
O Teatro Coliseo Noela acollerá a estrea mundial da peza Cuatro historias gallegas,de Federico Beilinson, e da mención de honra Folías celtas, de Gabriel Bussi, que serán interpretadas pola Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Sebastian Zinca e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola coma solistas
As últimas entradas dispoñibles para a Gala, na que tamén se poderán escoitar obras de Debussy e Ravel, están á venda en www.ataquilla.com
O Noia Harp Fest prepárase para despedir a súa 12ª edición. Tras gozar de catro xornadas de concertos con Ana Crismán, Bleuenn Le Friec, Kevin Le Pennec, Quico Comesaña ou Rebecca Hill, mañá, xoves 7 de agosto, porá o ramo coa celebración da Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. Durante a mesma producirase a estrea mundial da obra gañadora, titulada Cuatro historias gallegas, do guitarrista e compositor arxentino Federico Beilinson; mais tamén a mención de honra, Folías Celtas, do uruguaio afincado na Coruña Gabriel Bussi.
Precisamente esta mañá o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela acolleu o ensaio xeral das obras, ao que tamén asistiron, ademais de Beilinson e Bussi, o codirector do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní; e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte. A RFG, baixo a dirección de Sebastian Zinca, será a responsable de interpretar as pezas, nas que se acompañará de dúas recoñecidas arpistas: Claudia Besné, quen regresa ao festival após o seu exitoso paso hai dous anos, e Francesca Romana Di Nicola. Ademais, a orquestra tamén ofrecerá un repertorio no que se incluirán pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel. As últimas entradas para asistir á cita, que terá lugar no Teatro Coliseo Noela a partir das 20.30 horas, están á venda na plataforma www.ataquilla.com. O concerto contará coa presenza tanto dos autores coma de representantes do Concello de Noia, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.
O Premio Internacional de Composición Portus Apostoli é certame innovador promovido polo Noia Harp Fest e polo Concello de Noia que procura aumentar o repertorio para arpa e orquestra. A súa cuarta convocatoria, aberta a compositoras e compositores de todo o mundo, xa está en marcha desde o mes de maio e recibirá partituras orixinais ata decembro. Coa estrea da última gañadora, e grazas á colaboración da Real Filharmonía de Galicia, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia bota o pano até o 2026.
NOIA HARP FEST
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa é o eixe que vertebra unha programación que, cada verán, reúne diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes.
O Noia Harp Fest, que decorreu do 30 de xullo ao 2 de agosto e que mañá xoves celebra a Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli, presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, Claudia Besné, D’Súpeto, Francesca Romana Di Nicola, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito, ademais da Real Filharmonía de Galicia, actúan nun evento que tamén promove o único Encontro do alumnado de arpa das escolas de Galicia.
Este 2025, Noia acolle trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña.



AXENDA NOIA HARP FEST | XOVES 7 DE AGOSTO 2025
20.30h | Teatro Coliseo Noela
Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli *
Real Filharmonía de Galicia
Sebastian Zinca, director
Claudia Besné, solista
Francesca Romana di Nicola, solista
* Asisten o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, Soledad Agra; e a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.
*Imaxes do Ensaio Gala de entrega do Premio Portus Apostoli © RFG 1-5
20250806-Axenda-NHF-xoves-7