• A 12º edición do festival bota o pano cun éxito rotundo de público: máis de 1.800 persoas asistiron aos concertos
  • A dirección do festival salienta tanto a calidade artística das participantes coma a singularidade dos emprezamentos nos que se desenvolveu o evento, que estreou como sede a Igrexa de San Francisco
  • A súa programación, variada e innovadora, permitiu ao público descubrir tanto diferentes tipos de arpas coma a súa interpretación en diversos estilos musicais


A 12ª edición do Noia Harp Fest despídese ata o ano que vén consolidando o evento como todo un referente cultural no mundo da arpa. Tras cinco xornadas de concertos, con trece actuacións en sete escenarios, o festival, o único dedicado ao instrumento no noroeste peninsular, bota o pano cun éxito rotundo tanto de asistencia de público coma de calidade artística.

O evento cultural, organizado por Nalgures Producións, e que conta coa dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, reuniu estas semanas na vila de Noia a intérpretes recoñecidas a nivel internacional, como Ana Crismán, Kevin Le Pennec, Rebecca Hill ou Yofre Brito, no marco dunha programación variada e innovadora, na que a excelencia musical foi o sinal de identidade. 

Ao longo de cinco xornadas, máis de 1.800 asistentes puideron gozar dunha ampla programación de trece concertos (doce deles gratuítos) que achegaron o instrumento ao público a través da súa interpretación tanto con diferentes tipos (arpa de palancas, arpa de pedais, arpa triple barroca, arpa llanera) coma de ámbitos ou estilos musicais (clásico, folk, música antiga, flamenco, etc). 

Primeiras espadas do instrumento, e tamén as xeracións máis novas do país, deron conta da súa calidade nunha serie de emprazamentos emblemáticos da vila, como Praza do Tapal, Liceo de Noia, Praza do Curro -que acolleu a foliada de benvida cunha homenaxe a Emilio Cao-, Igrexa Museo Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela e a Igrexa e Claustro de San Francisco. Precisamente esta última igrexa, que se estreou como sede neste 2025, revelouse como un escenario moi especial grazas a súa magnífica acústica, moi axeitada para o concerto de música antiga que ofreceu El concierto secreto, ensemble conformado por Juliette Commeaux e Laia Blasco; unha actuación celebrada coa colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA), coa que Noia Harp Fest segue a tecer rede para presentar, en Galicia, o mellor do talento peninsular. 

Nesta liña divulgativa, o festival celebrou o IV Encontro de Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha cita anual de referencia tanto para as e os estudantes do instrumento como para os seus centros. Unha xornada de convivencia, aprendizaxe, música e experiencia que garante un grande futuro para a arpa en Galicia. Este ano, ademais, as máis de 20 participantes tiveron a oportunidade de poder ensaiar unha peza conxunta cun dos artistas desta edición, Kevin Le Pennec.

O 12º Noia Harp Fest despediuse onte cun concerto especial, como foi a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, na que se estreou Cuatro historias gallegas, do guitarrista e compositor arxentino Federico Beilinson. O Teatro Coliseo Noela acolleu unha celebración na que a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca (e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola coma solistas), estreou a obra gañadora deste certame, impulsado polo festival e polo Concello de Noia. Tamén se puido escoitar, por vez primeira, Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, peza composta polo uruguaio afincado na Coruña Gabriel Bussi. 

Tanto a organización (Nalgures Producións) como a dirección (Asociación Noia Harp Fest) queren agradecer a artistas e público a súa participación na programación, e moi especialmente, ás institucións que fixeron posible esta 12ª edición: o Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, Deputación da Coruña e Acción Cultural Española AC/E.

*Imaxes Gala Portus Apostoli © Jerry Elefarte

20250808-Balance-Noia-Harp-Fest