‘O Orgullo do Norte’ coruñés presenta tres novos directos este venres no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez, con Judeline, Paula Koops e as drags Ariel REC & Gaylicia

Ao cargo das pinchadas que animarán a apertura e a clausura da noite ­estarán DJ Cés (para abrir a velada ás 20.00 horas) e a estrala dos pratos DJ Cascales (a partir das 01.15 horas)

O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, o apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

Unha das figuras máis destacadas na neotradición musical actual, Judeline, aterra no Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, mañá venres, 11 de xullo, a partir das 00.15 horas. Judeline promete un directo para o recordo co seu célebre pop experimental, do que son seguidores os mesmísimos Rosalía e Bud Bunny, e que fai referencias aos estilos máis diversos, como o flamenco, o trap, o R&B ou o reguetón. Antes de visitar A Coruña, a artista levou o seu cautivador  Joropo a Coachella o pasado mes de abril, onde compartiu escenario con estrelas mundiais como Lady Gaga, Charli XCX ou Travis Scott.

Tamén o venres, ás 22.15 horas, fará a súa aparición no Atlantic Pride unha das promesas da nova onda pop española, Paula Koops, cun son propio que lembra con nostalxia a unha fusión dos estrañados anos 2000 coas tendencias musicais actuais. Xnto a elas, o ‘Orgullo do Norte’ da Coruña acollerá unha nova, reivindicativa e divertida posta en escena drag, a cargo de Ariel REC & Gaylicia.

Nesta sexta xornada do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, as pinchadas para abrir a noite, ás 20.00h, correrán a cargo de DJ Cés, mentres que o estrela dos pratos DJ Cascales será o encargado de poñer a bailar ao público na clausura da xornada a partir das 01.15 horas.

PROGRAMA ATLANTIC PRIDE 2025 

Venres, 11 de xullo

Xardíns de Méndez Núñez

20.00h. DJ Cés

21.30h. Ariel Rec & Gaylicia

22.15h. Paula Koops

23.45h. Ariel Rec & Gaylicia

00.15h. Judeline

00.30h. DJ Cascales

SOBRE AS ARTISTAS DO VENRES 11 DE XULLO NO ATLANTIC PRIDE 2025

Judeline

Lara Fernández (Xerez da Fronteira, 2003) parece que viva no futuro, pero canta como ninguén a tradición do presente. Co seu proxecto Judeline entende tan ben o pop que é capaz de estirar os seus límites, tocando desde as herdanzas territoriais ata a dixitalización dos medios. Nesta época neo-tradicionalista os pícaros cruzan Xibraltar e as tonadilleiras son poliamorosas. Ninguén como ela soubo integrar no lugar onde tiña que estar. Criada no edén de Caños de Meca, nunha familia que entendía o valor da música, aprendeu a tararear antes que a balbucir. Hábil co piano, a guitarra e o catro vernezolano, pero tamén sobre os beats e co ‘pitcheo’. Sexa facendo unha versión a Lola Flores, sampleando a Antonio Carmona ou traballando con produtores da talla de Tainy ou Alizzz, mantén o seu pulso ao tempo e con todo o nivel.

Desde os 17 anos vive en Madrid, onde visitou todas as jam sessions e estudos de gravación que se lle puxeron ao toque. Co seu tándem de produtores Tuiste e Mayo, publicou un primeiro EP, de la luz (2022), recomendado polos mesmísimos “popes” do novo pop, Rosalía e Bad Bunny, que, como ela, entenden a experimentación como parte do proceso ao mainstream.

Desde entón, o name-dropping de recoñecementos foi de escándalo. É a Up Next España de agosto de 2023 en Apple Music, forma parte do programa DSCVR Artists To Watch de Vevo e é a primeira artista española en aparecer na serie Spotify Singles, versionando a Shakira, Alejandro Sanz e a Yahritza e a súa Esencia. Marcas como Adidas ou El Corte Inglés fixérona anfitrioa das súas campañas e protagonizou o vídeo Un tren de Navidad, de Vogue España, celebrando a súa vinculación coa moda e as novas tendencias.

Despois de gañarse o ceo da audiencia coas súas cancións Canijo e 2+1, abre esta nova etapa cunha xira europea teloneando a J Balvin. E, por suposto, coa súa xa esperada posta de longo, un álbum coproducido con Rob Bisel (SZA, Tate McRae…), Mayo, Tuiste e Drummie, do que xa nos adiantou o chill-house de mangata. Agora dirán que as tradicións só as dita o tempo, pero Judeline ten todas as cartas na súa baza para ser a que lidere a actual xeración.

Paula Koops

Paula Koops é unha xoven cantante, música e compositora que non deixa indiferente a ninguén coas súas cancións. En tan só un ano na industria musical, a artista posicionouse como unha das promesas da nova onda pop española. Os seus temas suman máis de 23 millóns de streams en Spotify, acumula preto de 700.000 oíntes mensuais en plataformas dixitais, as súas cancións e vídeos vólvense virales en TikTok e posicionouse como Artista Radar Global de Spotify.

Paula Koops atopou un son propio, que lembra con nostalxia a unha fusión dos estrañados anos 2000 coas tendencias musicais actuais. As súas letras plasman as súas experiencias persoais, o que lle fixo achegarse a toda unha xeración que ansía conectar cos seus artistas favoritos e verse reflectida nas súas cancións.

Co lanzamento do seu álbum debut, Motel, Paula Koops converteuse na artista revelación de 2025, protagonizando os festivais máis importantes e cunha extensa xira ao redor de España, colgando o cartel de ‘sold out’ na maioría das súas datas, como na mítica sala Riviera de Madrid.

Ariel REC & Gaylicia

Ariel Rec é unha artista drag, cantante, fotógrafa, youtuber e artista de tatuaxe española. Foi unha das concursantes da segunda tempada de Drag Race España. O seu nome, Ariel, inspírase en La sirenita, mentres que Rec provén da súa carreira como youtuber.

En decembro de 2019 lanza o seu tema musical No quiero, no que a artista narra a través da letra a súa carreira no drag desde os seus inicios. En 2020 fíxose eco no medio dixital Vozpópuli das estratexias de pinkwashing das empresas durante o mes do Orgullo LGTBIQ+. En 2022, competiu na segunda tempada de Drag Race España. No segundo episodio quedou entre as dúas nomeadas a eliminación. Finalmente, foi derrotada por Samantha Ballentines nunha batalla de lip sync, o que a levou a ser a segunda eliminada da tempada. En abril dese mesmo mes realizou unha colaboración de maquillaxe co medio dixital Cosmopolitan.

Posteriormente, tras a final de Drag Race España, Ariel formou parte da segunda edición da xira nacional del Gran Hotel de las Reinas. Ao Atlantic Pride da Coruña chega este verán da man de Gaylicia, “unha tía chulísima e moi sexy”, como ela mesma se define, que foi gañadora da Dragalada Drag Tour Madrid.

GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO, ICONAS LGTBIQ+ e DRAGS NO ORGULLO DO NORTE 

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. 

A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. O encontro nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria para recibir relatos ata este sábado, 31 de maio.

Nesta 6ª edición, o Atlantic Pride contarña coa presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.

A elas súmanse, tamén, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, como son Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales. Turista Sueca poñerá a súa boa dose de festa, petardeo e humor, mentres que aos pratos estarán, tamén, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS.

Ademais, o mellor talento drag queen estatal e galego, de Drag Race ao Claro Boba!, sumaranse este verán á festa do Atlantic Pride, que neste 2025 contará co maior elenco drag da súa historia. Así, polas táboas do ‘Orgullo do Norte’ desfilarán grandes iconas queer como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst. Finalmente, a xornada de clausura do Atlantic Pride será un auténtico revival eurovisivo coas voces de David Civera, Anabel Conde e Kuve.

En paralelo á programación deste Atlantic Pride 2025, o sábado 12 de xullo, o local Claro Boba! e o programa da TVG Raíña-me! Organizan a ‘Afterpartie Raíña-me!’, con entrada libre e actuacións de Alexa Evans, Marisa Prisa e Kim Miller a partir das 02.30h. 

20250710-NP-axenda-venres-11-Atlantic-Pride-2025