rápido. “Rápido e mal feito, dúas veces mal”, canta Fillas de Cassandra nesta peza, a primeira das catro que as artistas darán a coñecer desde hoxe e, semanalmente, até o 10 de abril.
Fronte ao ritmo desenfreado e á velocidade dos acontecementos vividos ao longo destes dous últimos anos (cando publicaron Acrópole), Sara Faro e María SOA avogan porque cadaquén poida tomar o tempo necesario para levar o seu propio compás e construír algo auténtico e duradeiro desde a súa verdade, como queren facer elas mesmas. É, ao cabo, o punto de partida do sinxelo: ás veces chegar tarde é mellor que non chegar.
Na construción desta reivindicación do dereito á espera, de que unha sexa tardeira para atopar o seu propio ritmo, Fillas de Cassandra emprega versos que evocan a sabedoría popular (ese “ti chega tarde que é mellor que non chegar”) ou a incerteza da elección (“como elixir entre a savia e o veleno se ainda non coñecemos a forma de todas as voces que teremos?”), coa intención de poñer sobre a mesa que os procesos de exploración son lentos e complexos e que supoñen que, para avanzar un paso, ás veces cómpre desandar outros catro.
É así como elas tamén cantan no retrouso ao “billete dourado”, unha figura que pode suxerir o porvir soñado, unha promesa de futuro que aínda está por chegar; mais que xa está presente no pensamento e na vontade das artistas. Así, neste Hibernarse, Fillas de Cassandra evidencia a evolución da súa identidade, unha transformación que manifesta no desexo “de mudar a voz e a pelaxe” coa finalidade de “achar as medidas para un novo traxe”, unha metáfora do proceso de busca de novas formas sonoras, musicais e discursivas sobre as que María SOA e Sara Faro xa están a traballar.
Neste Hibernarse, o público poderá escoitar novos rexistros das súas voces (evidenciado no retrouso do tema) e os xogos que estabelecen consonoridades e texturas; mais todo sen abandonar as súas sobranceiras harmonías vocais, os instrumentos orgánicos e a electrónica intensa que caracteriza ao dúo.
Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempoa través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, desde hoxe e, cada sete días, ata o xoves 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír a man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo fai reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora.
Aurora Boreal: Unha danza sobre a fugacidade da vida e a forza vital.
En Carballo dentro do programa Primavera en Danza na súa XXIII edición a compañía Paula Quintas&cia, presenta Aurora Boreal, unha peza de danza contemporánea que convida á contemplación e á reflexión sobre a fugacidade da vida e a súa conxelación fronte a unha sociedade de consumo fugaz. A obra explora a loita do ser humano ante as forzas da natureza e a percepción do tempo, creando un espazo onde o movemento e a atmósfera se entrelazan para ofrecer ao público unha experiencia única.
A través do corpo en movemento, Aurora Boreal reflexiona sobre a brevidade do existir, mostrando un combate entre a efemeridade da vida e a forza da natureza. A peza utiliza a metáfora dunha flor que loita por nacer e sobrevivir nun espazo hostil, resaltando a beleza da forza vital que, a pesar das adversidades, persiste e se manifesta. Este contraste entre a loita e a beleza que xurde da adversidade é un dos eixos centrais da obra.
Cunha estética nórdica e unha forte inspiración nas luminosidades fugaces das xeografías do norte, Aurora Boreal explora tamén a velocidade e a serenidade do efémero. As luces que iluminan o escenario imitan a intensidade e a fugacidade das auroras boreais, un fenómeno que só se manifesta en determinados momentos do ano e que, ao ser tan breve, deixa unha sensación de serenidade que se esfuma rapidamente.
Aurora Boreal non só é unha obra de danza contemporánea, senón un convite a experimentar a beleza do tránsito efémero da vida e da natureza. Un espazo para a reflexión, a paciencia e a admiración por aquilo que é breve pero significativo. O público terá a oportunidade de vivir un momento único, que se presenta como unha metáfora visual e emocional do noso propio paso polo mundo.
A peza será presentada no Pazo da cultura de Carballo o 28 de Marzo de 2025, e está dirixida a todos aqueles que desexan mergullarse nunha experiencia sensorial e poética, onde a danza, a luz e a composición musical se combinan para ofrecer unha reflexión profunda sobre a vida e o tempo.
Aurora Boreal é un proxecto apoiado pola Agadic a través das axudas á creación.
FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA
Dirección: Rut Balbís Asesoria de movemento: Tanit Cobas Interpretación: Paula Quintas Vestiario: Jandro Villa Iluminación: Octavio Mas Composición musical: Macarena Montesinos e Nacho Muñoz Composición audiovisual: Carla Andrade Asesoría artística: Manu Lago- Galicia Danza Contemporánea. Distribución: Lilian Portela- AMARELO Distribución Escénica Foto: Alberte Peiteavel Audiovisual: Miramemira
Colaboradores: Concello de Carballo, Teatro Ensalle, A Casa Vella, Ifgae, Fundación Granell, Paso a dos, Concello da Estrada, LaboGo Donosti, Centro coreográfico Galego, Arturo Cobas, Xacobo Torres, Javier Quintana.