MONTSE RIVERA (mestra de baile tradicional, pandeireteira e compoñente de Leilía) e XABIER IGLESIAS (bailador, músico e director da escola Oxeito) achegan o baile e a música tradicional ás crianzas con esta peza teatral, chea de música e danza, ambientada no Medievo, que leva por título “María Balteira, a pandereteira primeira”.
Sinopse
Pedro Amigo é mestre de música, e María Balteira a súa alumna, Pedro ensínalle a María as cantigas do Ciclo do Ano (Nadal, Entroido, Maio…) mais María gústalle tocar a pandeireta e soña con bailar. Un día cóntalle os seus soños a Pedro, este fica abraiado co xeito de bailar e cantar de María e pídelle que lle ensine.
O rei Sabio quere que todas as crianzas do seu reino aprendan a bailar e a cantar e pon un anuncio para buscar mestres, María e Pedro ven a oportunidade para cumprir os seus soños e acoden á chamada do rei.
O espectáculo, cunha duración de 40-45 minutos, vai dirixido para nenas e nenos entre 5 e 11 anos e público familiar. Para asistir é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
GRANDES NOMES EUROPEOS DO ROCK E O METAL ALTERNATIVO CHEGARÁN A BETANZOS
O EVENTO TERÁ LUGAR O PRÓXIMO 4 E 5 DE XULLO E OS ABONOS PROMOCIONAIS SAIRÁN Á VENDA O PRÓXIMO VENRES 11 DE ABRIL
O festival Fumega Fest acaba de dar a coñecer o seu cartel para a súa primeira edición. O evento, que terá lugar o 4 e 5 de xullo no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, aposta por grandes nomes a nivel europeo, con bandas da talla de Monkey3 (Suiza), (Bélxica), Greenleaf (Suecia) ou Dvne (Escocia). Xunto a eles, actuarán Exxasens (Barcelona), Mohama Saz (Madrid), Mano de Piedra (Vigo) e Kalte Sonne (Lugo). Este cartel de luxo abrangue o mellor do stoner rock, post-rock, psych, space-rock e post-metal, nunha aposta forte por conformar un cartel á altura dos mellores festivais europeos da escena.
Betanzos fará unha viaxe musical a través da distorsión e os ritmos intensos con dous días cheos de boa música nun marco incomparable. Baixo a mirada do Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural e un dos parques con máis historia de Europa, arranca unha primeira edición que promete ser única en Galicia.
Os abonos para o Fumega Fest sairán á venda o próximo venres 11 de abril en www.fumegafest.com e Enterticket a un prezo promocional de 45€ + gastos de xestión. O festival porá á venda tamén a acampada, que contará con zona cuberta, control de acceso e todos os servizos do pavillón municipal. Atoparase a escasos metros andando do recinto de concertos e do centro da vila, e terá un prezo de 15€.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.
COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST
Un dos grandes cabezas de cartel desta edición é Monkey3. Dende Suiza, o grupo trae unha fusión explosiva de stoner rock, space rock e progresivo. Nacidos no 2001 como unha banda de jam sessions, evolucionaron ata converterse nunha das formacións máis respectadas do xénero en Europa. Os seus directos son unha auténtica viaxe sensorial, con guitarras expansivas, teclados psicodélicos e unha enerxía demoledora.
Dende Escocia chega outro dos grandes atractivos do festival, Dvne, que destaca como unha das bandas máis potentes e ambiciosas do post-metal progresivo. Cun son épico que fusiona stoner, sludge, doom e metal progresivo, o seu estilo bebe de influencias como Mastodon, Neurosis e Pink Floyd, creando composicións expansivas e atmosféricas.
Neste caso dende Bélxica, a intensidade progresiva de Psychonaut converteunos nunha das propostas máis innovadoras do stoner e post-metal. Influenciados por Led Zeppelin, Pink Floyd e Tool, combinan riffs esmagadores con conceptos filosóficos e espirituais nos seus discos. Coñecidos polos seus directos impactantes e unha posta en escena escura e envolvente, son unha das grandes apostas do festival.
O último dos grandes nomes desta edición chegará dende Suecia, onde Greenleaf creou o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. Mesturando a potencia das paisaxes sonoras creadas coas súas guitarras e unhas cautivadoras voces de blues, a banda sueca chegan para ofrecer un espectáculo frenético e hipnotizante a partes iguais.
O festival aposta tamén por grandes nomes consagrados da escena estatal. Os cataláns Exxasens levan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. A súa música evoca viaxes interestelares con guitarras etéreas, sintetizadores envolventes e unha produción meticulosa. Dende terras madrileñas chega unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África, creando unha experiencia sonora única. A súa música, cunha forte carga política e experimental, é un convite ao trance e á exploración sen límites.
No festival tamén haberá espazo para gozar de dúas das bandas máis representativas da escena galega. Dende Vigo emerxe Mano de Piedra, unha banda que fusiona stoner, hardcore e post metal cunha brutalidade sonora impactante. Dende Lugo aterrará o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, grupo que se destacou en festivais de toda Europa. A súa capacidade para crear atmosferas cinematográficas e envolventes é unha aposta segura para quen busca emocións intensas e paisaxes sonoras inesquecibles.
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a EXPOSICIÓN “UNIVERSO VIZOSO”, promovida e financiada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Rede Museística Provincial e de Arraianos Producións, e conformada por carteis e ilustracións da autoría do artista mindoniense XOSÉ VIZOSO, recentemente falecido.
A inauguración terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o martes8 de abril de 2025, ás 11:30 horas, e contará coa visita guiada da mostra a cargo de ASER ÁLVAREZ, comisario da exposición. Permanecerá aberta ao público ata o 7 de maio de 2025.
arderse é o terceiro dos catro fascículos do EP Hibernarse, epicentro do novo proxecto multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo
Hibernarse é o resultado dun proceso de traballo fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro, logo de dous anos de crecemento como grupo e de maduración persoal e discursiva
Neste sinxelo, Fillas de Cassandra convida a buscar un espazo de calma “nun mundo que impón a velocidade e a produtividade como valores supremos”
Ata que punto estamos a vivir a nosa propia vida ou simplemente seguindo os reloxos dos demais? Velaquí o lugar do que parte arderse, o último sinxelo de FIllas de Cassandra. O terceiro fascículo do seu novo EP, Hibernarse, conta desta volta coa colaboración doutro dúo galego: Caamaño&Ameixeiras. O tema xa está dispoñible, desde hoxe, en todas as plataformas dixitais.
A construción social do tempo segue a ser o eixe central sobre o que xira Hibernarse, o novo proxecto multiformato de Fillas de Cassandra. Se no primeiro fascículo o tema homónimo criticaba a falta de pausa necesaria para o desenvolvemento creativo e, no segundo, a fragmentación do tempo a causa da guerra, nesta peza as viguesas tratan a imposición social de “vivir cada instante coma se fose o último” e cuestionan a alienación provocada a partir dos ritmos marcados polo sistema e a “falsa” produtividade, no lugar de gozar “dunha percepción máis libre e propia do paso do tempo”.
Así, versos como “Nos vosos reloxos non me podo ver” ou “Nun pulso co pulso, quen tería gañado?” poñen de manifesto a desconexión entre a vivencia persoal do tempo e os marcos estritos que a sociedade establece. Ao fío, Fillas de Cassandra emprega os conceptos do lume e da combustión para subliñar esa tensión. Neste sentido, a sentenza ”Árdeme o eixo, árdeme o carro, arde o que fun, o que son, o pasado” apunta á necesidade de romper coas imposicións temporais “para recuperar un tempo propio, o tempo vivido e como queremos vivir o tempo que nos queda.”
A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, e que propón unha constante sensación de fuxida cara a adiante a través dos bucles melódicos, conta coa colaboración de Caamaño&Ameixeiras, con quen constrúen unha paisaxe sonora en constante transformación. Diferentes ambientes e escenarios musicais sucédense inexorablemente e dialogan entre si.
O violín de Antía Ameixeiras, fráxil e etéreo nun inicio, convértese en ritmo, percusión e pandeireta, mentres o acordeón de Sabela Caamaño viaxa dende o preciosismo máis delicado ata sonoridades mecánicas que dialogan á perfección coa electrónica proposta por Fillas de Cassandra. Xuntas, xogan coas tímbricas tradicionais dos seus instrumentos acústicos, pero tamén as levan ao límite, combinando sons amables con outros máis ásperos e ferintes.
Fortemente arraigadas á música de raíz, Caamaño&Ameixeiras achéganlle á canción terra e pouso; e a carón do dúo vigués crean un son que viaxa entre o íntimo e o visceral. Entre o incómodo e o pracenteiro. Entre o magnético e o salvaxe. Coma todo o que arde.
Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempoa través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dá a coñecer cada sete días ata o xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poida descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
O FESTIVAL TERÁ LUGAR NO PARQUE DO PASATEMPO DE BETANZOS O 4 E 5 DE XULLO
Comeza a andaina dun novo festival en Galicia. Cunha proposta moi diferente no musical aos festivais populares de hoxe en día, confórmase o novo festival de referencia para o público do rock e metal alternativo, o Fumega Fest. Este anuncio vén acompañado das datas de celebración do festival, que terá lugar entre os días 4 e 5 de xullo. Ubicado no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, declarado Ben de Interese Cultural, este novo evento acollerá a algunhas das mellores bandas de Europa de stoner, psych, space rock ou post metal, ocupando un espazo ata agora orfo en territorio galego e estatal. Os artistas e as entradas verán a luz nos próximos días, segundo avanza a organización.
Fumega Fest nace para ser unha referencia estatal nos festivais destes xéneros, que teñen unha grande acollida arredor de Europa ou mesmo de Portugal. Neste sentido, o festival mírase no espello de outros xa consolidados como o Roadburn, Desert Fest (con edicións en catro cidades europeas e en Nova York), Sonic Blast ou DunaJam coa intención de facerse un oco dentro do circuíto de festivais da música rock e metal alternativo en Europa.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.