
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, este certame pioneiro no sector da autoedición
Neste 2025, o premio recaeu na obra “La ilusión”, cunha dotación de 1.250 € e un trofeo personalizado por Luis Yang, gañador da pasada edición do premio
O xurado especializado, integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang e Sira González, decidiu outorgarlle, tamén, o accésit con diploma a Brais Rodríguez, pola súa obra “Enxoval”, cunha dotación de 350€
Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines “Tales from the Wispering Realm”, de Anabel Colazo; “Foresta”, de Eloy Hermida; e “La balada del Príncipe Zarzaparrilla”, de Paz Rodríguez
Este II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recibiu un total de 50 proxectos aspirantes ao galardón, que o público poderá ler na mostra ‘Expofanzines Autobán ‘no marco do festival Viñetas desde o Atlántico 2025, do 11 de agosto ao 21 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña
A entrega do premio terá lugar o venres 15 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán
A información completa do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio25
O II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, xa ten gañadora. Julia Abalde alzouse co galardón grazas á súa obra La ilusión. O premio consta dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man polo artista Luis Yang (gañador da primeira edición do certame). O xurado especializado do certame, integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang e Sira González decidiu outorgarlle, tamén, o accésit con diploma, cunha dotación de 350 €, a Brais Rodríguez, pola súa obra Enxoval.
Este II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recibiu un total de 50 proxectos. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Tales from the Wispering Realm, de Anabel Colazo; Foresta, de Eloy Hermida; e La balada del Príncipe Zarzaparrilla, de Paz Rodríguez.
A entrega do premio terá lugar o venres 15 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán. Ademais, o público poderá ver e ler todas as obras presentadas a concurso –un total de 50– na mostra ‘Expofanzines Autobán’ no marco do festival Viñetas desde o Atlántico 2025, do 11 de agosto ao 21 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
O II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, recolle a participación de todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo fosen de orixe galega ou estiveran fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres. A información completa pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio25.
GAÑADORES DO II PREMIO AUTOBÁN AO MELLOR FANZINE GALEGO 2024-2025
Julia Abalde (A Coruña, 1988) é una ilustradora que no seu traballo combina intimidade, perspicacia e humor, desenvolvendo, especialmente, nos seus fanzines, unha exploración visual do mundo interior a través de debuxos e textos poéticos.
Estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona, cidade na que se instalou en 2007 e onde viviu case dúas décadas. Durante a carreira, realiza unha estancia semestral no departamento de ilustración da escola MassArt (Boston, Estados Unidos) e, posteriormente, complementa os seus estudos cun posgrado en Ilustración Creativa (Escola Eina, 2011) e cursa a mestría en Formación ao Profesorado, especialidade en Debuxo e Artes Plásticas (UNIR, 2017).
Ao longo da súa traxectoria, Julia compaxina a súa labor artística coa docencia en diferentes ámbitos: obradorista en museos e institucións como a Fundación Miró ou o Museo Picasso, docente de artes plásticas en Educación Secundaria e cocreadora do proxecto Pin Tam Pon, un xogo de estampación que serviu de punto de partida para un universo de propostas creativas como o libro “¡Tris, tras! Cuentos y actividades para imaginar, crear y jugar” ou o curso “Técnicas de estampación para niños” na plataforma Domestika.
En 2023 regresa á súa cidade natal, un retorno marcado por un proceso de dó amoroso que condensa no poemario ilustrado La ilusión, unha pequena publicación autoeditada que acolle nas súas páxinas todo o dolor, o humor e o amor propios dunha despedida e un novo comezo.
Pola súa banda, Brais Rodríguez (1980) é Licenciado en Belas Artes. Leva publicados varios fanzines no selo Carne líquida: Enxoval (2024), La chica con el sol en su cabeza (2016) ou Sombra (2017). Tamén publicou La mano del diablo, con Astiberri, no ano 2010.
En 2022 foi bolseiro da Academia de España en Roma. Participou nas exposicións Surexposition. La photo en BD (IMMIXgalerie, París, 2020), El arte en el cómic (Fundación Telefónica) ou Not Your Regular Wall (Washington D.C., 2024). Foi merecedor de varios galardóns, coma o Premio Castelao, o GZ Crea e o Injuve. É profesor na EASD Pablo Picasso.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN
En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.
MÁIS INFORMACIÓN
2025.08.05.-NP-Fallo-II-Premio-Autoban-24-25